O Prestige segue a pasar factura: 1,4 millóns para o xuízo

Momento do afundimento do Prestige, tras partir en dous © Xurxo Lobato / Divulgada pola Plataforma Nunca Máis

Case dez anos. É o tempo transcorrido entre o afundimento do Prestige ante as costas galegas e o inicio do xuízo derivado da catástrofe, un macro proceso xudicial que botará a andar o vindeiro 16 de outubro e que polas súas especiais características supón un importantísimo custo para as arcas públicas da Xunta, por ter transferidas as competencias nesta materia. Unha comisión mixta composta por representantes da Consellería de Presidencia e do Tribunal Superior de Xustiza (TSXG) desenvolveron nos últimos meses un operativo que xa ten tradución en euros públicos: 1,4 millóns.

A, en palabras do presidente do TSXG, "complexidade cuantitativa e cualitativa" do proceso obriga a levar o xuízo fóra das propias instalacións do tribunal, concretamente ata o recinto de Expocoruña. Unha "sala experimentada que sabe o que ten que facer", di Miguel Ángel Cadenas, recibirá os 133 testemuñas que xa foron convocados nunha sala de vistas de 450 metros cadrados, cun estrado de 200 metros cadrados no que se situarán avogados, procuradores e peritos e unha estantería para instalar o enorme expediente. O desenvolvemento do proceso, no que están personadas 2.000 partes, poderá ser seguido por ata 200 persoas de público.

Polo xulgado instalado en Expocoruña pasarán 133 testemuñas nun xuízo no que están personadas 2.000 partes

No banco dos acusados sentarán o capitán do petroleiro afundido, Apostolos Mangouras, o seu xefe de máquinas, Nikolaos Argyropoulos, e o seu primeiro oficial, Ireneo Maloto, todos eles por delitos contra os recursos naturais e o medio ambiente, danos, desobediencia e resistencia. O máis parecido a un cargo político da época que terá que responder ante a xustiza é o daquela director xeral da Marina Mercante, José Luis López-Sors, a quen se lle imputan delitos contra o medio ambiente e danos. Na categoría de responsables civís directos figuran a aseguradora London Steam-Ship Owners Mutual Insurance e o Fondo de Indemnización de Danos pola Contaminación de Hidrocarburos (Fidac) e, como responsables civís subsidiarios, o Estado español e as navieiras Mare Shipping e Universe Maritime.

Pero, onde van os 1,4 millóns de euros que destina a Xunta a organizar o xuízo? Ademais de ao aluguer e conversión de Expocoruña nun xulgado, esencialmente ao arrendamento ou compra de equipamento tecnolóxico, como altofalantes, cámaras de vídeo, micrófonos, pantallas e sistemas de videoconferencia, ademais de dispositivos para poder consultar o expediente, dixitalizado dende o pasado ano. Os cartos invístense tamén en servizos de vilixancia e de tradución a inglés, francés, grego e tamén galego, do que cabe deducir que a lingua do proceso será o castelán. Segundo informa a Xunta o investimento complétase coa habilitación de espazos para a prensa e as necesarias conexións a Internet.

Gastos do xuízo do Prestige (fonte: Consellería de Presidencia)
Vixilancia 9.319,64
Coordinación 14.381,57
Interpretación 297.805,20
Adecuación das salas de vistas 77.746,42
Aluguer do auditorio 118.436,44
Aluguer da sala de prensa 20.597,10
Aluguer de despachos e salas auxiliares 213.185,59
Cabinas de tradución 5.421,93
Adquisición de cámaras para gravación 58.382,50
Sistemas de gravación dixital 68.062,50
Adquisición de pantallas 33.184,25
Sistema de interpretación profesional 225.513,75
Instalación de equipamento audiovisual 35.023,45
Servizos de soporte in situ 80.404,50
Adecuación da ubicación da prensa 3.076,27
Saídas da sala de audio e vídeo  4.101,69
Liñas de comunicación e cableado da sala 7.690,68
Gastos de xestión 30.000
TOTAL 1.393.258,44 €

 

Plano do recinto no que se celebrará o xuízo © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.