Os ecogaleguistas abandonan Compromiso e acordan integrarse en Alternativa Galega

Asemblea constituínte do Espazo Ecosocialista © Praza Pública

Espazo Ecosocialista abandona Compromiso por Galicia. Os ecogaleguistas, un dos grupos que integra a formación galeguista, veñen de decidir abandonar o partido e unirse á coalición Alternativa Galega de Esquerdas, na que están xa Anova e Esquerda Unida.

Logo da celebración dunha asemblea nacional, Espazo Ecosocialista decide "por unanimidade abandonar o proxecto político de Compromiso por Galicia" e "abrir o diálogo político coa coalición electoral Alternativa Galega de Esquerdas" para incorporarse a ela, "facilitando a incorporación dun necesario sector social cidadá que doutro xeito non se mobilizaría ante o imprescindible cambio político", tal e como se especifica nos acordos aprobados este mércores á noite.

Os ecogaleguistas "láianse" de "non ter acadado a máxima unidade electoral que demanda a cidadanía"

Neses mesmos acordos, o Espazo Ecosocialista di "laiarse" de "non ter acado a máxima unidade electoral que demanda a cidadanía e defendida desde o primeiro momento" por eles mesmos, tras o proceso frustrado de coalición entre Compromiso por Galicia, Anova e Esquerda Unida.

Así, aseguran que o debate xurdido nas últimas semanas en CxG sobre a conveniencia ou non de integrarse nesa coalición "puxo de relevo dúas concepcións de construción do proxecto: a fundacional da cooperativa política inclusiva situada na esquerda renovadora e a do partido nacional neutro defendida por outros". "Ambas as dúas lexítimas, pero desde o noso punto de vista incompatibles", din.

Cren que en Compromiso conviven dúas concepcións de proxecto "lexítimas, pero incompatibles"

Como xa comunicaran, os ecogaleguistas lembran que a súa formación "mantívose con lealdade ata o último momento" durante as diferenzas entre diversas faccións de Compromiso sobre conveniencia ou non do pacto con Anova e EU, "mesmo aparcando a posibilidade de participar como un membro máis da nova coalición, para facilitar un acordo de incorporación de CxG á alianza ampla que nunca chegou".

O cambio de rumbo da dirección de CxG, que nun principio optaba por non pactar con EU, pero que ao final deixou a decisión nas mans das súas bases -que si aprobaron a coalición- non foi dabondo para facilitar ese acordo amplo que reclamaba ultimamente o Espazo Ecosocialista, que agora decide abandonar o barco, malia que sempre foi fiel a un proxecto que consideraba o ideal para o futuro político de Galicia. A decisión xa lle foi comunicada á dirección de Compromiso.

"O acordo de Coalición EU-Anova é un paso importante na unidade da esquerda e na concentración electoral fronte ao PP, mesmo supón unha nova experiencia na procura de superar a división da esquerda nacionalista / non nacionalista baixo un proxecto nacional, aínda que non resolve satisfactoriamente a alternativa ampla, necesaria e crible para a cidadanía", din os ecogaleguistas, que apostan, agora si claramente, por Alternativa Galega de Esquerdas.

"A derrota electoral do PP só é posible desde a máxima unidade representada por Alternativa Galega de Esquerdas"

Para o Espazo Ecosocialista, hai "dúas tarefas fundamentais: reconstruír o espazo da esquerda nacional renovadora e conseguir a derrota electoral do PP". Segundo aseguran nos acordos da asemblea, as devanditas tarefas só son "posibles de conseguir desde a máxima unidade posible hoxe representada por Alternativa Galega de Esquerdas".

 

 

 

HABERÁ AMPLIACIÓN

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.