Feijóo só defende a limpeza das contas do PPdeG dende que el o dirixe

Feijóo, tras o Consello da Xunta © Xoán Crespo

Os "papeis de Bárcenas" caeron como unha enorme bomba enriba do PP, co centro da explosión na madrileña rúa de Génova pero cunha vaga expansiva que afectou a todo o Estado. A información públicada polo diario El País segundo a cal o ex tesoureiro dos conservadores e o seu antecesor desenvolveron durante case vinte anos unha contabilidade secreta con achegas económicas de grandes empresas e pagamentos en 'b' a altos cartos do partido deu lugar a moitas preguntas. Tamén no caso do PP galego, máis tendo en conta que, atendendo ao publicado, neses libros figura a anotación "Galicia (O.C.)" xunto a outras como "De Málaga", "La Rioja" ou "Palencia" asociadas a "cantidades que oscilan entre os 18.000 e 30.000 euros". Ao remate da reunión semanal do Consello da Xunta Alberto Núñez Feijóo foi cuestionado ao respecto pola prensa. E o líder dos populares veu dicir que el só responde pola  súa propia xestión.

Mentres, case simultaneamente, María Dolores de Cospedal tecía dende Madrid unha caste de teoría da conspiración fundamentada en que é "moi sorprendente que cando parece que a situación económica empeza a remontar, se tente prexudicar a quen goberna o noso país", Feijóo desmarcábase para considerar o caso "o suficientemente grave como para tomalo moi en serio". Agora ben, "iso de que Galicia aparece ou non aparece é o que dirá non sei quen", retrucou, a preguntas da prensa. "Nós non temos absolutamente nada", di, en referencia ás contas do PPdeG, se ben xusto a continuación introduce un matiz que non é menor: "Polo menos, dende que eu son presidente do PP de Galicia".

Feijóo deriva implicitamente as eventuais irregularidades aos tempos de Fraga

"Saberán os anteriores do anterior", abonda o presidente, derivando así implicitamente as eventuais irregularidades aos tempos nos que o partido tiña como máximos referentes a Manuel Fraga ou Xosé Cuiña, ambos xa falecidos, ou mesmo ao tempo en que a secretaría de organización estivo ocupada por Pablo Crespo, un dos presuntos líderes da trama Gürtel. Por este motivo, Feijóo mantén que dende 2006 e ata a actualidade nas contas do seu partido non hai nada que esconder, polo que o cuestionamento que lle lanzan os xornlaistas "parécenme simplemente un comentario a unha información que eu descoñezo na súa integridade, do A ao Z".

"O partido ten que aclaralo"

Neste contexto, e cun discurso que semella orientado a liberarse política e persoalmente de calquera sombra de dúbida, Feijóo asegura non dubidar de que "o partido ten que aclarar estas cuestións". "Ten o compromiso de aclaralas, cónstame", afirma, nun contexto no que defende que a dirección que encabeza Mariano Rajoy xa decidiu "poñer outra vez as súas contas á disposición do Tribunal de Cuentas, á disposición do fiscal ou do xuíz que está instruíndo este proceso ou calquera outro relacionado, aprobar unha investigación interna e solicitar unha auditoría externa".

"Convén estar respondendo á información que poida ir saíndo", dixo Feijóo mentres De Cospedal impedía algunhas preguntas

Ao tempo, dende o atril de San Caetano Feijóo guinda un recado que ben podería ter como destino outro atril, o de De Cospedal, que á mesma hora impedía, por exemplo, que lle formulasen preguntas os xornalistas do propio diario El País. "Convén estar respondendo á información que poida ir saíndo diariamente, semanalmente ou mensualmente" para "aclarar a posición do PP e cales son os responsables deste tipo de informacións", di. "Estamos falando dunha acusación dende o anonimato e relacionada cunha persoa que parece ser que ten moito diñeiro en Suíza", polo que cómpre "aclarar este tipo de cuestións e dar luz e taquígrafos".

Feijóo, tras o Consello da Xunta deste xoves © Xoán Crespo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.