A norma coa que Feijóo tentou legalizar as enquisas lingüísticas

Feijóo e Vázquez presentan o decreto, o 30 de decembro de 2009 Dominio Público Xoán Crespo

A finais de maio de 2011 o Consello da Xunta aprobaba definitivamente o denominado decreto do plurilingüismo, a norma que viña derrogar o decreto 124/2007, que garantira durante algo máis de tres anos que un "mínimo" do 50% das materias escolares fosen impartidas en galego. O Goberno aprobaba a súa controvertida norma lingüística no medio de notables protestas, coa oposición da práctica totalidade da comunidade educativa e tamén con advertencias sobre a legalidade do texto. Entre o proxecto inicial e o articulado definitivo do decreto había unha diferenza esencial: desaparecía a utilización xeralizada de enquisas entre as familias do alumnado para determinar o idioma do ensino en Galicia. Facíao non polo unha mudanza política do Executivo, senón pola súa ilegalidade.

A relativa marcha atŕas do gabinete do PP apoiábase esencialmente sobre as dúbidas de legalidade sobre os inquéritos que manifestara o Consello Consultivo durante a tramitación do propio decreto. No seu ditame este organismo advertira de que "o contido" dos artigos nos que se regulaban as consultas -previstas inicialmente para todos os niveis educativos- "adoecía dunha importante carencia de rango normativo", polo que a devandita consulta "dificilmente podería ter encaixe no marco do ordenamento xurídico". O sistema de enquisas podería ser empregado a xeito de sondaxe, pero non como unha "especie de referendo vinculante para a Administración educativa", cuestión que se "desprendía" da "pretendida regulación" que redactara a Xunta, sinalaba o Consultivo. Ao tempo, no ditame advertíase do "altamente indeterminado" que resultao o concepto "familia" á hora de outorgarlle unha decisión deste tipo.

O Consello Consultivo advertiu da ilegalidade de organizar "unha especie de referendo vinculante" sobre a lingua no ensino

Diante destas e doutras obxeccións ao texto do decreto pola súa colisión coa lei a Xunta optou por rebaixar inicialmente as súas pretensións. Mantivo as enquisas en infantil e eliminounas no resto de niveis educativos, aínda que a súa intención pasaba por recuperalas. Así, tras aprobar o decreto en Consello da Xunta Alberto Núñez Feijóo anunciaba que impulsaría unha norma ad hoc para darlles cobertura legal ás súas intencións. Meses despois chegaba o proxecto de Lei de Convivencia de Participación que, anunciaba o propio presidente, viña cubrir o "baleiro legal" explicitado polo Consultivo. Unha vez aprobada a nova lei Educación podería "consultar sobre a lingua ou sobre calquera outra cousa", aseguraba, ademais de considerar que "nun país democrático", esta lei "non debería criticarse, senón apoiarse". "O risco sería facer as cousas porque o presidente ou o conselleiro manden, sen coñecer o que queren os pais", abondaba.

As intencións de Feijóo cristalizaron a mediados de 2011 nunha  lei que deixou nas mans do conselleiro de quenda a posta en marcha de "procedementos de consulta e participación directa" entre as familias do alumnado. Cada enquisa, di a lei, será convocada a través dunha orde da consellería na que, entre outros aspectos, ficará establecido "o carácter meramente orientativo ou o grao de vinculación que para a Administración educativa e os centros docentes terán os resultados do procedemento". Isto é, se a Xunta así o determina, pode deixar unha decisión educativa nas mans dos pais, nais ou titores legais do estudantado.

A Lei de Participación regulou os "procedementos de consulta e participación directa" das familias, que agora o TSXG considera ilegais

Pero a pasada semana chegou o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e mandou parar. En resposta aos recursos presentados pol'A Mesa pola Normalización Lingüística, a CIG-Ensino e Queremos Galego contra o decreto do plurilingüismo, o alto tribunal declaraba ilegais as únicas enquisas vixentes polo momento, as de educación infantil, e establecía unha doutrina aplicable a calquera outro nivel educativo. A Administración "non pode abdicar" das súas responsabilidades para determinar a lingua da educación, decisión que fica "fóra da esfera de elección dos pais", di a sentenza. "Non cabe dúbida -abonda o ditame xudicial- de que a dita abdicación da potestade de ordenación xeral do ensino ten lugar cando se establece que o profesorado usará na aula a lingua materna predominante entre o alumnado, reputando decisivo para determinala o resultado dunha pregunta que se lles efectuará aos pais, nais, titores/as ou representantes legais dos alumnos antes do comezo do curso escolar".

Feijóo e Vázquez presentan o decreto, o 30 de decembro de 2009 Dominio Público Xoán Crespo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.