Compromiso, a Beiras: "O tempo esgótase"

Xoán Bascuas, líder de CxG CC-BY-SA Merixo

"Porta aberta", pero con tempo. Vinte e catro horas despois de que Xosé Manuel Beiras ofrecese a súa primeira comparecencia pública como portavoz nacional de Anova-Irmandade Nacionalista e mantivese viva a posibilidade de chegar a un "proxecto común" con outras organizacións, tamén con Compromiso por Galicia (CxG), dende a organización impulsada por Máis Galiza, Acción Galega e Espazo Ecogaleguista recóllese a luva pero matízase. "O tempo esgótase", di o seu líder, o tamén secretario xeral de +G, Xoán Bascuas.

No marco da presentación da nova imaxe corporativa de CxG, Bascuas, a preguntas dos xornalistas, apostou por lembrar que "dende hai tempo estamos repetindo" que "a porta estivo, está e estará aberta" e agora, di, a constitución de Anova como organización permite "presupoñer" que "existirá un diálogo máis fluído", xa que a formación que encabeza Beiras ten xa "órganos encargados de conducir" os posibles contactos. Partindo desta base Bascuas insta, non obstante, a "non obviar" que CxG xa anunciou o seu propio calendario interno e que pasa por comezar o 1 de setembro o proceso de celebración de eleccións primarias para elixir candidato ou candidata á Xunta, coa aprobación do regulamento que guiará as votacións, "abertas á cidadanía".

Bascuas subliña que o 1 de setembro CxG comeza o seu proceso de eleccións primarias

"Nós estamos dispostos ao diálogo", abonda, pero, de xeito paralelo, sinala, "continuaremos con total naturalidade co noso proceso", o que non impedirá "manter ou reiniciar" as conversas con Anova, uns contactos que o propio Beiras se mostrou interesado en manter, aínda que de xeito "discreto". Precisamente ese matiz introducido polo histórico nacionalista é tamén tido en conta no entorno de CxG no que, segundo fontes consultadas por este diario, se considera oportuno que as negociacións e posibles acordos se celebren coa "maior transparencia" posible.

Novo logotipo e nova web

A mensaxe cara a Anova producíase tras a presentación da nova faciana pública de CxG, que abandona a imaxe provisional para adoptar un novo logotipo, inspirado no de Máis Galiza e co verde como cor corporativa. Sinala Bascuas que a idea é "sintetizar o que identifica" a boa parte dos grupos que integran esta alianza, con simboloxía e cores que se "identifican co país" e tamén "co ecoloxismo, un dos piares do corpo ideolóxico" de Compromiso. Do mesmo xeito, di, procurouse tamén unha gama cromática que "nos identifique dentro do sistema político" galego.

Dentro desa mudanza de imaxe inclúese tamén o lanzamento da nova web do colectivo, que se estrea dándolle especial relevancia ao "primeiro acto nacional" da formación, o vindeiro 25 de xullo. "Espazos participativos" e de novas ou unha "rede social propia" son os puntos que CxG salienta especialmente dun espazo "orientado ao traballo político e á relación coa cidadanía". Nese sitio en internet figura xa o programa de actos do Día da Patria, no que as intervencións políticas estarán protagonizadas, ademais de por Bascuas, por Sara Torreiro e Paulo Carlos López, pola banda da Mocidade Nacionalista Galega, e por Chus Boo, Xosé Manuel Pérez Bouza e Teresa Táboas. A parte lúdica, anuncian, incluirá dous concertos, de Roi Casal e d'Os da Ría.

Xoán Bascuas, líder de CxG CC-BY-SA Merixo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.