"Rexeitar o galego na escola é aceptar ser máis ignorantes; o castelán xa está en todos lados"

Itziar Idiazabal, traballando na Cátedra Unesco da UPV © MHO UNESCO Katedra

Itziar Idiazabal é a coordinadora da Cátedra Unesco de Patrimonio Lingüístico Mundial da Universidade do País Vasco (UPV). Catedrática do Departamento de Lingüística e Estudos Vascos e experta en adquisición da linguaxe de nenos bilingües e en ensino bilingüe, fala con Praza a poucos días da celebración do Día Internacional da Lingua Materna, o vindeiro 21 de febreiro. Desde a cátedra, traballa para "difundir a idea de que é importante manter, fortalecer e preservar todas as linguas, que son fonte da diversidade" e para loitar tamén "contra os prexuízos" que  hai arredor da diversidade idiomática.

Como ve a visión que no Estado español hai da diversidade lingüística?

No Estado español, ao igual que en moitas partes de Occidente, aínda prevalece a idea de que o monolingüismo é a opción ideal, tanto desde o punto de vista individual como social. Do Ebro para abaixo, no caso de Euskadi, aínda se segue a falar do “problema” do bilingüismo cando o verdadeiro problema é o monolingüismo.  Queda moito por facer, tanto nas comunidades bilingües como, sobre todo, nos territorios monolingües.

"No Estado, ao igual que en moitas partes de Occidente, aínda prevalece a idea de que o monolingüismo é o ideal"

A que cre que se deben os prexuízos?

É unha cuestión de incultura revestida de toda a ideoloxía que hai e que, en momentos como nos actuais, aumenta a ignorancia e os prexuízos, como aqueles que din que cantos máis idiomas se saiban peor se fala ou que hai linguas doadas ou difíciles...

Pero por que se ve como un problema falar máis dunha lingua?

Aínda se tende a considerar como problema en lugar de consideralo como negocio, é verdade. Os ingleses teñen un negocio fabuloso co seu idioma, pero os que somos bilingües tamén deberiamos aumentar o noso valor porque en realidade somos máis valiosos. Aínda non vendemos este valor e creo que se podería vender porque desde moi pequenos sabemos que cada un ten a súa especificidade lingüística e que nos esforzamos por aprender os idiomas de aló onde imos. Os que vimos de comunidades bilingües temos moito que ofrecer ao resto do mundo porque o mundo occidental rico ten moita ignorancia neste ámbito.

"Os modelos ou plans lingüísticos deberían durar polo menos unha xeración; non son un traxe que se quita e se pon"

Como ve desde Euskadi a situación lingüística en Galicia?

O que nos chega aquí de Galicia non é moito e creo que hai moito descoñecemento. Si lembro os cambios lexislativos de Feijóo, a  derrogación do anterior decreto do bipartito e a idea da Xunta de permitir os pais elixir cada certo tempo o modelo lingüístico. Creo que isto é unha aberración. É certo que é fundamental implicar os pais na escola, pero non se pode cambiar un sistema educativo cada certo tempo nin facelo depender da elección das familias. Esta medida é totalmente antipedagóxica. Pode haber diversos modelos ou plans, pero deberían durar polo menos o que dura unha xeración. A cuestión das linguas non é un traxe que se quita e se pon.

Ocorre o mesmo no País Vasco?

As tentacións en Euskadi tamén son grandes e non se libra ningunha corrente política, pero facer que a educación cambie en función da corrente ideolóxica ou política é un atraso. Tampouco se pode intentar implantar un mesmo modelo para todo o territorio estatal, porque a lingua condiciónao todo. No fondo creo que o que hai é unha enorme ignorancia e falta de cultura pedagóxica e lingüística.

"Debemos deixar claro xa que a xente bilingüe está en mellor situación para ser plurilingüe"

Que se debe reivindicar desde as comunidades bilingües?

Creo que xa é hora de deixar claro que a xente que é bilingüe está en mellor situación para ser plurilingüe e responder mellor ás necesidades de formación. Que outra cousa te prepara mellor que empregar dúas linguas, pensalas, traducilas...? Claro que os bilingües teñen vantaxes cognitivas! E iso debería ser fácil de entender. Desde Galicia chegoume unha frase, que considero moi acertada, cando se acusaba o Goberno central de “financiar a ignorancia” en canto á Lei Wert e a posibilidade de non dar clases na lingua propia e ter paga a opción en castelán. É unha aberración, unha vergonza e unha cousa moi retrógrada.

