0 Gardados para despois

Noriega: "Son pesimista da razón e optimista da vontade"

Lara GrañaLara Graña | @lara_grana


Link ao texto do acordo da asemblea do Encontro Irmandiño

Acabouse o Bloque Nacionalista Galego tal e como o coñecemos até o de agora. A asemblea do Encontro Irmandiño vén de decidir, "por aclamación", a súa escisión do BNG. Domingo de cambios, de decisións, de "emocións" e, desde logo, dun cambio de rumbo. O destino, como recoñece o propio Beiras, depende do traballo que agora se vaia poñer en marcha. O que fica claro é que hoxe é un día "histórico" para a política galega e o nacionalismo.

Xosé Manuel Beiras, en declaracións exclusivas a Praza Pública, destacou que o Encontro Irmandiño ten moitos "folgos" para iniciar un novo camiño

Xosé Manuel Beiras, en declaracións exclusivas a Praza Pública, destacou que o Encontro Irmandiño ten moitos "folgos" para iniciar un novo camiño. "Moitos máis dos que eu podía pensar", recoñeceu. "As intervencións que escoitamos na asemblea foron espléndidas", nas que agromaron a "necesidade" de "cambio" e de "constituir unha frente ampla". Decisión "tomada por aclamación", destacou o histórico líder do nacionalismo". Beiras incidiu, iso si, en que agora hai moito traballo por diante. "Porque outra cousa é a capacidade de organización, isto non é cousa dun día", apuntou, e "é un risco que debemos tomar". En calquera caso, e como fixo na súa intervención -moi aplaudida-, remarcou que "a clave deste plantexamento é que sexa moi aberto e que integre moita xente". Un "gran" estrato da sociedade galega que "agora está desactivada".

 

Martiño Noriega

O alcalde de Teo e cabeza visible, xunto con Beiras, do EI, insistiu en que o deste domingo era un "día triste" para moitos. "Dóenos o corazón", declarou a Praza Pública. "Nós levamos moitos anos nun proxecto colectivo e hoxe decidimos iniciar unha nova andaina", apuntou a este diario. Ao igual que os seus compañeiros, quixo facer fincapé en que agora "cómpre esquecer todo o malo e formar un proxecto no que Galiza sexa o centro". Preguntado por se hai folgos abondo para o novo reto, foi rotundo: "Somos pesimistas da razón pero optimistas da vontade". Antes das palabras de Beiras, que pecharon a primeira quenda de intervencións, o alcalde de Teo e membro do EI foi conciso e claro: "Hai que dicilo alto e claro. Cómpre un novo camiño fóra do BNG"

"Hai que dicilo alto e claro. Cómpre un novo camiño fóra do BNG"

 

Teresa Táboas

A xa exdeputada do BNG, Teresa Táboas, apareceu na asemblea e foi recibida con "moitos aplausos". A exconselleira, coa voz roída pola "emoción" e o resfriado, declarou en exclusiva a Praza Pública que acababa de producirse "un día histórico para o país". "De man do líder nacionalista moderno do BNG o Encontro Irmandiño decidiu por unanimidade deixar o Bloque", destacou. "Iníciase unha nova andaina, un proxecto con forza propia". Tamén recoñeceu, como os demais, que queda un longo camiño por diante. Para botarse a andar nel "hai moitas forzas", e fixo referencia non só aos membros do Encontro, senón ao "resto de forzas" que "procuran o mesmo para o país".

 

A Asemblea

Antes de coñecer a decisión final, o líder da formación, Xosé Manuel Beiras, puxo sobre a mesa unha proposta de resolución. "A 13ª Asemblea do BNG mostrou dous modelos incompatibles" dentro do nacionalista galego. "Hoxe é a derradeira oportunidade de rexeneración do BNG". Para o Encontro Irmandiño, "o BNG non é rexenerable", razón pola cal a formación liderada por Beiras vén de aprobar a súa marcha do proxecto que capitanea hoxendía Guillerme Vázquez. "O Encontro buscará os apoios precisos para a creación dunha fronte que sexa un novo referente politico de centro gravitacional de esquerda", apuntaron desde o EI. "A Coordenadora Nacional queda habilitada para exercer as accións oportunas para acadar estes obxectivos".

