O BNG chama a "avanzar na soberanía nacional", algo que só pode facer "unha forza sen tutelas alleas"

Jorquera, cos cabezas de lista do BNG CC-BY-NC-SA BNG

O BNG aprobou as súas candidaturas para as eleccións do 21-O no seu Consello Nacional, que este sábado as refrendou "por amplisima maioria". A este respecto Francisco Jorquera, candidato do BNG á presidencia da Xunta, salientou "o proceso exemplar" levado a cabo pola formación, cun proceso de elección de candidatos realizado polas bases a través das asembleas comarcais. "O BNG cre na democracia. No BNG as listas non as fai un señor nunha tarde nun despacho", en relación ás declaracións realizadas por Alberto Núñez Feijoo. E continuou referindose ao candidato popular ao afirmar que "no BNG as listas non se fan para premiar fidelidades nin incompetencias".

Jorquera salientou que o BNG traballará polo autogoberno e dará pasos firmes para avanzar cara á  "soberania de Galiza". Jorquera afirmou a este respecto que "só pode defender a soberanía nacional unha forza política soberana, que non ten tutelas alleas. Unha forza como o BNG".

"Necesitan centralizar o poder politico para concentrar o poder económico e para acabar cos servizos públicos e co gasto social"

O candidato nacionalista alertou de que o PP está usando a crise como excusa "para impoñer o seu modelo económico" e dixo que esa é a razón da súa ofensiva centralista pois "necesitan centralizar o poder politico para concentrar o poder económico e para acabar cos servizos públicos e co gasto social". Para o BNG, nese proceso recentralizador non van estar nin Catalunya nin o Pais Vasco "e tampouco Galiza, porque Galiza, queiran ou non, é unha nación". Por ese motivo o Bloque chamou a "dar un paso adiante". Para Jorquera, o futuro da pesca, do agro ou dos sistema financeiro non se debe decidir en Madrid.

Jorquera pechou a súa intervención afirmando que "hai unha Galiza indomable e insubmisa" en referencia ás declaracións de Feijoo nas que o candidato popular dixo que "Galicia é España dende hai 500 anos", o que para Jorquera constituiu un recordo do "proceso de doma e castración".

Jorquera, cos cabezas de lista do BNG CC-BY-NC-SA BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.