Néstor Rego, o novo secretario xeral da UPG

Néstor Rego diríxese aos asistentes no último Congreso da UPG CC-BY @daniel_abade

Houbo sorpresa no Congreso da Unión do Povo Galego (UPG). O ex concelleiro do BNG en Compostela, Néstor Rego, foi escollido por unanimidade polo Comité Central como novo secretario xeral do partido en subsitución de Francisco Rodríguez, que abandona o cargo logo de doce anos á fronte da formación política. Nin o alcalde de Allariz, Francisco García, nin o secretario de organización, Roberto Vilameá, foron finalmente os elixidos malia que contaban en todas as quinielas.

O secretariado político da UPG inclúe a Jorquera, Ana Pontón, Montse Prado ou Suso Seixo

O secretariado político elixido este domingo en Compostela inclúe a maioría de cabezas visíbeis do BNG, como o candidato da Xunta, Francisco Jorquera; a voceira parlamentaria, Ana Pontón; a secretaria de organización, Montse Prado; o deputado Bieito Lobeira e máis o secretario xeral da CIG, Suso Seixo. Tamén Iria Aboi, secretaria xeral de Galiza Nova, ou a escritora Pilar García Negro. O comité central da UPG estará integrado por 31 homes e 14 mulleres, mentres que no secretariado haberá 17 homes e sete donas.

Francisco Rodríguez, que continuará no Comité Central, foi o máis aclamados dos intervintes. No seu discurso de apertura, o xa ex secretario xeral da UPG fixo referencia aos intentos que o partido fixo desde hai meses para intentar chegar a acordos coas distintas sensibilidades do BNG e que acabaron por escindirse, no caso de Máis Galiza e o Encontro Irmandiño. Ademais, fixo tamén referencia ao futuro inmediato do nacionalismo galego e deu por bos os resultados acadados polo Bloque nas últimas eleccións, aínda que non negou que eran "mellorábeis".

Néstor Rego, nas súas primeiras palabras como novo secretario xeral, louvou o traballo de Francisco Rodríguez á fronte da UPG para a continuación comezar a relatar as súas intencións á fronte do partido. “Asumo o cargo con ilusión, mais con humildade”, dixo Néstor Rego, que asegurou ser “plenamente consciente da carga que supón”. Aplaudido polos asistentes, o ex tenente de alcalde cargou contra o capitalismo e a globalización e tendeu a man ás diferentes sensibilidades nacionalistas, organizadas agora logo da súa escisión do BNG. Hai que “cooperar”, instou Rego, que apelou ao “Castelao que nos une” e que prometeu seguir “traballando por unha patria libre, por unha Galicia soberana”. “Máis cedo ou máis tarde, ímolo conseguir”.

Fronte ao "proceso de recentralización política do Estado", que "vulnera competencias autonómicas", Néstor Rego chamou "máis que nunca" a "construír, en exercicio do dereito de autodeterminación, a República de Galiza" que, advertiu, "non é unha declaración retórica que luza bonita". De feito, puxo exemplos de países que "foron capaces de escapar do xugo do imperialismo" como Irlanda, timor Leste ou Sudán do Sur. "Por que Galicia non había de ser tamén libre?", preguntouse.

Para Rego, un dos primeiros pasos para avanzar na soberanía é "conseguir un bos resultados" nos vindeiros comicios, o que sería "un paso importante de cara á soberanía". Ademais, criticou con dureza ao PP, tamén polo seu "proceso de asimilación cultural e lingüística" do país.

No acto de clausura do congreso tamén interviu o voceiro nacional do Bloque, Guillerme Vázquez, que fixo un discurso moi duro contra o presidente do Goberno, Mariano Rajoy, así como contra o secretario xeral do PSOE, Alfredo Pérez Rubalcaba. Antes, o portavoz nacionalista cualificou a situación actual de Galicia de "emerxencia nacional" logo de que os asistentes dedicaran unha sonora ovación a Francisco Rodríguez, que abandona a UPG que dirixiu desde 1996.

Néstor Rego foi un dos fundadores dos CAF e milita no BNG desde a súa fundación. Profesor de ensino secundário, formou parte da corporación local de Compostela en 1995 ao formar parte do goberno municipal xunto ao PSdeG. Foi tenente de alcade até 2008, para abandonar pouco despois a política local.

Intervención de Francisco Rodríguez no Congreso da UPG CC-BY @j_l_gomez
Néstor Rego, novo secretario xeral da UPG Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.