Beiras: "O noso obxectivo non é captar votos doutros, é activar o electorado desencantado"

Xosé Manuel Beiras, nun mitin en Ourense CC-BY-SA AGE

Xosé Manuel Beiras (Santiago, 1936) aproveita os escasos ocos libres da súa intensa axenda de campaña para descansar e "recargar a batería". Ao inicio da súa enésima carreira electoral "non contaba con poder aturar este ritmo" e advertiulles aos seus compañeiros e compañeiras de coalición de que "tiña que administrar moito as enerxías". Pero finalmente está "facendo unha campaña ao uso, como hai anos" e percorrendo Galicia á procura de apoios para Alternativa Galega de Esquerda. Asegura que percibe a mesma "efervescencia" que a finais dos anos setenta. "E nós estamos sintonizando con iso", afirma.

Como leva a campaña? Está a ter unha axenda intensa...
Esta campaña lémbrame moito a etapa do tardofranquismo e das primeiras eleccións de 1977, porque estou a percibir unha dinámica análoga na cidadanía e por facer unha campaña sen medios materiais, sen cartos. Tamén me lembra as campañas dos anos 80, onde tamén se actuaba con poucos medios e a base do traballo da xente. Agora a analoxía vén porque AGE está a facer unha campaña nada convencional, porque non dispoñemos do financiamento do que dispoñen as grandes forzas, tampouco dispoñemos de espazos nos medios públicos de comunicación e, polo tanto, estase a facer a base de traballo da xente. Estase a lograr unha campaña moi áxil e penetrante nos medios alternativos, nas redes sociais, aínda que hai que ser consciente de que hai espazos da cidadanía que non acceden a eses medios.

Xa explicou que non participarán nun reparto de consellerías pero, con que condicións de partida afrontarían unha hipotética negociación se o PP perde a maioría?
Hai que recuperar o rol sobranceiro das cámaras de representantes. Por primeira vez hai un goberno en Galiza que está destruíndo a autonomía. No baleirado de contido da arquitectura constitucional do 1978, dun Estado democrático e do réxime parlamentarista, os parlamentos convértense se converten en ancilas do poder Executivo, máxime con maiorías absolutas. Se queremos que se goberne a favor do pobo cómpre a irrupción de representantes comprometidos coa cidadanía do común. E por iso temos un código ético onde está establecido que os cargos electos deben ser revogables no caso de que non cumpran. Como se fai iso? A través da reactivación das cámaras de representantes, no canto de estar a expensas do que fagan os gobernos.

Trátase de que se volva facer política no Parlamento?

"Non hai que ir ao Parlamento cunha estratexia defensiva, hai que ir cunha estratexia ofensiva fronte á dereita"

Claro. Non hai que ir ao Parlamento cunha estratexia á defensiva, hai que ir cunha estratexia ofensiva fronte á dereita, e cunha estratexia de recuperación de protagonismo do Parlamento.

Polo tanto, se se produce o cambio, habería que deixar de apelar ao consenso como valor absoluto á hora de, por exemplo, derrogar o decreto que regula as linguas no ensino?
O consenso, na interpretación deturpada de que ten sido obxecto, é un dos andazos que ten a política parlamentaria. Nun estado de normalidade, no que a política é realmente democrática, con distintas lecturas do ben común, ten sentido. Pero nunha situación coma esta, non. En vez de consenso ten que haber combate. Porque senón o consenso convértese en algo distinto, no que Oskar Lafontaine, de Linke, chama “compromisos podres”. Nós temos unha premisa maior fundamental: nós no Parlamento non podemos propiciar de ningunha maneira que goberne o PP. Pero a partir de aí, o fundamental é ser a punta de lanza dunha ofensiva, de darlle un xiro de 180 graos á acción do Goberno, iso é o primordial.

