O 'holding mediático' do alcalde de Quiroga blinda o seu poder tras 25 anos de goberno

O alcalde de Quiroga, Julio Álvarez, entregando 50 litros de aceite ao Bispo de Lugo, Alfonso Carrasco Rouco © Diócese de Lugo

Quiroga sitúase como unha transición entre as comarcas de Lemos e Valdeorras encravadas nas actuais provincias de Lugo e Ourense. A pesar de ser unha vila de 3.726 habitantes, segundo amosa o censo de 2010, non deixou de perder poboación durante os últimos 25 anos. E hai precisamente 25 anos que o actual alcalde, Julio Álvarez, tomou posesión como rexedor da vila encabezando as listas do Partido Popular.

O rexedor converteu electoralmente o concello nun fortín inexpugnable para a esquerda, quen non foi capaz de baixar os rexistros electorais dun home que gaña todas as convocatorias e que conta hoxe cunha cómoda maioría absoluta cifrada en 8 concelleiros fronte aos 3 da oposición.

O seu poder levouno a ser vicepresidente da Deputación de Lugo, cando estaba en mans do PP, e a conseguir importantes investimentos para unha vila de tamaño medio. Incluso o propio José María Aznar visitou o concello, como presidente do PP, para inaugurar un centro da terceira idade encravado no centro do pobo.

Hoxe en día, superado o tempo de Cacharro na Deputación e de Fraga na Xunta, non goza dunha relación tan privilexiada coa nova oligarquía popular pero así e todo resiste. A súa ferramenta para manterse son os empregos que lle ofrece á veciñanza e un aparello propagandístico que conta cunha radio e televisión municipal como instrumentos.

Hoxe en día, superado o tempo de Cacharro na Deputación e de Fraga na Xunta, non goza dunha relación tan privilexiada coa nova oligarquía popular pero así e todo resiste

A oposición socialista e nacionalista non conta con acceso a esta canle pública para expor os seus plantexamentos e descoñece con exactitude o orzamento dedicado a este ente público. O voceiro do BNG, Ánxel Rodríguez, queixase e di: “Non temos acceso as contas públicas da radio e da televisión e temos que pensar que polo menos hai 3 ou 4 empregados”. Dende o BNG teñen que conformarse con ver que “hai telexornais e unha Audiencia Pública, onde o alcalde expón as súas teorías sen ningún tipo de replica e todo previamente pactado”.

O único que non controla é a rede, de aí que desconfíe das novas tecnoloxías e dea instrucións aos presentadores da televisión para que obvien este sistema de comunicación: “Eu o que non vou facer e entrar o trapo, por iso que sexa a última vez que se me pregunte a min sobre isto”.  A advertencia foille feita en directo a presentadora do espazo Audiencia Pública.

O portavoz nacionalista asegura que “temos as redes sociais como aliadas e tamén o crecente coñecemento da xente que ata agora calaba porque lle daba traballo”. Ánxel Rodríguez expón como exemplo do talante democrático a celebración dun pleno ordinario do mes de novembro pasado: “Na quenda de rogos e preguntas expulsounos a todos da sala de moi malos modos e logo empregou a televisión para xustificarse baseándose nuns criterios de rectitude ficticios”. Dende aquela o concello quirogués non volveu a acoller ningún pleno ordinario, só un extraordinario no mes de xaneiro, que transcorreu con normalidade ao non haber rogos e preguntas”.

A oposición emprega as redes sociais con habilidade para tratar de contrarrestar a ofensiva do rexedor. Tanto o BNG coma o PSdeG válense de militantes que detrás do anonimato fan chanzas coa forma despótica de proceder do rexedor municipal. Porén, tras ver que non podía coa rede, o alcalde sumouse ás redes sociais e as súas entradas non deixan indiferente a ninguén. En referencia a unha candidata nacionalista non elixida que participou como espectadora no pleno de novembro escribiu no seu muro: “Sobre a imbécil, más que fea, horrible e multiplicado por MIL, mala persoa...cándo atendes a túa casa? Días máis tarde comunicou que “iso podía referirse a calquera”.

Postos de traballo

Non obstante non todos son inimigos. O alcalde goza do silencio cómplice de moitos e moitas quirogueses. Poucos o defenden publicamente pero algún como o presidente do colectivo de aceiteiros da zona, Jesús Bao, sosteñen que “é moi boa persoa, fixo moito por Quiroga e para dar traballo non lle pregunta a ninguén a que partido vota”.

O alcalde, din dende a oposición, tivo sorte porque “tivo moitos instrumentos para crear emprego nas súas mans incluso na etapa do bipartito”. O último foi o Plan Laxa pensado para a inserción profesional dos parados de longa duración do sector da lousa. Julio Álvarez xestionaba directamente os postos de traballo subvencionados pola Xunta para ofrecer e aparecer como o buscador das axudas.

A súa acción de goberno complétase con medidas efectistas como a participación na gravación dun capítulo para a serie de Telecinco, Hospital Central

A súa acción de goberno complétase con medidas efectistas como a participación na gravación dun capítulo para a serie de Telecinco, Hospital Central, ou a contratación de estrelas televisivas para o pregón da festa do viño.

Porén, tras estas frivolidades, a oposición acusa ao rexedor de practicar unha política de censura férrea, de non tomar medidas para asentar poboación e de construír grandes edificios públicos com o Museo Etnográfico, o Centro Social ou o Auditorio, que están case sempre baleiros e que son o exemplo dunha vila en decadencia.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.