'Pokemon': entre a opacidade de Véndex e as dúbidas polo momento escollido para a investigación

Francisco Rodríguez © PSdeG-PSOE

A operación Pokemon sacudiu a precampaña galega. O operativo coordenado polo xulgado de Instrución Número 1 de Lugo, que dirixe Pilar de Lara Cifuentes, a mesma da operación Carioca, rachou os esquemas das formacións políticas, en especial do PSdeG e, en menor medida, do PP. Á detención do alcalde de Ourense, o socialista Francisco Rodríguez, uniuse máis tarde a do rexedor de Boqueixón, o popular Adolfo Gacio, pero ninguén dubida entre a clase política galega que os posibles danos electorais que se deriven desta investigación serían moito maiores nas filas do principal partido da oposición que nas do gobernante.

Este sábado pola mañá Francisco Rodríguez entrou nos xulgados de Lugo para ser interrogado pola xuiza Pilar de Lara. O venres pola tarde o alcalde de Ourense sufriu unha indisposición nos calabozos da comisaría de Pontevedra, con dores de cabeza e baixada de tensión, que fixeron necesaria a asistencia médica. O seu avogado esixiu o parte médico e criticou o longo periodo que o rexedor pasou detido antes de ser interrogado, rozando as 72 horas que fixa a lei como máximo. Este sábado pola mañá convocouse unha concentración na Praza Maior de Ourense para defender a inocencia do alcalde "e apoialo nestes momentos". Tamén se creou unha conta en twitter en apoio ao rexedor, chamada Cremos en Paco.

Este sábado pola mañá convocouse unha concentración na Praza Maior de Ourense para defender a inocencia do alcalde

En total son máis de 50 persoas as involucradas na operación. Hai trece detidos pero nos próximos días produciranse novas detencións e fontes da investigación aseguran que o número de imputados pode superar as trinta persoas. Adolfo Gacio, alcalde popular de Boqueixón, foi interrogado este venres. Gacio quedou en liberdade baixo fianza de 10.000 euros, pero ficou imputado por seis delitos, entre eles suborno, prevaricación e blanqueo de diñeiro.

 

Vendex, beneficiaria de concesións públicas en todo o Estado

Vendex é un conglomerado de máis de 30 empresas que se aproveitaron da tendencia crecente a externalizar a xestión de case todos os servizos municipais

A base da operación, derivada das investigacións do caso Carioca e produto de numerosos pinchazos telefónicos realizados nos últimos meses, está na actividade do Grupo Vendex. Vendex é un conglomerado de máis de 30 empresas que realizan servizos de mantemento e xestión para entidades públicas en todo o Estado a través de diversas sociedades, como PAU, Doal ou Semat e que se aproveitaron da tendencia crecente a externalizar a xestión de case todos os servizos municipais. Algúns dos seus contratos máis lucrativos corresponden á xestión de residuos en Burgos e Sabadell.

En Galicia, o seu traballo céntrase nas zonas de estacionamento da ORA e a limpeza de colexios e recintos deportivos. A lista case non ten fin e afecta a concellos e institucións gobernadas tanto polo PP coma polo PSOE. Lugo (cursos de natación, servizo de información turística do Centro de Interpretación da Muralla), Ourense (zona ORA),  Santiago (servizo de gardería e polideportivos), Ferrol (xestión do teatro Jofre e do centro cultural Torrente Ballester), A Coruña (servizo de limpeza e de conserxería)i Boqueixón (axuda a domicilio) ou Arteixo (servizo de guindastre e axuda a domicilio) traballan coas sociedades de Vendex. Tamén a Xunta lle concedeu a xestión do acuario do Museo do Mar de Vigo.

 

"Sospeitas"

Unha das denuncias máis estendidas alude a que a xuiza Pilar de Lara xa dispoñia en xuño de todos os datos para levar a cabo a operación

A operación tamén xerou criticas, sobre todo polo momento escollido, e sobre todo entre as fileiras socialistas. Unha das denuncias máis estendidas alude a que a xuiza Pilar de Lara xa dispoñia en xuño de todos os datos para levar a cabo a operación. Fóra de micro ou publicamente, son varios os dirixentes políticos que aseguran "crer na independencia xudicial, pero non tanto nas casualidades". Así se manifestou, por exemplo, José Ramón Gómez Besteiro, presidente socialista da Deputación de Lugo, que foi máis cauto que Xosé López Orozco, implicado -sen consecuencias finais- non hai moito na operación Campeón e que tampouco semella crer moito en que sexa o azar quen determine que as detencións e o balbordo mediático que arrodea estas operacións acontezan sempre a pouco dunha convocatoria electoral. “Non coñezo os tempos da Xustiza nin me meto niso, pero si que teño claro que tamén sucedeu nas eleccións do 20 de novembro e o día que eu ía anunciar que fora elixido presidente do PSdeG-PSOE", dixo o alcalde de Lugo.

A pouco daquelas eleccións xerais, o protagonista xudicial fora José Blanco, involucrado na operación Campeón pola xuíza Estela San José, tamén de Lugo. Que a xuíza que se encarga da operación actual -que investiga diversos delitos como o de suborno, prevaricación, fraude fiscal, falsidade documental ou tráfico de influencias- estea casada cun cargo do PP de Lugo engade aínda máis sospeitas, algunhas expresadas claramente e outras de forma privada por varios dirixentes políticos da oposición.

Laura Seara, deputada do PSdeG-PSOE no Congreso, cre que a detención de Francisco Rodriguez un mes antes do 21-O non é "casual", mentres que Ana Pontón, parlamentaria do BNG no Hórreo, espera que detrás da operación "non haxa intereses máis aló dos estritamente xudiciais". Alternativa Galega de Esquerdas (AGE), ademais, lembra que "non sería a primeira vez que se utiliza a acción da xustiza como arma en datas previas a un proceso electoral".

Entre os políticos, tamén son claros os reproches á metodoloxía empregada pola xuíza, á que critican que tivese incomunicado e sen declarar ao alcalde de Ourense durante máis de dous días enteiros, ademais do balbordo mediático a tan só un mes das eleccións autonómicas.

Francisco Rodríguez © PSdeG-PSOE
Adolfo Gacio, alcalde de Boqueixón © Vieiros

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.