Beiras lanza ANova á procura de "alianzas" e da "independencia"

Coordinadora nacional de ANova CC-BY-SA Praza Pública

O reloxo superaba amplamente as once da noite cando Xosé Manuel Beiras accedía ao atril instalado no Palacio de Congresos de Galicia. No mesmo escenario e practicamente no mesmo lugar no que hai case nove anos abandonou o liderado do BNG, o histórico nacionalista preguntábase "a santo de que estou a falar eu aquí", xa que "os pobos en loita só se emancipan se funciona o cerebro colectivo". Desta volta correspondíalle pechar a asemblea nacional constituínte de ANova-Irmandade Nacionalista, o nome que os participantes no cónclave elixiran horas antes para o Novo Proxecto Común. Pero ese peche non o puña en calidade de portavoz nacional ou figura análoga. Cando menos de momento o seu único papel é o de membro dunha coordinadora nacional de setenta e cinco membros. "Non hai ningún individuo no planeta, por moita capacidade que posúa, que poida ser factor de transformación radical da realidade e menos aínda dunha emancipación", di.

E a ese cambio convidou o histórico nacionalista aos membros da nova organización, entre os que se encontran integrantes da súa propia, o Encontro Irmandiño, tamén doutras como a FPG ou o Movemento pola Base e persoas sen carné previo. Botando man dunha chanza de Otero Pedrayo Beiras asevera que a el xa lle toca "ser xa unha pantasma do século XX" e se cadra por iso, di, "o que estaría ben que dixese" para concluír a asemblea é "fica instaurada a primeira república galega independente". "Porque só dende a independencia se pode ser solidario e internacionalista". Galicia, di, "aínda non está aí", pero si pode avanzar cara a ese obxectivo, explicitado nos textos de ANova. A nova forza, sinala Beiras, aposta pola "independencia no sentido propio da palabra, que non é un Estado independente como os estados africanos despois da descolonización, que de independentes non tiñan máis que a forma" ao estaren dominados "polo imperio".

Ese obxectivo político chama a "combinalo" coa "liberdade, a fraternidade, o benestar material e cultural da cidadanía do común" impulsado dende unha organización que, na súa opinión, debe pór en práctica unha "nova cultura política" mediante a "mobilización da cidadanía" que, á súa vez, "constrúa alternativas e se dote da ferramenta política organizada para proxectar iso na instancia política e botar do poder aos inquilinos que nos machacan", unha "alternativa de longa duración" que "apunte cara a unha creba democrática coa segunda restauración borbónica dunha vez por todas", tamén mediante a "desobediencia civil organizada".

Beiras ve "importante estar en condicións de asumir unha convocatoria electoral", pero marca o horizonte da "creba democrática coa segunda restauración borbónica"

Do discurso de Beiras, que actuou en boa medida como síntese de doce longas horas de debates, tírase tamén pistas sobre unha das grandes interrogantes que vén pairando sobre o NPC e que fixo o propio sobre a asemblea constituínte de ANova, as posibles alianzas de cara ao futuro, a comezar polas vindeiras eleccións galegas. "É moi importante que esteamos en condicións de asumir o reto dunha convocatoria electoral ao Parlamento de Galiza, se é que aínda existe -ironizou- con outros que poidan compartir un proxecto común de goberno, alén das fronteiras do noso propio proxecto". "Podemos chegar a gobernar" e, exemplifica, "quereremos aplicara  Lei de Caixas en uso das competencias dadas polo Estatuto" pero "as caixas xa non existen". De aí a necesidade da creba, razoa.

A escasos vinte minutos da media noite concluía o discurso de Beiras e con el, a asemblea. Antes, un grupo de mozos e mozas integrados en ANova lera treitos dos textos refrendados pola propia asemblea. Moitos deles forman parte da propia coordinadora nacional cuxo apoio nas urnas era recontado ás présas. Ao acceder ao escenario, ademais de para o propio Beiras, os maiores aplausos levounos o alcalde de Teo, Martiño Noriega, e unha das integrantes mozas da coordinadora, Paula Vázquez Verao.

Os debates

A considerable superación dos horarios previstos veu dada, esencialmente, pola intensidade, por momentos, dos debates plenarios e, sobre todo, pola gran cantidade de asembleístas que decidiron intervir na defensa ou discusión das emendas, tanto no documento organizativo como no político, este último aprobado polo 96,5% dos votos. Deste debate xorden, por exemplo, postulados programáticos como a aposta de ANova por defender unha renda básica universal, pero tamén cuestións de organización interna e de relación coas institucións públicas. Así, en virtude dunha das emendas, o apartado dedicado a "igualdade e dereitos sociais" establece o "combate contra a profesionalización da política institucional e o rexeitamento da súa centralidade no espectro da loita política". Por este motivo, di o texto aprobado, "cada cargo electo, antes de tomar posesión (acto no que o xuramento ou promesa será sempre por imperativo legal) asinará a súa propia renuncia e entregaralla ao seu órgano xeral, que a podería facer efectiva cando contradiga ou actúe de xeito contrario aos principios estabelecidos" por ANova.

"Cada cargo electo, antes de tomar posesión, asinará a súa propia renuncia e entregaralla ao seu órgano xeral"

Sen saír deste ámbito a organización xurdida do NPC fixa tamén a obrigatoriedade de que os seus posibles cargos institucionais reciban "un só soldo polas súas funcións políticas", salario que será o "medio" do concello, no caso de que se trate dun posto municipal, ou o "medio galego, de se tratar de calquera outro". "O excedente do que perciban hase destinar a calquera axente que contribúa ao benestar social do pobo galego e ao avance da liberación nacional", tales como "centros e comedores sociais, asociacións" ou "equipas de normalización", entre outros. Vinculado con isto, e ante a posibilidade de que ANova se atope na tesitura de dedicir se pactar ou non con outras forzas políticas, outra das achegas realizadas polos asembleistas deixa nas mans da propia asemblea a posibilidade de establecer alianzas.

A aposta polo dereito á interrupción voluntaria do embarazo, da igualdade entre sexos ou dos dereitos das persoas homosexuais, a defensa da lingua galega ou o "reachegamento ao mundo da lusofonía" foron outros dos principios introducidos ou reformulados pola vía das emendas. Outras das emendas decaeron, como a que apostaba por non realizar unha mención explícita á "autodeterminación cara á independencia" como un dos obxectivos da nova formación ou a vinculada a subliñar unha postura clara a respecto do antisionismo. Tampouco pasou a formar parte do documento político a emenda a través da cal se situaba como principio a eliminación da actual estrutura institucional para lograr outra propia do país. Este foi un dos debates nos que tomou a palabra Xosé Manuel Beiras, que se ben salientou o seu acordo co fondo da cuestión, considerou "un disparate lóxico" incluír nos principios políticos o que considera un "desenvolvemento programático". 

Beiras, no discurso de peche da asemblea CC-BY-SA Praza Pública
Beiras, con Noriega e xente moza participante na asemblea CC-BY-SA Praza Pública
Votación no plenario CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.