A presidenta do Parlamento amonesta a Ana Pontón por chamarlle "corrupto" a Feijóo

Ana Pontón, vicevoceira do BNG na Cámara CC-BY-NC-SA BNG

O primeiro pleno do Parlamento tras as restricións de acceso da cidadanía á Cámara e da tensión xerada en torno ás mesmas foi calquera cousa menos tranquilo. Episodios como a estrita expulsión dun deputado de AGE cando o popular Miguel Santalices presidía accidentalmente o pleno non fixeron máis que incrementar a temperatura dialéctica dunha sesión plenaria na que a xefa do lexislativo, Pilar Rojo, se amosou especialmente rigorosa no que atinxe ás chamadas á orde, isto é, as amonestacións que se aplican cando un membro da Cámara atenta contra as normas e que, se chegan a tres, comportan a expulsión. Unha das deputadas apercibidas foi a nacionalista Ana Pontón. O motivo non foi outro que cualificar de "corrupto" ao presidente da Xunta.

Despois dunha intensa sesión de control, na que Alberto Núñez Feijóo, entre outras afirmacións, censurou o "amparo" do BNG ao ex conselleiro Fernando Blanco cando foi imputado no caso Campeón, Pontón tomou a palabra nun debate sobre as peaxes da AP-9. Aproveitando a súa quenda Pontón sulbiñou que Blanco "dimitiu" de todos os seus cargos "antes de ser imputado", un feito que, ao seu xuízo, esixía unha "rectificación" por parte de Feijóo. "En política non vale todo", sinalou a deputada do Bloque, dende cuxo punto de vista "a mentira tamén é corrupción" e, polo tanto, "Feijóo é un corrupto".

Rojo forzou que as palabras de Pontón fosen retiradas do Diario de Sesións

Esas afirmacións de Pontón deron lugar á devandita chamada á orde e, ademais, á esixencia de que a afirmación da parlamentaria fose retirada para que así non conste no Diario de Sesións. "Se non a retira vostede, fareino eu", advertiu a presidenta ante a negativa da nacionalista. "Se Feijóo mente, é un corrupto", reiterou a deputada, cuxa amonestación si figurará nas actas parlamentarias, pero non as verbas sobre o xefe do Goberno galego que a suscitaron.

Esta non foi, nin moito menos, a única chamada á orde aplicada por Rojo ao longo da sesión. Ben ao contrario, pasaran poucos minutos do inicio da sesión cando o secretario xeral do PSdeG, Pachi Vázquez, foi tamén apercibido, no seu caso por exceder o tempo de intervención durante a sesión de control a Feijóo. A presidenta tamén lle lembrou ao titular da Xunta que estaba a falar máis tempo do que lle correspondía, se ben para o seu xefe de filas non houbo chamada á orde.

Ana Pontón, vicevoceira do BNG na Cámara CC-BY-NC-SA BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.