As autoridades galegas "invocan" o Apóstolo para pedir "solucións" á crise

Pilar Rojo, nun intre da ofrenda © Parlamento de Galicia

"Ningunha confesión terá carácter estatal. Os poderes públicos terán en conta as crenzas relixiosas da sociedade española e manterán as conseguintes relacións de cooperación coa Igrexa católica e demais confesións". O artigo 16.3 da Constitución Española definía deste xeito o campo de xogo no que, sobre o papel, se desenvolverían as relacións entre o Estado e as relixións dende a aprobación da norma. Trinta e catro anos e un concordato co Vaticano despois política e relixión católica volvéronse mesturar por enésima vez este domingo na Catedral de Santiago. Foi na cerimonia da "translación", coa que a tradición cristiá conmemora o relato da suposta chegada dos restos do Apóstolo Santiago a Compostela. Dende o século XVII a Casa Real española realiza unha "ofrenda" neste acto, en moitas ocasións a través dunha persoa "delegada" que, desta volta, foi a presidenta do Parlamento de Galicia.

Como xa fixera a súa antecesora no cargo, así como os sucesivos presidentes da Xunta ou alcaldes de Santiago, entre outros, Pilar Rojo foi a encargada de pasarlles revista ás tropas e de encabezar unha comitiva de cregos e políticos pola praza do Obradoiro ata chegar ao interior do templo, onde lle correspondeu "invocar" o Apóstolo. A segunda autoridade da comunidade autónoma fíxoo para reclamar saídas para a crise nun foro que, a priori, é menos proclive ao deseño de estratexias de política económica que a Cámara que preside. Como delegada rexia Rojo pediu que o santo "axude" a "todos os responsables públicos" para que "adopten as mellores solucións para superar os problemas do presente", tamén "para que os máis necesitados consigan saír da situación actual".

Rojo sinalou que "a tradición xacobea pode resultar útil para afrontar o paro" e reclamou "progreso social, pero tamén progreso espiritual"

Mentres, no exterior do templo, persoas afectadas polas participacións preferentes das antigas caixas protagonizaban unha sonora protesta, a xefa do lexislativo pedía tamén intercesión divina para "alcanzar un sistema social ancorado na xustiza na igualdade" e para "reforzar o noso firme compromiso co valor da solidariedade e a nosa sólida convicción ética co servizo público". Todo isto, explicou, solicítao nun contexto no que "España e Galicia están en débeda co Apóstolo, por establecer nelas un itinerario espiritual que as enriquece en valores e cultura", en referencia a un Camiño de Santiago que, ao seu xuízo, "nos legou unha herdanza bañada de humanismo cristián que dignifica a nosa existencia".

Co presidente da Xunta e o alcalde de Santiago nos primeiros bancos catedralicios, Rojo asegurou tamén estar convencida "de que a tradición xacobea pode resultar útil para afrontar o paro" que está no centro da propia crise. Para que o país saia adiante cómpre "progreso social, pero tamén progreso espiritual, porque o ser humano vai máis alá da súa entidade, como realidade meramente física", aseverou. Alleos á intervención apostólica, os afectados polas preferentes obsequiaron as autoridades con apupos, ao tempo que reclamaban a devolución dos cartos que lles "estafaron".

Rojo entra no templo co resto da comitiva © Parlamento de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.