Necesita Ribadumia catro campos de fútbol?

Rafael Louzán, á esquerda © http://libertadpp.blogspot.com.es

O BNG denuncia que o Goberno municipal aprobou gastar 420.000 euros para mercar os terreos nos que construir un cuarto campo de fútbol para un Concello de 5.000 habitantes. O portavoz do BNG no concello de Ribadumia, Xoan Allegue, criticou este gasto "nun momento no que a crise está a levar as familias ao borde da emerxencia social”.

Xoan Allegue sinala que “o club de fútbol de Ribadumia dispón dun terreo de xogo de herba natural e o Concello conta con outro de herba artificial e outro de terra, polo que a decisión do goberno local do PP de construír un cuarto campo de fútbol resulta un claro exemplo de estragar o diñeiro de todos os veciños e veciñas de Ribadumia, cando eses 420.000 deben ir destinados a atender a problemática das familias golpeadas pola crise”. A eses cartos hai que engadir os costes da propia construción destas instalacións.

Esta obra non é unha excepción na provincia de Pontevedra. O gasto realizado pola Deputación de Pontevedra presidida por Rafael Louzán na construción de campos de fútbol de herba natural e artificial en moitos concellos ten sido moi criticado polos partidos da oposición.

Rafael Louzán, á esquerda © http://libertadpp.blogspot.com.es

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.