Pachi Vázquez dálle "24 horas" a Feijóo para que amose os contratos de Pemex

Vázquez, no inicio da caravana electoral CC-BY-NC-SA PSdeG

Os socialistas lánzase á estrada. O candidato do PSdeG á Presidencia da Xunta subiu este venres ao autobús que transporta os xornalistas que seguen a campaña da súa formación para explicar as claves do que Pachi Vázquez define como a “comitiva da ilusión, da esperanza e do cambio”. Mirando de esguello unhas enquisas que manteñen o PP ao fío da maioría absoluta Vázquez formula unha estratexia de campaña baseada “no que lle importa á xente”, a comezar polo desemprego, e tamén en atacar un dos flancos máis sensibles nas filas conservadoras, o “da verdade” en materias como os supostos contratos da petroleira mexicana Pemex cos estaleiros galegos. Porque “quen mente non pode ser presidente deste país”.

"Quen mente non pode ser presidente deste país"

Na súa campaña “non haberá falsas expectativas nin falsas promesas”, asegura Vázquez, porque “para iso xa están Feijóo e Rajoy”. “En Madrid dixo que ía ensinar os contratos de Pemex e aquí ségueos ocultando”, censura; “xogan á desesperanza, coa necesidade de traballo dun sector clave”, pero “non se pode enganar á xente”. Por este motivo Vázquez formula un ultimato: "Doulle vinte e catro horas para que amose os contratos; se non os amosa, hai un cualificativo que lle porei que me dirixa a el", o propio de "quen engana e fai trampas", advirte.

Neste contexto Pachi Vázquez sae tamén ao paso da manifestación coa que se atopou o PP de Ferrol na súa pegada de carteis. “Non avalo ningún elemento de violencia”, anticipa o socialista, se ben enmarcha o sucedido nun contexto no que “Ferrol está enganado”, xa que os populares lle prometeron ao naval desa cidade “ou carga de traballo ou dique flotante” e ambas cousas “eran unha mentira”. “Se ti es un traballador desesperado, qeu ves como están pechando as empresas, e ves un partido dicindo que non responde das súas mentiras...”. “Foron alí todos os días contar mentiras e cando chega a campaña esa xente non quere que lles conten máis”, conclúe.

Propostas en materia deportiva

Pachi Vázquez lanzaba estas advertencias sobre Pemex no marco dunha visita á facultade de Ciencias do Deporte en Oleiros, onde tras reunirse con alumnado e profesorado do centro considerou "o deporte non como un gasto, senón como un investimento" que evita, por exemplo, maior gasto sanitario no futuro. "Se teño a responsabilidade de gobernar este país, a loita contra o paro e a promoción do deporte irán da man", di o socialista, xa que os mozos e mozas que estuden estas disciplinas tamén se poderán beneficiar das "25.000 bolsas" coas que, asegura, o PSdeG lle dará á mocidade a "oportunidade de seren útiles a este país" traballando durante un ano "nalgunha empresa galega".

Vázquez, no inicio da caravana electoral CC-BY-NC-SA PSdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.