'La Coruña' e 'Orense', quince anos de inexistencia

O topónimo ourensán deturpado, nun sinal en Sober CC-BY-SA Merixo

Semella un debate perenne, aínda que hai quince anos que unha das posicións perdeu o derradeiro sustento legal que lle quedaba. Este mes de novembro fai quince anos a reforma legal que, por iniciativa do Parlamento de Galicia, aprobou o Congreso dos Deputados para "recuperar os nomes auténticos" das provincias da Coruña e Ourense, equiparándoos así cos das súas respectivas capitais que, en virtude da Lei de Normalización Lingüística, tiñan como única forma oficial a galega dende 1983. O panorama gobernamental daqueles anos era semellante ao actual, con presidentes do PP na Xunta e no Goberno central, pero, por diferentes motivos, tanto Manuel Fraga como José María Aznar accederon á poñerlle fin á oficialidade deturpada.

O trámite da reforma comezara dous anos antes, na Cámara galega, onde os 43 deputados e deputadas do PP apoiaron a iniciativa do BNG, algo que tamén fixo o PSdeG. Xa no Congreso, unha delegación parlamentaria galega defendeu con vehemencia o cambio, a comezar polo representante dos populares, Fernando González. Segundo consta no diario de sesións da Cámara Baixa, o parlamentario do PP enmarcou a iniciativa no esforzo da Xunta pola "desaparición de múltiples despropósitos e desatinos lingüísticos e históricos" que, "por pura ignorancia e dun xeito simplista", perpetraron supostas traducións dos topónimos. Manter La Coruña e Orense "sería unha aberración lingüística, como pode ser dicir El Porriño ou El Carballino", abondaba.

O representante do PP no debate consideraba as formas castelanizadas "unha aberración lingüística"

No caso concreto da Coruña, sinalou o popular naquel debate, o artigo "A" foi empregado polos mariñeiros que empregaban a Torre de Hércules como referencia para navegar e, máis tarde, "aceptado" pola veciñanza da cidade. "La Coruña é unha castelanización sen ningún significado" e, como no caso de Orense, detallaba, "non se trata de mudar nomes porque si", senón de "recuperar a ortografía correcta". Nun sentido semellante, tanto a representante nacionalista da delegación, Pilar García Negro, como a socialista, María Xosé Porteiro, subliñaron o mesmo aspecto: non se ía aprobar unha "galeguización", senón unha "corrección" de dous nomes orixinalmente galegos.

Aquela sesión parlamentaria foi o inicio dun trámite que, no caso do Congreso, rematou o 26 de novembro dese mesmo 1997, cando se deu o visto e prace ao informe do relatorio que redactou a lei. Neste caso o debate estivo protagonizado por tres galegos que, en representación de PP, PSOE e BNG, ratificaron o seu apoio ao texto. Pola banda nacionalista o encargado de fixar postura foi o daquela voceiro do Bloque en Madrid, Francisco Rodríguez, quen manifestou dende a tribuna a súa "ledicia" pola "restauración" da toponimia. Esa ledicia, ilustraba, era "proporcional a todo o sufrimento, a toda a xenreira contida, a toda as represións que se produciron tamén durante estes anos de democracia no Estado español". "Non se trata de obrigar individualmente a ningueń a que fale dun determinado xeito", evidenciaba Rodríguez, senón de "recoñecer legal e politicamente que hai bases culturais diferenciadas no Estado e que hai unhas formas de aludir os nomes dos lugares que son respectuosas, non deturpadas".

Francisco Rodríguez manifestou no debate unha "ledicia proporciona a todas as represións" á defensa da lingua propia

Dende o PSOE defendeu a iniciativa José Blanco, tamén "satisfeito" pola "elevación á categoría de normal dos topónimos da Coruña e de Ourense". A lexislación galega, lembrou Blanco, viñera tentando corrixir dende o inicio da autonomía "atropelos do pasdo dun Estado que negou calquera pluralidade cultural, e xa non digamos ideolóxica". Por iso, o socialista congratulábase: "os tempos son chegados", parafraseou, antes de recordar ademais que a aprobación viña culminar un dos propósitos de Ramón Piñeiro como participante na redacción da Lei de Normalización Lingüística. Ao contrario do que cabería agardar nun debate deste tipo na actualidade, as posicións de PSOE e BNG non foron discordantes coa do PP, representado pola compostelá María Jesús Sáinz. Daquela, a conservadora non dubidaba de que a reposición da toponimia galega era "reflexo da vontade maioritaria" da cidadanía de Galicia. Como membro do grupo que sustentaba ao Goberno de Aznar -con apoios tamén de CiU e PNV- Sáinz consideraba que a "pluralidade lingüística de España nos enriquece a todos" e que a pervivencia das formas La CoruñaOrense  non era máis ca un "contrasentido" que "non conduce a nada".

Tras estes debates o Senado ratificou tamén a proposta e poucos meses despois, o 15 de xuño de 1998, José María Aznar oficializaba no BOE o cambio de denominacións das provincias “en concordancia cos nomes oficiais” das súas capitais.

O topónimo ourensán deturpado, nun sinal en Sober CC-BY-SA Merixo
Topónimo floral coruñés, na etapa de Francisco Vázquez © shaulaland.blogspot.com

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.