A Xunta Electoral ordena retirar os anuncios do Goberno galego que denunciou o BNG

Feijóo, no Consello flanqueado por Rueda e Muñoz © Xunta

Prometida durante máis de tres anos e definitivamente no caixón. Así quedou, unha lexislatura máis, a anunciadísima Lei de Publicidade Institucional, a norma para regular as accións publicitarias e propagandísticas do Goberno galego que o conselleiro responsable de impulsala, Alfonso Rueda, xa consideraba "urxente" en febreiro de 2010 despois de que el mesmo e o propio Alberto Núñez Feijóo a reclamasen profusamente dende a oposición. Cos comicios autonómicos xa convocados a propaganda gobernamental queda limitada ata despois do 21-O polas restricións que a Lei do Réxime Electoral Xeral (Lorex) impón dende 2011, pero sen unha norma galega que lle poña os marcos á acción da Xunta neste ámbito antes e despois da cita coas urnas. Así e todo, unha acción publicitaria o Goberno galego vén de colidir con esa lexislación estatal, ata o punto de que a Xunta Electoral de Galicia (XEG) resolveu este martes a retirada dunha campaña oficial, a presentada baixo o lema Paisaxe galega, unha tarefa de todos, con lemas como A Galicia do futuro depende de nós.

Esta instrución da autoridade electoral prodúcese a instancias do BNG, que a pasada semana efectuara unha denuncia formal ao respecto por ser, en palabras da súa secretaria de organización, Montse Prado, unha "violación da lexislación electoral" que resulta, ao seu xuízo, "impresentábel en termos democráticos", máis aínda tendo en conta, enfatiza, que o xefe de campaña do PP é o conselleiro da Presidencia, Alfonso Rueda. Tras a denuncia a XEG reclamou da dirección xeral de Relacións Institucionais un informe ao respecto da denuncia do Bloque. Entregado este luns, no documento o departamento con dependencia orgánica directa de Alberto Núñez Feijóo alegou, segundo explica a propia XEG que a campaña se "axustaba aos criterio sde intese xeral e servizo público" e, por tanto, podía ser difundida en período preelectoral. Así e todo, e nun escrito posterior, a Xunta alegou que, "para evitar calquera dúbida sobre o proceder desa Administración", di a XEG, "se lle teña por renunciado o seu dereito de defensa" e, aínda que sexa "renunciar a un dereito", accede a "cesar no mantemento da sinalada campaña institucional".

A Xunta Electoral acordou "por unanimidade" aceptar a denuncia do Bloque e requerir a retirada da campaña da Xunta

É neste contexto no que a Xunta Electoral acorda, "por unanimidade", "requerir á Xunta para que cese na difusión da campaña (...), recordando a vixencia" dos artigos da Lei Electoral que impiden a difusión de publicidade que saliente logros do Goberno antes dunhas eleccións. Ante esta resolución o BNG considera "moi curioso que o propio Goberno galego, logo de ter amagado en primeira instancia coa presentación de alegacións, finalmente optase por retiralas, dando implicitamente a razón ao Bloque Nacionalista Galego.

A regulación da publicidade, prometida durante toda a lexislatura

Como xa detallou Praza Pública, a Lei de Publicidade formaba parte do paquete lexislativo que, formado por 23 iniciativas, prometeu Feijóo para o último treito do seu mandato. Desa vintena longa de normas só dezaoito recibiron o visto e prace do Parlamento, que xa non retomará a súa actividade ordinaria ata despois das eleccións. Así as cousas, quedan a medio tramitar leis como a de fomento da investigación ou a de telecomunicacións pero a de Publicidade nin sequera chegou a este punto, dado que a Consellería de Presidencia nin sequera chegou a rexistrala. Polo tanto, o Executivo dos conservadores queda mesmo un paso por tras do Goberno bipartito, que tampouco aprobou esta norma malia prometela, pero que si chegou a iniciar a súa tramitación no Pazo do Hórreo meses antes dos comicios de 2009.

O gabinete de Feijóo mesmo quedou un paso por tras do bipartito, que iniciou a tramitación da lei pero non a chegou a aprobar

O feito de que a lei chamada a regular os gastos publicitarios do Goberno e a súa relación cos medios de comunicación non fose aprobada resulta aínda máis rechamante polas múltiples ocasións en que a norma foi anunciada. Despois da devandita consideración de "urxencia" en 2010, na primavera do mesmo ano a Xunta insistía en que iniciaría encetaría o proceso "proximamente". En novembro o PSdeG tentaba iniciar a redacción da norma cunha proposición de lei que foi rexeitada en solitario polos populares, o mesmo que aconteceu con outras propostas no mesmo sentido chegadas tanto dende as filas socialistas como dende as do BNG.

A última ocasión en que o Goberno tivo a oportunidade de cumprir a súa promesa -contida no programa electoral co que o PP se impuxo nas eleccións de 2009- foi o pasado abril. Daquela o PSdeG tentaba de novo, a través do seu deputado José Manuel Lage Tuñas, poñerlle "fin á relación feudal cos medios de comunicación" que, ao seu xuízo, mantén a Xunta. Para isto faise necesaria unha lei que, por exemplo, argumentaba, "obrigue a facer públicos os contratos de publicidade" e vete os convenios "discrecionais" entre o Goberno de quenda e as empresas de comunicación. O voceiro do PP naquel debate, Agustín Baamonde, aseguraba estar "de acordo en que hai que facer esa regulamentación" e tamén en que cómpre "separar a publicidade da propaganda". Pero os conservadores rexeitaron a proposta polo seu "oportunismo" e porque, ademais, aseguraba, o gabinete de Feijóo presentaría e aprobaría a súa propia lei antes do remate da lexislatura.

Pero a promesa non se cumpriu e, coa lexislatura finiquitada a efectos prácticos, a publicidade pagada con fondos públicos só depende da vontade do propio Goberno e, en período electoral, da Lorex. Así, en virtude desta normativa "dende a convocatoria das eleccións", isto é, dende o pasado luns 27 de agosto, "fica prohibido calquera acto organizado ou financiado, directa ou indirectamente, polos poderes públicos que conteña alusións ás realizacións ou aos logros obtidos ou que utilice imaxes ou expresións coincidentes ou semellantes ás utilizadas nas súas propias campañas por algunha das entidades políticas concorrentes ás eleccións". Do mesmo xeito, a Xunta ten "prohibido" realizar "calquera acto de inauguración de obras ou servizos públicos ou proxectos (...), calquera que sexa a denominación utilizada, sen prexuízo de que ditas obras ou servizos poidan entrar en funcionamento".

Feijóo, no Consello flanqueado por Rueda e Muñoz © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.