A Xunta gasta case un millón de euros en anuncios a prol do "optimismo" fronte á crise

Javier Guerra, conselleiro de Industria © Xunta

"A reactivación económica e o emprego son o primeiro obxectivo da Administración Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia". "Moitas das decisións relacionadas coa economía transcenden o ámbito de actuación autonómica, pero no que respecta a nós temos que seguir traballando como ata agora e estar preparados para cando remita a crise". Deste xeito comeza o prego de condicións a través do cal a Consellería de Economía e Industria se dispón a contratar unha campaña publicitaria para transmitir que Galicia é "competitiva", que o "emprendemento e a internacionalización" son "clave para o crecemento económico" do país e, en último caso, "optimismo" fronte á crise. A colocación nos medios de comunicación e nas rúas galegas destas ideas forza non sairá barata para as arcas públicas. Ben ao contrario, o departamento que dirixe Javier Guerra está disposto a gastar ata 826.271 euros máis o correspondente IVE, aínda do 18% por estar convocado o concurso convocado antes do 1 de setembro. Aínda así, o montante total pode ascender a case 975.000 euros.

Industria xustifica a campaña en motivos de "aforro e eficiencia" e na necesidade de "provocar a creatividade e a valentía" para lanzar proxectos empresariais

Malia ao avultado do orzamento a Consellería xustifica esta operación precisamente en cuestións de austeridade. O departamento autonómico "precisa facer unha campaña de comunicación e divulgación" coa "intención de facer chegar aos cidadáns as novas formas de reactivar a economía, crecer, xerar emprego e saír da crise", argumenta o mesmo documento. "Motivados pola dificultade orzamentaria para poder facer promoción individual de todos os departamentos da Consellería" e "pola busca de aforro e da eficiencia", o Goberno galego decide "desenvolver unha ambiciosa acción de sensibilización e promoción" para "sumar aos galegos ao novo modelo económico que está a impulsar, centrado na competitividade", xustifica. Así, a través dos anuncios inseridos en diarios impresos, radio, televisión, internet e valados exteriores amosará "casos de éxito" e tentará "provocar a creatividade e a valentía da xente nova para lanzar o seu propio proxecto" ou "impulsar as boas ideas". "Todas estas e outras máis son opcións que deben ser trasladadas a empresarios e galegos en xeral para provocar novas ideas, deixar atrás a crise e mirar cara a adiante con optimismo", reitera.

Estes valores intanxibles sustentados no devandito gasto público serán os que o Executivo lle dirixa a dous públicos, un "específico", formado por "traballadores por conta propia, directores de gran empresa, directores de pequenas empresas e mandos superiores", e outro "xeral", composto por todos os "residentes en Galicia maiores de 16 anos". Os "obxectivos de comunicación" procurados son "a aposta decidida en Galicia pola competitividade", "incrementar a confianza do cidadán no futuro e que se sinta un factor activo decisivo na recuperación económica", pero tamén "comunicar as actuacións necesarias en materia económica e a repercusión final das mesmas na vida diaria dos galegos".

Soportes elixidos e outras campañas

Dados os prazos que inclúe o propio prego de condicións, todo semella indicar que esta campaña será desenvolvida pola Xunta á volta do verán e no entorno do outono, tendo en todo caso ata o 15 de decembro para realizala. Así as cousas, en caso dun adianto electoral o Goberno galego tería que suspendela, xa que a lei impide realizar este tipo de accións publicitarias dende a convocatoria dos comicios -cincuenta e cinco días antes de votar-. Sexa como for, Industria formula un ambicioso plan de medios que inclúe a televisión, con anuncios "na cadea líder con posibilidade de segmentación publicitaria", isto é, a TVG, insercións nos "seis diarios líderes nas sete maiores cidades de Galicia", en "outros diarios con audiencia segundo o último EGM" e tamén na radio, nas "catro cadeas xeralistas e as súas tres emisoras radio fórmula con maior audiencia" e, "no seu caso, noutras emisoras con audiencia en Galicia".

En caso de adianto electoral, a campaña tería que ser suspendida

No caso do que a Xunta denomina "prensa on line", a consellería elixe os devanditos "diarios electrónicos dos seis diarios impresos de información xeral líderes nas sete maiores cidades" e "o diario electrónico da cadea de TV líder en Galicia", isto é, na web da CRTVG. Ademais, inserirá anuncios nun "mínimo de catro xornais dixitais de acreditado prestixio e auditados por ComScore, Alexa, Nielsen ou EGM" e con "segmentación publicitaria para Galicia". O plan de publicidade complétase con valados publicitarios cunha "duración dun mes", "situados proporcionalmente á súa poboación nas sete maiores cidades de Galicia e a súa área metropolitana".

Esta non será a primeira ocasión na que a Xunta destine unha importante suma económica a elaborar e difundir anuncios vinculados á crise económica. Como xa informou Praza Pública, o pasado febreiro a Consellería de Facenda iniciou os trámites para gastar outros 800.000 euros nunha campaña centrada na "solidariedade" coas arcas públicas. Antes, en decembro, tamén Facenda se dirixiu aos galegos a través da prensa baixo o lema "cada euro conta", unha acción propagandística que supuxo 400.000 euros de fondos públicos.

Javier Guerra, conselleiro de Industria © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.