A Xunta aproba a modificación do PXOM de Mugardos nun intento de legalizar Reganosa

Gaseiro en Reganosa CC-BY-NC Susete

A Consellería de Medio Ambiente aprobou este xoves a modificación puntual do PXOM de Mugardos para adecuar os usos de regasificación no solo no que se asenta Reganosa. A modificación puntual foi previamente sometida, segundo a Xunta, ao procedemento integrado de avaliación ambiental estratéxica. O Goberno galego asegura que o obxectivo da modificación do plan "é dotar dunha regulación específica ao ámbito onde está implantada unha actividade industrial e conseguir unha adecuada integración dos aspectos ambientais, paisaxísticos e de seguridade industrial". Ademais, segundo a Xunta, "introduce unha referencia á zona de influencia para os efectos de accidentes, que é grafada nos planos de ordenación, baseada no estudo de seguridade incorporado".

O Comité Cidadán sempre considerou que a aprobación deste novo PXOM non tería efecto ningún e que non cambia a situación de "ilegalidade" na que se atopa a planta

O Comité Cidadán, que presentou numerosas alegacións a esta modificación do plan, sempre considerou que a aprobación deste novo PXOM non tería efecto ningún e que non cambia a situación de "ilegalidade" na que se atopa a planta. Ademais, interpreta a decisión do Goberno de Alberto Núñez Feijoo como un "desafío" ao Tribunal Supremo e ao TSXG.

De igual xeito, hai uns días advertíalles aos responsables do Goberno galego de que podería incorrer nun delicto de prevaricación pola súa tentativa de subsanar a posteriori unha instalación da regasificadora que, consideran, non conta coas autorizacións necesarias, despois da sentenza do alto tribunal.

Gaseiro en Reganosa CC-BY-NC Susete

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.