"De man do líder nacionalista moderno do BNG o Encontro Irmandiño decidiu por unanimidade deixar o Bloque"

"Neste momento a unidade do nacionalismo non se pode dar dentro do BNG. A ruptura xa existe", sostivo Xosé Manuel Beiras. Para o exportavoz do BNG e histórico do nacionalismo, esta corrente debe adicar os seus esforzos a loitar contra o capitalismo". Para Beiras, "é inverosímil a rexeneración plantexada do BNG". Desde o Encontro Irmandiño propoñen unha "forza ampla" e rexenerada. Para Xosé Manuel Beiras, dentro desa estratexia de rexeneración, os interlocutores serían "os compañeiros que decidiron abandonar o BNG", en clara alusión tanto a Esquerda Nacionalista como aos que concorren co EI á 13ª Asemblea.

 

Xosé Manuel Beiras le a resolución do Encontro Irmandiño

Xosé Manuel Beiras le a resolución do Encontro Irmandiño na que o EI acorda abandonar o BNG

Dominio público encontroaberto

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Lapelas Versión despregada

A prudencia de Máis Galiza

Praza Pública quixo contar, tamén, coa valoración do líder de Máis Galiza, Carlos Aymerich, que estivo presente na asemblea do Encontro Irmandiño. O exportavoz parlamentario do BNG no Parlamento quixo desmarcarse un pouco do énfase que emanou das declaracións de, por exemplo, Teresa Táboas. "Hoxe Encontro Irmandiño tomou unha decisión importante", dixo Aymerich a Praza, "pero Máis Galiza ten o seu propio proceso, temos un ritmo propio"

Iso si, o deputado recoñeceu que hai unha "relación estreita" co Encontro Irmandiño malia ser "distintos". "O que vén de acontecer obríganos a todos a reflexionar e aceptar se é necesario buscar puntos de encontro", apuntou. Ao igual que fixo Beiras na súa intervención, para Aymerich hai un inimigo claro: "aquel que aproba reformas laborais que dan todo o poder aos empresarios". Por iso paga a pena unha "unidade de acción".

"Había que espertar"

No Partido Nacionalista Galego-Partido Galeguista (PNG-PG) tamén están nun proceso de cambio. O órgano de dirección xa acordou este sábado que o mellor era, tamén, abandonar o BNG. Como xa adiantou Praza, todos os militantes desta formación o dan por feito. O seu líder, Xosé Mosquera, asistiu tamén á asemblea do Encontro Irmandiño. "Este foi un acto de ilusión, de renovación, de impulso", apuntou en exclusiva a Praza Pública. "Serve para dar unha mensaxe ao país, a Galicia, mensaxe de ilusión", reiterou.

"Todo indica que a resposta vai ser a favor de recuperar a liberdade e coller unha posición activa para defender á sociedade"

Ao seu parecer, a "xente está con moita forza" e os pasos que se están a dar dentro -ou xa fóra- do BNG serven para espertar a moitos que "estaban adormecidos". Respecto do proceso que vive o PNG, que celebrará a súa propia asemblea o 17 de marzo, a intención dos membros da dirección é a de "trasladar aos militantes" esta "nova ilusión". "Todo indica que a resposta vai ser a favor de recuperar a liberdade e coller unha posición activa para defender á sociedade".

"Sae algo importante de aquí"

Paula Verao, representante das mocidades do Encontro Irmandiño, no ocultaba a súa alegría. As súas declaracións, escondidas tras un feble sorriso, repetiron as palabras "ilusión" e "folgos". "Foi a primeira vez en moito tempo que aquí pode saír algo importante", destacou. "A resposta que vimos na asemblea é que o BNG xa non é un instrumento útil". En todo caso, Verao "respecta" ao Bloque e os seus integrantes, mais cre que "hai outra maneira de facer as cousas. Nós iniciamos un novo camiño". "Isto non se trata só de idade mental", en referencia á posición da xente máis nova do nacionalismo galego e ao ser preguntada polo paso xa dado por parte das mocidades de Máis Galiza. "O que importa é a capacidade de analizar a sociedade e dar respostas", sentenciou.

"Momentos difíciles"

"Os momentos difíciles requiren decisións audaces". Ilustrativa sentenza a que trasladou un dos referentes de Máis Galiza, Xoán Bascuas, a Praza Pública nada máis rematar a asemblea do EI. Na súa opinión, o paso que vén de dar o Encontro xenera "ilusión, expectativas e incertezas". Con todo, hai "cousas novas" que agroman e, pensa, "estarán centradas no pobo galego e na idea de defender os intereses e dereitos" de Galicia. "Hai que loitar contra esta deriva neoliberal".