A web que o candidato Feijóo nunca quixo ter que ler

Captura da web 'feijoo2012.com' Dominio Público Praza Pública

"Eu si podo garantir que se decepciono como presidente, se o meu Goberno non funciona como esperamos que funcione e se Galicia presenta peores resultados despois de catro anos, eu non vou pedir unha segunda oportunidade". Esta frase, que se escoita cando un entra na web feijoo2012.com, foi a que inspirou o proxecto. A páxina de internet, esa que nunca quixo o presidente da Xunta, ten superado todas as expectativas e avanza a unha media de 5.000 visitas diarias. E tenas empregando como nome e dominio un dos lemas de campaña do PP.

A web superou as expectativas e ten xa 5.000 visitas diarias de media

En menos dunha semana, esta web, que denuncia os incumprimentos e a política da Xunta de Galicia na última lexislatura, revolucionou xa a precampaña. "Cando escoitamos esa frase, xurdiunos a idea de como enfocar a páxina", conta un dos seus creadores, que mantén o seu anonimato e que aclara que feijoo2012.com foi "un encargo empresarial".

Nela, faise un repaso do que se consideran "as mentiras" e as "desfeitas" do Goberno Feijóo durante os últimos catro anos, destacando xa en portada varios dos incumprimentos dun presidente que, segundo din, "se autoproclamou como abandeirado das políticas de austeridade do PP que agora está a practicar o seu aliado e compañeiro político Mariano Rajoy e que só están a derivar en recortes sociais e na destrución masiva de emprego". Así, a web destaca a "solución" ao paro que prometera Núñez Feijóo, as dúbidas xurdidas sobre os contratos de Pemex, os masivos recortes en Educación ou Sanidade, o fracaso da lei de dependencia, a suba de impostos ou os danos ao medio ambiente en Galicia. Todo, baseándose nos 14 puntos daquel famoso Contrato con Galicia que o candidato conservador asinara na campaña electoral de hai catro anos.

Analízase a xestión do PP baseándose naquelas 14 promesas do 'Contrato con Galicia' asinado por Feijóo en 2009

"Decidimos que para ser máis obxectivos, teriamos que coller aquelas catorce promesas do seu contrato e ilas analizando unha a unha para ver se en realidade cumprira o que dixera", conta un dos autores da web, que explica que a páxina está baseada principalmente en "temas económicos e de emprego", pero que hai moito máis material.

Abofé que o hai. Na web poden atoparse noticias sobre as políticas da actual Xunta que se van actualizando constantemente, así como probas videográficas das promesas incumpridas de Feijóo ou unha biografía do xefe do Executivo galego na que se lle acusa de levar "21 anos trepando na política". A web é tan completa que se fai un percorrido da xestión do candidato do PP á reelección desde a súa chegada ao poder e até a actualidade, destacando o que os creadores da páxina consideran as principais eivas.

Feijoo2012 inclúe vídeos, dossier de prensa, novas actualizadas ou unha completa biografía do candidato do PP

Deste xeito, en feijoo2012.com destácase que, nada máis chegar ao poder, Feijóo prometeu acabar co paro e a crise en 45 días, reducir o tramo autonómico do IRPF ou pagar aos proveedores noutros 45 días. Nada diso cumpriu. Ademais, destaca a "nefasta" xestión na fusión das caixas galegas, a inexistente fábrica de baterías de litio para coches eléctricos, as dúbidas sobre o novo hospital de Vigo, o fracaso no concurso eólico ou a eterna promesa da creación da Axencia Tributaria Galega, entre outras moitas cousas.

O curioso é que a web válese do dominio feijoo2012, un dos lemas empregados polo candidato en todas as súas aparicións públicas co PP, algo que, segundo un dos creadores da páxina, "demostra que o Partido Popular non ten un grande interese en internet". "Non é a primeira vez que lles ocorre, porque na campaña municipal da Coruña víronse obrigados a cambiar todos os carteles publicitarios cando se decataron de que un dos seus lemas xa fora rexistrado por un particular", lembra. "A campaña de internet que ten este partido é bastante pobre, pero se cadra son conscientes de que o seu público obxectivo non está maioritariamente na Rede", insiste.

Quen si ten público é feijoo2012.com. Tanto, que os creadores recoñecen que "se viron desbordados" e que incluso tiveron que variar algunhas cousas do proxecto inicial. "Contratamos un servidor co cálculo de ter entre 100 e 200 visitas diarias, pero estamos sobre as 5.000 e tivemos que afacernos ás novas circunstancias", explica. Todo, nunha soa semana e en plena precampaña. Todo, para contar a "verdade" da xestión do Executivo nos últimos catro anos.

Captura da web 'feijoo2012.com' Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.