Os ecogaleguistas apostan por unha unidade "ampla e diversa" pero "non antisistema"

Asemblea constituínte do Espazo Ecosocialista © Praza Pública

Búscanse alianzas en boa parte do nacionalismo e da esquerda galega de cara ás eleccións autonómicas. Xosé Manuel Beiras, líder de Anova, insistiu varias veces na necesidade de crear "unha fronte común de esquerdas"; logo, Yolanda Díaz, coordinadora xeral de Esquerda Unida (EU), teimaba na necesidade dunha "Syriza galega", mentres Compromiso por Galicia ía engadindo ao seu proxecto novas formacións do centro galeguista.

Precisamente, dentro de Compromiso por Galicia insírese o Espazo Ecosocialista, unha das formacións ás que, por exemplo, aludiu EU de cara a futuras conversas para intentar de conformar unha fronte "anticapitalista" de cara aos vindeiros comicios autonómicos. Preguntado pola necesidade de alianzas progresistas no futuro inmediato, Xoán Hermida, voceiro dos ecogaleguistas, cre "necesaria a unidade", pero sempre que sexa "con renovación". "Senón é así, será melancolía e pura frustración", asegura a Praza, tras engadir que a súa formación aposta "por construír redes e alianzas amplas", pero "non cun discurso antisistémico". "Por suposto que hai que cuestionar o sistema, pero a día de hoxe a lectura non debe ser esa", di.

"A unidade é necesaria, pero sempre que sexa con renovación e non cun discurso antisistémico"

"A xente o que demanda é unidade fronte a este desmantelamento social, pero tamén algo novo. Se alguén é capaz de ofrecer algo novo e non a suma de elementos vellos, o pobo vaino aceptar e esa forza ten entrada no Parlamento galego", insiste Xoán Hermida, que cre que quen está apostando de verdade por esa fórmula "é Compromiso por Galicia, que vén de anunciar unhas primaras abertas a toda a sociedade".

Para Hermida, debe ser "ese polo renovador o que consiga arrastrar a xente". O proxecto renovador debe, segundo o coordinador dos ecogaleguistas, "tamén precisa debater unhas políticas de alianza, pero moi ampla e integradora". "A fronte nacionalista de esquerdas xa existe, e é o BNG. Ademais, creo que non estamos en condicións de cambiar o ssitema senón de frealo", asegura. "Quen faga unha lectura en clave frentista antisistémica estase equivocando; o que fai falta é unha unidade ampla en defensa de Galiza e do Bencomún e esa non se esgota nin na esquerda nin no nacionalismo”, insiste.

"O que fai falta é unha unidade ampla en defensa de Galiza e do Bencomún e esa non se esgota nin na esquerda nin no nacionalismo”

"As comparacións adoitan ser equivocadas. Non estamos nun periodo guerracivilista, nin estamos en Grecia polo de agora. En todo caso, hai que consturír proxectos propios", di en clara referencia ás propostas de conformar unha Fronte Popular ou unha alianza ao estilo da Syriza grega. "Se algún quere verse nese espello, deberá ter en conta que na Fronte Popular da época da República xuntábanse o centro galeguista, a esquerda ou sectores centristas católicos", engade.

Xoán Hermida vai máis aló e, aínda que cre que "a partir de onde se pode facer esa unión é CxG", cre tamén que si debe haber unha política de alianzas "preelectorais ou postelectorais" nas que "deberían estar Anova, EU, o BNG...". "Ninguén fala do Bloque nin do PSdeG e coido que son tanto ou máis importantes, non?", pregúntase.

"Precisamos unidades de diferentes. A esquerda e o nacionalismo son plurais e non poden convivir no mesmo proxecto, pero si chegar a acordos preelectorais"

"Precisamos unidades de diferentes. A esquerda e o nacionalismo son plurais e non poden convivir no mesmo proxecto político, pero iso non signifca que non poida haber acordos preelectorais que haxa acordos preelectorais", asegura, tras rematar aclarando que "estamos noutro século", polo que "non se precisan modelos do século pasado". "O que necesitamos son alianzas amplas para botar o PP", conclúe.

Ademais, Praza púxose tamén en contacto con Anova de cara a coñecer a súa opinión sobre futuras alianzas ou colaboracións políticas, pero preferiron non referirse aínda a esa posibilidade.

 

Asemblea constituínte do Espazo Ecosocialista © Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.