Cal sería o modelo lingüístico ideal para a educación nos territorios con dous idiomas?

O que está moi claro é que a lingua materna é absolutamente sagrada para a escola, pero non sempre, fundamentalmente cando hai linguas pequenas e minorizadas como o galego, o éuscaro ou o catalán. Nestes casos, a educación ten a obriga fundamental de desenvolver esta lingua e a familia só non abonda para que un idioma se desenvolva. No entanto, os que teñen como lingua materna unha grande e poderosa non teñen problema ningún porque a súa pódena aprender case sen ir á escola e iso está totalmente demostrado. Aínda que o éuscaro ou o galego sexan a lingua primeira na casa, necesitan que na escola sexa tratada como a segunda e protexida de maneira especial. Se isto non se fai, nunca se vai desenvolver correctamente.

É a inmersión o mellor?

Nos modelos de inmersión no Estado apenas se dan clases en español e cando os rapaces chegan aos 12 anos o seu nivel en lingua castelá é totalmente equiparable ao do resto ou incluso mellor. Os que veñen dunha lingua maioritaria teñen a sorte de que a van desenvolver de todos modos porque teñen os medios, a televisión, a familia, as relacións sociais... Con pouco que se faga na escola, apréndense e desenvólvense, polo que non teñen problema. Daquela, por que non aproveitar o tempo para aprender outras linguas?

"Canto máis e mellor se aprenda o galego, mellor se aprenderá o castelán; priorizar o idioma minorizado na escola é positivo para os que o falan e para os que non"

É o colexio fundamental?

Nos lugares onde hai unha lingua minorizada, esta precisa da escola moito, tanto en Euskadi como en Galicia ou Cataluña. Canto máis se aprenda o galego, mellor se aprenderá o castelán e iso tamén está demostrado desde hai moito tempo. Priorizar a lingua minorizada no colexio é positivo tanto para os que a teñen como lingua materna como para os que non. Os que usan habitualmente o castelán non o perden e isto é algo do que hai que convencer a xente, non porque o creamos así, senón porque os datos o demostran.

Pero isto exclúe o castelán?

Isto non quere dicir que non haxa que facer nada co castelán, por suposto que si que hai cousas que mellorar, pero tamén coas linguas minorizadas. O modelo ideal está claro: as linguas minorizadas precisan de prestixio e presenza a moitos niveis. Tamén é importante involucrar os pais para que eles poidan comprobar que os seus nenos están aprendendo correctamente as linguas.

"A escola non pode ir en contra da familia, pero tampouco depender do que ela diga; tena que convencer do que é o mellor para o seu fillo"

Como?

A escola non pode ir en contra da familia, senón que a ten que convencer do que é o mellor para o seu fillo. En Euskadi tivemos a sorte de que pasamos de entre  un 10-15% de pais que escolarizaban os cativos en éuscaro a máis do 70% de inmersión total ou parcial en vasco. E todo foi por solicitude dos pais, que foron esixindo máis éuscaro na escola. Os que rexeitan a lingua vasca ou a galega están aceptando ser máis ignorantes porque o español apréndese en calquera sitio e a min paréceme xenial que así sexa porque canto máis saibamos mellor.

Está na pedagoxía cos pais a clave?

O ideal e o fundamental é convencer os pais e os centros de que a lingua minorizada é a que máis espazo debe ter porque iso beneficia a outra lingua e a unha terceira. Canto mellor se saiba galego ou éuscaro, mellor se aprenderá inglés e castelán. Hai que deixar claro que o argumento de que estudar varias linguas dificulta a súa aprendizaxe non vale e non é real.

Que supón a Lei Wert no ámbito lingüístico?

É tan aberrante que me costa pensar que alguén poida ter esa lei en conta. A reforma de Wert considera que debe haber unha lingua, a castelá, con maior consideración e esa insistencia en separar os idiomas por rango é moi grave, non só para as comunidades bilingües, senón tamén para o resto de territorios. Ademais, restar autonomía ás comunidades tamén é malo porque a educación foi mellorando a medida que se descentralizou. O peor da pretendida reforma educativa é o que se propón, pero tamén o desprestixio que se verte sobre aquilo que non sexa o castelán.

Itziar Idiazabal CC-BY-SA AzkueFundazioa

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.