Ángel Currás declárase inocente e di que non ten pensado presentar a dimisión

Ángel Currás CC-BY Praza Pública

Outro cargo público imputado. A titular do Xulgado de Instrución número 1 de Lugo, Pilar de Lara, citou a declarar como imputado por un presunto delicto de tráfico de influencias no marco da operación Pokémon ao alcalde de Santiago, Ángel Currás, do Partido Popular, quen xa accedera ao cargo en abril de 2012 en substitución de Gerardo Conde Roa, acusado dun presunto delito fiscal.

En rolda de prensa Currás declarouse "inocente" e dixo estar "tranquilo" despois de coñecer este mesmo xoves a súa imputación e a do seu xefe de Gabinete. Afirmou ademais que deu orde para que dende o Concello se facilite toda a documentación que se requira. Afirmou que non ten pensado dimitir, pero que se o día 17, cando prestará declaración, a xuiza Pilar de Lara toma medidas cautelares contra el, porá o seu cargo a disposición do Partido Popular. Segundo o código ético do PPdeG, calquera cargo do partido imputado deberá por o seu cargo a disposición da formación conservadora, sen que unha imputación leve necesariamente a súa renuncia a menos que vaia acompañada de medidas cautelares.

A imputación chega poucos días despois de que acudise a declarar como imputada na mesma causa a concelleira compostelá do PP Rebeca Domínguez, quen substituíra o actual rexedor como titular da Concellería de Educación na capital galega. Así, Ángel Currás convértese no cuarto alcalde galego imputado no marco desta investigación sobre supostas irregularidades en adxudicacións públicas. Os outros tres son o ex rexedor de Ourense Francisco Rodríguez (PSOE), o ex alcalde de Boqueixón Adolfo Gacio (PP) e o alcalde de Lugo, o socialista López Orozco. 

Este venres o presidente do Goberno, Mariano Rajoy e Alberto Núñez Feijoo participarán en Composetela o acto de entrega da Gran Cruz da Orde de Isabel La Católica a Xerardo Fernández Albor. Ángel Curras, que tamén ia figurar entre as autoridades da cerimonia que se celebrará no salón de actos do Pazo de Fonseca, anunciou que finalmente non acudirá.

Conde Roa entrégalle o bastón de mando a Currás © Concello de Santiago
Ángel Currás CC-BY Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.