A Xunta ameaza con que o Goberno aplique o artigo 155 da Constitución e inteverveña Andalucía e Catalunya

Alfonso Rueda, na sede do PPdeG © PPdeG

A Xunta advirte. O conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, instou a Catalunya e Andalucía, que plantaron o Goberno central no Consello de Política Fiscal e Financeira (CPFF) a que recapaciten e pensen no "interese xeral" e non en "réditos políticos". Así, e preguntado pola posibilidade do Executivo de recorrer ao artigo 155 da Constitución, que permite intervir as comunidades para que cumpran o déficit, Rueda sinalou que se trata "dunha posibilidade real que está na normativa".

"Efectivamente o Goberno ten unha serie de instrumentos para asegurar que se cumpra a normativa"

Malia todo, e antes de chegar a esa opción, insistiu en facer un chamamento ás comunidades autónomas, en particular ás dúas citadas anteriormente, para que dean marcha atrás no seu plantón ao Goberno. Por iso, pediu "un esforzo de responsabilidade" a todas as autonomías nunha situación "complicadísima". "Se non fose así, efectivamente o Goberno ten unha serie de instrumentos para asegurar que se cumpra a normativa", ameazou, tras aclarar que prefire que "as comunidades sexan responsables e se dean conta de que teñen que selo".

Preguntado sobre se cre que debe recorrerse a esta posibilidade se algunhas autonomías manteñen o seu posicionamento, o conselleiro de Presidencia recalcou que "todos teñen que cumprir as decisións do Consello de Política Fiscal e Financeira".  "Sería beneficioso para todos que as comunidades autónomas que manifestaron a súa vontade de non cumprir recapaciten e o fagan". "Se non, aí están os instrumentos", remarcou. 

Unha das voces que máis apostou por aplicar o artigo 155 da Constitución foi o sindicato ultradereitista Manos Limpias, que o pasado xoves emitiu un comunicado pedíndolle ao presidente do Goberno que actuase nesa dirección. Tamén UPyD dixo estar de acordo na aplicación do devandito artigo se continuase a negativa de Catalunya e Andalucía. A secretaria de Estado de Prespostos e ex conselleira, Marta Fernández Currás, foi a primeira que advertiu desa posibilidade, unha ameaza que a maioría de partidos cualifican de "chantaxe".

Alfonso Rueda, na sede do PPdeG © PPdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.