Que lle pasaría ao país se Feijóo goberna catro anos máis?
Cando di “yo o el caos”, o que se cumpriría é a realidade, “yo soy el caos”. Isto é o mesmo que dicía o PP en Grecia, son como loritos que repiten as cousas. Na hipótese de que continúe, pasará o que está contecendo en Grecia: que aos nenos non se lles dá de comer no colexio e pasan fame, que a sanidade está cada vez máis degradada e hai que pagar pola asistencia... e así sucesivamente. Pero isto non hai quen o pare. Se Feijóo chegase a seguir gobernando e nós estamos no Parlamento, faremos todo o posible para dificultarlle ao máximo quesiga gobernando contra os cidadáns e retroalimentaremos os movementos sociais, estaremos no Parlamento e nas rúas. Nós estamos vehiculizando as alternativas que xa existen, dos que se organizan en plataformas para defenderse das agresións: polas hipotecas, polas preferentes, contra o deterioro da sanidade... Este señor que non conte con que se consegue manterse na Xunta, “aquí paz e despois gloria”. Está derrotado politicamente e só falta derrotalo electoralmente.

Ademais de presentarse como garantía de estabilidade fronte a ese suposto "caos", Feijóo preséntase tamén como garantía de investimentos para o país, como os de Pemex...
É un farsante. É mentira. Por que non o fixo durante os catro anos? Quen gobernou aquí? Durante 25 anos, eles. Por que non o fixeron? Quen pode crer que o que non fixeron nese tempo, ou o propio Feijóo durante catro anos, con que credibilidade? Que estabilidade, se o está a destruír todo?

Atendendo aos inquéritos pero tamén á súa percepción, que cre que pasará o 21-O? Perderá o PP o Goberno?

"É moi probable que o PP perda a maioría, eles sábeno"

É moi probable. Cada día que pasa é máis probable. Se estas elcecións fosen convocadas cun período previo de precampaña e non polas costas e cun tiro na caluga, como fixeron, perdían a maioría segurísimo. Ou se fosen convocadas anticipadamente pero despois das vascas. Por iso convocaron a traizón; a opción que tiñan era non convocalas para reformar a lei, reducir os escanos e ter máis vantaxes. Eu nunca me fiei das enquisas que se están feitas correctamente e trasladadas de maneira honesta o máis que indican son tendencias, pero que dende o inicio nos desen a entrada no parlamento e que vaiamos cada vez a máis é un indicio de que hai un potencial de rebeldía moi importante e que se pode traducir en votos contra o PP. O noso obxectivo non é repartirnos votos dos outros, senón activar electorado desencantado e abstencionista. Na medida en que o logremos sumamos os continxentes de votos que deciden que o PP perda a maioría. Iso está ocorrendo, cada día que pasa, máis. Se isto continúa ata as eleccións, é moi probable que o PP perda a maioría, eles sábeno.

Cre que AGE pode ser unha vía para canalizar electoralmente non so ese voto “desencantado”, senón a xente implicada en como o 15M?
Si, xa está ocorrendo así. Nós levamos á práctica o que aprendemos dos procesos a nivel mundial das redes de movementos sociais altermundistas e antisistémicos, co que se foi forxando nos espazos de encontro que foron os foros sociais, e estamos comprobándoo, por exemplo, na composición da xente que acode aos nosos actos e na súa actitude. Hai unha enorme presenza activa de xente moza e de xente veterana. Xente moza, que pasou da política entendida así, e de xente veterana que a deixara. E moita desa xente moza non só dá o paso de vir aos actos, senón que tamén se ofrece a traballar na campaña. Estamos activando iso porque sintonizamos co 15M e con todos os focos de movementos activos que se están dando.

Canta desa xente vai a estes actos e participa porque “volve Beiras”?

"Non estamos sometidos aos poderes financeiros, que teñen collidos polas débedas aos partidos tradicionais"

Non o sei, non o podo calibrar. Coido que hai unha achega miña no plano da credibilidade. E de feito, cando saíron as primeiras enquisas, acabadas de convocar as eleccións, sobre nivel de coñecemento e cualificación, era sorprendente o que pasaba comingo, que levo un decenio fóra da política institucional. Mesmo hai xente que aínda hoxe pensa que sigo no Bloque. Iso é unha achega, si, pero a máis importante é que eu transmito algo que a xente percibe a respecto de Alternativa: credibilidade, fiabilidade, outra vez frescura na política, outra vez confianza, dignidade. E sobre todo non estar sometido por ningún lado aos poderes financeiros, que teñen moi amarrados aos partidos convencionais, porque os teñen collidos polas débedas que teñen con eles, cousa que con nós non pasa.

Beiras, durante unha entrevista con Praza CC-BY-SA Merixo

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.