Aymerich: "Eu non vou marchar do BNG. A min botaranme"

Aymerich intervén ante a Asemblea Nacional do Bloque CC-BY-NC-SA BNG

Carlos Aymerich, líder de Máis Galiza, valorou este venres os debates que tiveran lugar a noite anterior no Consello Político Nacional na formación, que adiou a toma dunha decisión sobre a súa permanencia no BNG até a súa asemblea nacional, que se celebrará o 11 de marzo. Aymerich avanzou que, á marxe do que se decida nesa asemblea, el non abandonará o Bloque: "a miña postura é coñecida: sempre dixen que non vou marchar do BNG. A min botaranme do Bloque", afirmaou.

Así mesmo, Aymerich pediu abrir unha negociación coa dirección do Bloque para que, "se realmente hai ese interese de manter o BNG unido", iso "se verifique". "Iso significa traballar para que se dean as condicións, os cambios que signifiquen que no BNG se recoñece que hai dúas grandes sensibilidades, dúas grandes correntes", destacou, e reclamou as "rectificacións que sexan precisas para que ese recoñecemento se exprese a todos os niveis: en discurso político, en representación institucional e tamén na dirección do propio BNG". Ademais, indicou que iso debe facerse "dunha forma verificable e solemne" e apuntou a unha Asemblea Nacional. "Debemos traballar e esperemos que haxa receptividade pola actual maioría", apuntou.

Aymerich defendeu que os críticos tamén puideron participar no consello deste xoves, porén, afirmou que "a xente debe ter un voto, non dous", en alusión a algúns integrantes que decidiron a título individual deixar o BNG. "Se xa o decidiron eles penso que non poden decidilo outra vez en Máis Galiza", concluíu.

Aymerich intervén ante a Asemblea Nacional do Bloque CC-BY-NC-SA BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.