Beiras capitaliza a constitución do Parlamento e "vence a tentación" de disolvelo

Canto do himno, ao remate da sesión CC-BY-NC-SA BNG

Non era novo nestas lides pero si era a gran novidade da xornada. E non defradou a quen agardaba que fose o gran animador da xornada. Xosé Manuel Beiras regresaba este venres ao Parlamento, agora como voceiro da Alternativa Galega de Esquerda (AGE) e logrou capitalizar unha sesión na que, tradicionalmente, todas as olladas son para a persoa elixida para presidir a Cámara, neste caso a popular Pilar Rojo. AGE comezou a xornada unha hora antes do inicio oficial, coa formación dun "cortexo cívico" no que simpatizantes da formación acompañaron os membros do seu grupo parlamentario dende unha praza próxima ao Pazo do Hórreo, este venres blindado por policías antidisturbios que vixiaron con igual desdén a comitiva encabezada por Beiras e Yolanda Díaz e ás persoas afectadas polas preferentes das antigas caixas, que se manifestaban en compaña de deputados do BNG.

Entre bandeiras galegas con estrela e da II República española os deputados e deputadas de AGE franquearon os accesos ao recinto parlamentario -previo intercambio de pareceres de Beiras cos axentes- onde membros do resto de grupos os acolleron con desigual actitude: dende a entusiasta aperta do socialista Francisco Caamaño ao histórico nacionalista á fría corrección dalgúns representantes do PP ou do Bloque. Co primeiro titular xa gañado na rúa Beiras non desaproveitou a "conxunción de circunstancias biolóxicas e cronolóxicas que dan lugar a que eu sexa o máis vello" dos deputados e, como presidente da Mesa de Idade -persoas encargadas de dirixir o pleno ata que se elixen os órganos reitores-, evitou que esta "efémera situación" fose un mero trámite.

"Non me resisto a confesar que tiven que vencer a malsá tentación de declarar disolta esta Cámara e provocar a convocatoria de novas eleccións, coa convicción de que os resultados serían diferentes aos do 21 de outubro", expuxo dende o máis alto do hemiciclo, mentres nos escanos o abano de sensacións abranguía dende o riso e o sorriso ata a contrariedade. "Non se alarmen, é unha brincadeira non propia de min pero si propia d'Un ollo de vidro", de Castelao. "Tampouco o tomen como unha provocación", ironizou, xa que "non pretendo que o señor Núñez se frustre nos vindeiros días e non poida renovar a súa presidencia do Goberno, aquilo que eu malsamente chamara brigada de demolicións, limpeza étnica e ecocidio". "Retíroo, por non ofender", brincou.

Co titular gañado xa na rúa, Beiras non desaproveitou a oportunidade de presidir a Mesa de Idade e evitou que esta "efémera situación" fose un trámite

"Abusando desta condición" de ser "o máis senior", Beiras concluíu o seu inesperado discurso "exhortando" os presentes a cumprir un "triplo reto". Que o Parlamento sexa "a institución sobranceiera da xerarquía dos tres poderes", que o lexislativo galego sexa "unha auténtica Cámara de representantes" para "que non poidan dicir de nós iso que foi tan voceado, de 'non nos representan". E por último, "practicarmos a ética como fundamento da política".

Pilar Rojo, presidenta dunha mesa bipartita

A derradeira tarefa de Beiras como presidente accidental foi a de dirixir as tres votacións para elixir a Mesa do Parlamento, cunha papeleta de distinta cor "como nos países africanos despois da descolonización", cando nas eleccións tamén se empregaban cores "porque había moito analfabeto". Retrancas aparte, foi nesta votación na que se concretou o xa anunciado, isto é, a composición bipartita do principal órgano de dirección do Parlamento. Corenta votos a favor -e un anecdótico voto nulo dun membro do PP non identificado- reelixiron a Pilar Rojo como presidenta e as dúas seguintes votacións designaron a Miguel Santalices (PP) como vicepresidente primeiro, a Marisol Soneira (PSdeG) como vicepresidenta segunda, situaron a José Manuel Balseiro (PP) na secretaría e a Concepción Burgo (PSdeG) na vicesecretaría.

O BNG prometeu "por imperativo legal" e algúns membros de AGE apelaron aos seus ideais "republicanos"

Tras a elección Beiras retornou ao seu escano no grupo de AGE, situado entre o PSdeG e BNG, e Rojo, xa como presidenta, dirixiu a promesa ou xuramento dos deputados, desta volta con actitudes máis variopintas que noutras ocasións. Á tradicional contaxe de "xuro" e "prometo" entre deputados populares e socialista uniuse nesta ocasión a aposta dos sete representantes do BNG, que prometeron "por imperativo legal" e se "comprometeron a defender os dereitos sociais e nacionais do pobo galego". Pola súa banda, Beiras "prometeu e xurou defender en calquera caso os dereitos do pobo galego" e os deputados de AGE que son ademais membros de Esquerda Unida apelaron ás súas "conviccións republicanas". Dous deles, Xabier Ron e Ramón Vázquez, nin prometeron nin xuraron, senón que "acataron por imperativo legal".

O himno galego, máis besbexado que cantado e con algúns puños en alto, puxo fin ao inicio a  unha constitución do Parlamento na que o grupo maioritario pasou desapercibido, mentres o resto navegaban entre a novidade, a sorpresa, a estupefacción ou o intento por adaptase a un novo rol. A seguinte cita parlamentaria xa será máis clásica e terá como argumento a investidura de Alberto Núñez Feijóo como presidente.

Beiras e Díaz, encabezando o "cortexo" cara ao Hórreo CC-BY-SA Praza Pública
Beiras, presidindo a Mesa de Idade © Parlamento de Galicia
Deputados do BNG, cos afectados polas preferentes CC-BY-SA Praza Pública
Rojo, tras ser reelixida © Parlamento de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.