Terra Galega únese ao proxecto de Compromiso por Galicia

Cuiña e Bascuas, na reunión cos dirixentes de TEGA © CxG

Continúan os movementos no nacionalismo. Compromiso por Galicia (CxG), formación composta por Acción Galega, Máis Galiza e Ecogaleguistas, chegou este luns a un acordo con Terra Galega (TEGA) para acudir conxuntamente ás vindeiras eleccións autonómicas, aínda que a formación centrista non se integrará polo momento na coalición.

Terra Galega acudirá ás eleccións xunto a CxG, pero non se integraría na coalición até despois dos comicios

TEGA, que conta con 23 concelleiros en Galicia -onde sumou preto de 14.000 votos nos últimos comicios municipais- si poderá participar nas primarias previstas en CxG, pero non confluirá plenamente no proxecto até, cando menos, despois das eleccións, momento no que a formación que goberna Narón podería acabar integrada nun proxecto nacionalista que xunta xa catorce pequenos partidos galeguistas.

A confirmación desta unidade de acción, que se levaba negociando xa hai meses, tivo lugar este luns a través dunha foto solemne tras a xuntanza que mantiveron en Narón dous dos dirixentes de CxG, Xoán Bascuas e Rafael Cuiña, xunto cos líderes de TEGA, entre eles o alcalde naronés, José Manuel Blanco.

TEGA participará nas primarias de Compromiso por Galicia, onde proporá candidatos

"Levabamos tempo falando e estamos moi satisfeitos de poder contar cunha forza tan importante como TEGA no noso proxecto", confirmou Rafael Cuiña, que aclara tamén que Terra Galega "participará nas primarias" de CxG e "proporá candidatos". A intención, segundo di o dirixente de Compromiso, é que TEGA acabe participando tamén no proceso constituínte de CxG para integrarse plenamente na coalición.

A achega de TEGA a Compromiso incrementa a forza da coalición na provincia da Coruña, onde a formación centrista ostenta 22 dos seus 23 concelleiros e onde conta con preto do 3% dos votos. Ademais, e tal e como confirma tamén Cuiña, CxG mantén negociacións con varias formacións locais que poderían integrarse no proxecto nas vindeiras semanas.

CxG "respecta o que faga" Anova e "mantén as portas abertas para falar no futuro"

En canto a posibles acordos con Anova, nova formación nacionalista liderada por Xosé Manuel Beiras, Rafael Cuiña aclara que Compromiso "respecta o que faga" esta formación, pero asegura que segue a ter "as portas abertas para falar no futuro", pero "sen perder tempo ningún" en hipóteses de futuro.

Cuiña e Bascuas, na reunión cos dirixentes de TEGA © CxG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.