O PP faille oposición ao alcalde de Ribadeo dende o Parlamento

O deputado mariñán José Manuel Balseiro © Vieiros

O Concello de Ribadeo é un dos ósos que máis lle custa roer ao PP na provincia de Lugo. Desaloxados da Alcaldía hai unha década, tampouco puideron aproveitar a vaga conservadora das municipais de 2011 e, fronte á tendencia xeral, mantiveron os seus catro concelleiros mentres o BNG, que xa gobernaba a vila, pasou de estar igualado en edís co PP a facerse coa maioría absoluta, ao contar con sete dos trece concelleiros da corporación municipal. Esta circunstancia, unida á sostida perda de apoios dos populares dende 1999 á actualidade, converte a vila da Mariña en todo un reto, unha batalla que agora o partido que sustenta o Goberno galego vén de trasladar ao Parlamento de Galicia.

Esa translación prodúcese a través do número dous do PP lugués e tamén secretario da Cámara galega, José Manuel Balseiro. O mesmo parlamentario que aproveitou a pasada campaña electoral autonómica para vender ante Mariano Rajoy os medre da súa formación na provincia de Lugo vén de rexistrar unha iniciativa, segundo informa o Grupo Parlamentario Popular, para "interesarse polos erros que puido ter cometido a Alcaldía do Concello de Ribadeo e que levaron á perda do obradoiro de emprego" na localidade.

Segundo Balseiro a súa intención é "esclarecer se, tal e como ten transcendido en diversos medios de comunicación, o Goberno local que preside o nacionalista Fernando Suárez non remitiu en tempo e forma a domcumentación requirida pola Xunta para continuar co expediente de concesión desta subvención". Ao seu xuízo, a non concesión do obradoiro débese "á falta de interese, de implicación e sensibilidade" do BNG de Ribadeo. Por isto, aposta por que o Goberno galego lle facilite a documentación do expediente -solicitude que o PP ribadense pode realizar a través do propio Concello- para así saber "o que fixo mal ou deixou de facer o alcalde".

O alcalde ribadense anunciou a solicitude o pasado outubro, cando confiaba en que a Xunta "fose sensible" coa súa proposta

A solicitude deste obradoiro de emprego foi anunciada polo propio alcalde de Ribadeo o pasado outubro nun transcurso dun acto público. "Aínda que non somos unha Administración con competencias na agricultura -explicaba daquela Suárez- solicitámoslle un obradoiro de emprego á Xunta" para "poder ofertar unha alternativa de traballo e de vida a tanta xente que temos no paro, no concello e polo país adiante". A intención, explicaba, era desenvolver "tres módulos: un de agricultura ecolóxica, outro de elaboración de conservas vexetais e outro de dinamización e promoción do turismo sustentable". "Confiamos en que a Xunta vai ser sensible con esta proposta que lle mandamos", sinalaba o nacionalista, nun contexto no que tanto o BNG como o PSdeG acusaron o Goberno galego, en numerosas ocasións, de distribuír estes fondos de emprego con criterios "partidistas".

 

O alcalde de Ribadeo, nun acto con Jorquera CC-BY-NC-SA BNG
O deputado mariñán José Manuel Balseiro © Vieiros

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.