O copagamento de medicamentos, inzado de interrogantes a unha semana de entrar en vigor

A conselleira de Sanidade, con Farjas e Mato no Consello Interterritorial © Xunta

O pasado 18 de abril o Consello Interterritorial de Saúde, o ente que agrupa o Ministerio de Sanidade coas autonomías e no que, polo tanto, o PP ostenta unha folgadísima maioría absoluta, dáballe luz verde ao que días despois se convertería no Real Decreto-lei de medidas urxentes para garantir a sostibilidade do Sistema Nacional de Saúde e mellorar a calidade e seguridade das súas prestacións. A medida, presentada pola ministra do ramo, Ana Mato, como unha fórmula para a "viabilidade" do sistema, ten entre os seus puntos máis controvertidos a reforma do copagamento farmacéutico. As modificacións afectan a todos os perfís de persoas usuarias da sanidade pública pero ten especial incidencia naquelas que reciben unha pensión de xubilación. Dende o vindeiro 1 de xullo deixarán de ter subsidiados pola Administración sanitaria -no caso galego, polo Sergas- todos os medicamentos que consuman, e estarán obrigadas a achegar un 10% do seu prezo, con límites de 8 ou 18 euros ao mes en función da renda, que se aplicarán a posteriori. A unha semana da entrada en vigor da norma estas son algunhas das preguntas que están sobre a mesa:

Pagarán os pensionistas galegos só 18 euros como máximo?

Non. Cando menos de momento a Xunta non prevé introducir excepción ningunha a respecto da norma xeral ditada polo ministerio e, polo tanto, as persoas que perciben pensións de xubilación terán que pagar, sen límite, o 10% de todos os medicamentos que retiren das oficinas de farmacia, con independencia de que lles fosen ou non receitados por profesionais da medicina. Será a posteriori cando a Administración realice cálculos e tramite a devolución correspondente para aqueles pacientes que tivesen que achegar máis de 8 ou máis de 18 euros nun mes, en función da renda. Segundo ten adiantado a secretaria xeral de Sanidade e ex conselleira, Pilar Farjas, o plan do Goberno central é que estas devolucións se realicen "cada dous ou tres meses", se ben a normativa aprobada permite estendelas ata seis. 

Haberá límites para persoas con poucos recursos económicos?

Polo momento, non, aínda que non se descartan. Un dos principais temores reinantes entre os profesionais sanitarios é que o efecto "disuasorio" exposto pola ministra ao presentar o Real Decreto teña especial incidencia en pacientes polimedicados de maneira crónica, perfil moi habitual en pensionistas de avanzada idade, os cales perciben en Galicia unha pensión media de 776,94 euros ao mes, a cantidade máis baixa do Estado que é aínda inferior nas provincias de Lugo e Ourense. Por este motivo sindicatos como a CIG e medios especializados na área sanitaria fixéronse eco nos últimos días de que o Consello Interterritorial do día 27 abordará a posibilidade de que os pensionistas con rendas máis baixas non teñan que adiantar máis de 30 euros ao mes.

Como saben as farmacias cal é a renda de cada usuario?

Mediante o cruzamento de datos con Facenda. A cada un dos 44 usuarios e usuarias do sistema sanitario público en todo o Estado asignóuselles un código resultante de cruzar os seus datos sanitarios e tributarios. Esta referencia, incorporada ao sistema de receita electrónica, informará as farmacias de canto deben cobrarlle a cada paciente. Segundo afirmou este luns a propia Ana Mato todas as tarxetas sanitarias están xa "postas ao día", polo que non hai lugar a establecer "moratoria" ningunha para a entrada en vigor do novo copagamento. Os problemas que se poidan producir serán "puntuais", anticipa, nun contexto no que se amosa convencida de que, se algo falla, "se trataría máis ben dunha cuestión política" e non técnica.

Poden as autonomías non aplicar o recorte?

Euskadi prepara un decreto de urxencia para evitar a aplicación práctica do recorte e Andalucía limitará os adiantos de cartos

A efectos prácticos, si. Un Real Decreto Lei é lexislación básica do Estado e, polo tanto, de obrigado cumprimento, pero o feito de que a xestión da sanidade pública estea transferida ás comunidades permite que os gobernos autonómicos poidan ter certa marxe de manobra. Neste contexto, o Servizo Galego de Saúde estará obrigado a achegarlle ao Estado as cantidades correspondentes ao novo copagamento, pero a normativa non establece que os cartos teñan que saír directamente do peto dos doentes. Así, por exemplo, colectivos como SOS Sanidade Pública xa teñen suxerido unha posible solución: que a Xunta abone a cantidade correspondente ao pagamento que deben realizar os pensionistas e así impida o prexuízo económico para estas persoas sen incorrer nun incumprimento legal. Este é, precisamente, o camiño elixido polo Goberno de Euskadi, que xa traballa nun decreto de urxencia para evitar a aplicación práctica do recorte. Mentres, en Andalucía, o gabinete bipartito de PSOE e IU decidiu que os seus pensionistas non terán que adiantar nada máis que os 8 ou 18 euros, segundo a súa renda.

A reforma aféctalles só aos medicamentos?

Non. O Real Decreto Lei inclúe tamén a que fora unha das propostas máis reiteradas polo PP en campaña electoral, a homoxeneización das políticas sanitarias autonómicas. Trátase, segundo o Ministerio, de "asegurar que todos os españois teñen acceso ás mesmas prestacións" e para isto traballa na aprobación dunha "carteira común" de servizos sanitarios, clasificados en "básicos", "suplementarios" e "accesorios". Estas dúas últimas categorías traen consigo novos copagamentos en ámbitos como o transporte sanitario non urxente, cuxo correspondente repagamento estará regulado no outono. Ademais, poderían chegar a Galicia novos copagamentos importados doutras autonomías, xa que se "unificará o criterio de participación dos usuarios en produtos farmacéuticos, ortoprótesis e dietoterápicos

Canto se recada? Hai alternativas para lograr os mesmos ingresos por outra vía?

No caso galego, uns 50 millóns de euros ao ano, cifra voluminosa pero raquítica en comparación cos máis de 3.000 millóns de orzamento que manexa anualmente o Sergas. Dende o anuncio do novo copagamento farmacéutico a oposición parlamentaria galega, tanto pola banda socialista como pola nacionalista, apostou por evitar impoñer taxas nos medicamentos e substituílas por unha reforma fiscal que traia consigo taxas para, por exemplo, as transaccións bancarias ou un incremento do IRPF para as rendas superiores a 100.000 euros anuais. Nun sentido semellante a CIG Saúde defendía este luns que o financiamento necesario se logre "a través dos impostos, tanto dos ligados ao nivel de renda como á actividade económica e financeira", isto é, ás "grandes empresas" e aos "grandes bancos", para que pague máis sanidade quen máis ingresos teña, con independencia do seu nivel de saúde". "A administración non pode pretender incrementar os seus ingresos cebándose nos que máis problemas de saúde teñen", conclúe a central sindical.

Nova estrutura do copagamento farmacéutico
Perfís Antes Agora Tope
Pensións -18.000 € 0% 10% 8€/mes
Pensións +18.000 € 0% 10% 18€/mes
Persoas activas -18.000 € 40% 40% -
Persoas activas +18.000 € 40% 50% -
Persoas activas +100.000€ 40% 60% -
Persoas desempregadas con prestación 40% 50% -
Persoas desempregadas sen prestación 40% 0% 0€
Pensións non contributivas e Risga 0% 0% 0€

 

A conselleira de Sanidade, con Farjas e Mato no Consello Interterritorial © Xunta

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.