ApU e Máis Galiza pactan a dirección local e comarcal do BNG vigués

Militantes do BNG votando na XIII Asemblea Nacional da formación CC-BY-NC-SA BNG

Non todo é conflito. Mentres a tensión derivada da marcha do Encontro Irmandiño segue a estar moi presente no entorno do BNG, as dúas grandes correntes da formación frontista veñen de chegar a un acordo en Vigo dentro da fase final do proceso da XIII Asemblea Nacional, isto é, a renovación dos órganos comarcais e locais. Segundo puido saber Praza Pública de fontes do Bloque vigués, a Alternativa pola Unidade (ApU) e Máis Galiza optaron por continuar a "tradición unitaria" da fronte e acadaron un "acordo de listas e responsabilidades" na localidade e na comarca.

Mentres o conxunto de Máis Galiza agarda decidir o seu rumbo futuro, xa constituída en partido, fontes da negociación ven o pacto como "algo excepcional na dinámica nacional", que dará lugar a un Consello Comarcal con 11 membros da ApU, outros 11 de +G e 3 do Movemento Galego ao Socialismo. Mentres, a Executiva Comarcal quedaría conformada por 5 representantes da ApU, o mesmo número de membros de +G e un do MGS.

Unha vez pechado o pacto, que incluiría, atendendo ás mesmas fontes, a responsabilidade sobre a área de barrios e parroquias para a ApU e a de organización na comarca para +G, no BNG de Vigo observan o logrado como o resultado "dun esforzo de ambas partes para manter o traballo político" conxunto e "a defensa dos programas municipal e político xeral".

Responsabilidades na Executiva "por imperativo estatutario"

Mentres isto acontecía en Vigo, a dirección nacional de Máis Galiza explicaba nos últimos días as razóns que levaron aos membros da corrente a asumir responsabilidades na Executiva do Bloque antes da Asemblea na que determinarán se permanecen ou non na formación que encabeza Guillerme Vázquez.

Dende +G sinalan que, "a pesar das ofertas da ApU", rexeitaron "ter postos de relevancia" e "optaron por levar responsabilidades de baixo perfil político" como a secretaría de Economía e Emprego, que asumiu Carlos Aymerich. Esta asunción de responsabilidades fíxose "por imperativo estatutario", explican, e á espera da súa Asemblea Nacional, o 11 de marzo.

 

 

Militantes do BNG votando na XIII Asemblea Nacional da formación CC-BY-NC-SA BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.