Industria inxectou 450.000 euros nos medios antes do verán

Javier Guerra, conselleiro de Industria © Xoán Crespo

Os convenios son un clásico da relación entre o Goberno galego e diversos medios de comunicación e tamén unha das pezas máis opacas desta pouco transparente engranaxe. Consisten, esencialmente, en que o Executivo de quenda, xa sexa a través do seu departamento dedicado á prensa ou pola vía das diferentes consellerías achega cartos a unha empresa de comunicación para inserir contidos do seu interese non como publicidade, senón como información que lle é presentada ao público lector, á audiencia ou aos televidentes entre pezas xornalísticas ordinarias. Esta figura engordou notabilisimamente durante os mandatos de Manuel Fraga, mantívose durante o bipartito e estivo lonxe de desaparecer na primeira lexislatura de Feijóo. Nos últimos días foi posible coñecer un novo exemplo, desta volta procedente da Consellería de Economía e Industria e cun impacto de case medio millón de euros.

Ata o ano 2006 os convenios da Xunta coa prensa, igual que o resto de acordos do Goberno con calquera entidade asinados baixo esta forma legal, non tiñan carácter público. Pero dende a entrada en vigor da Lei de Transparencia o Executivo ten a obriga de incluílos no rexistro creado a tal efecto e, ademais, de publicalos no DOG, publicación que se produce de maneira cuadrimestral. En días pasados Industria fixo o propio cos convenios que subscribiu no segundo cuadrimestre do ano e entre eles figura unha inxección de 450.000 euros en tres empresas editoras de xornais impresos.

Os convenios implican a inserción nos medios de contidos producidos polo Goberno presentados como se fosen noticias ordinarias

Esta cantidade repartiuse en partes iguais, 150.000 euros para cada un, entre La Voz de Galicia, El Progreso de Lugo e Editorial Compostela -editora de El Correo Gallego-. A cambio destes cartos os devanditos xornais comprometéronse a difundir nas súas páxinas "contidos de interese para a sociedade galega sobre actuacións relacionadas co ámbito competencial da consellería". Habitualmente estes convenios inclúen a obriga de inserir as novas pagadas cunha disposición, extensión e forma determinada.

Lonxe de seren anecdóticos, este tipo de convenios son unha das principais vías polas que a Xunta inxecta cartos nos medios de maneira discrecional. Así, como relatou Praza Pública, tan só no ano 2010 dos 15 millóns que achegou o Goberno galego ás empresas de comunicación un total de 9,65 millóns repartíronse a través deste tipo de compra de espazos informativos, nunha partida que tamén inclúe a publicidade. Naquel ano só o 11,2% -1,7 millóns- se asignaron "mediante convocatoria pública en réxime de concorrencia competitiva".

Javier Guerra, conselleiro de Industria © Xoán Crespo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.