"Hai que ir sumando para poder facer a Syriza española"

Jordi Guillot © ICV

Jordi Guillot é senador por Iniciativa per Catalunya, formación da que é vicepresidente. Será unha das voces que participará este sábado na Coruña na Conferencia Internacional pola Abolición da Tauromaquia. Falamos con el da crise económica, da organización da esquerda e das touradas, sobre as que é rotundo: "se a marca España se reduce a Bankia e ás corridas de touros, imos apañados. É o peor pasaporte que podemos ter".

Dende Galicia seguiuse moito o proceso que en Catalunya levou á abolición das touradas? Como é a situación agora?

En Catalunya a situación é de normalidade. Hai un gran movemento social que impulsou unha ILP, houbo un debate parlamentario acompañado da participación de expertos e activistas e iso levou a unha votación que aprobou a abolición das corridas de touros en todo o territorio catalán, que é unha competencia plena da Generalitat de Catalunya.

"O nivel de rexeitamento das touradas no conxunto de España é do 63%. É unha festa completamente desarraigada, que sobrevive polas axudas públicas"

Baseándote na experiencia catalá, que consello lles darías aos movementos que aquí traballan pola abolición?

Creo que en Galicia se debe seguir o mesmo proceso: unha constante pedagoxía, activismo, mobilizacións, sensibilización e educación cidadá, para ir creando un rexeitamento a esta actividade, que non se pode etiquetar de cultura nin de espectáculo. Pensa que en Catalunya si había  tradición torera na cidade de Barcelona, había dúas prazas. Pero houbo unha evolución na opinión pública, que pouco a pouco se foi convencendo de que os animais tamén teñen dereitos. O PP intenta que isto se vexa como un problema de españolidade contra o nacionalismo catalán, pero non, isto foi unha cuestión ética, de rexeitamento a unhas prácticas que a xente maioritariamente ve como salvaxes e anacrónicas. E iso pasa en Catalunya, pasa en Galicia, pero pasa en todo o Estado, pois o nivel de rexeitamento no conxunto de España é do 63%. É unha festa completamente desarraigada, que sobrevive polas axudas públicas.

Este proceso, que debe comezar na sociedade, depende ao final da decisión dos partidos políticos? Por que custa tanto que escoiten a vontade maioritaria da sociedade neste tema?

Hai unha disfunción entre o que opina a xente, a sensibilidade pública, e a posición dos partidos, especialmente os maioritarios. É moi preocupante que o PP nesta lexislatura fixera da tauromaquia unha especie de bandeira política e patriótica. Escoitamos o ministro Wert falar dos touros como cultura, incomprensiblemente nun período de crise dánlles axudas publicas cando se están recortando en cousas moito máis importantes e transcendentes para os cidadáns.

"O noso futuro é negro, e hai que combater con grandes mobilizacións, con pedagoxía social e coa creación da conciencia de que isto non pode seguir e de que hai que derrubar este goberno canto antes mellor"

Non resulta paradoxal que neste momento no que se pon tanta énfase na marca España se siga mantendo un espectáculo que é rexeitado no resto de Europa?

Se a marca España se reduce a Bankia e ás corridas de touros, imos apañados. É o peor pasaporte que podemos ter.

Como analizas o camiño que leva España na actual crise, despois do anuncio do rescate?

Cada vez queda máis claro que o problema non era a débeda pública nin os custes do Estado do Benestar. O que hai é un gravísimo problema, que é a débeda privada, e dentro dela a débeda financeira. Temos un sistema financeiro rapaz, mal xestionado e terriblemente deficitario, fillo e pai da burbulla inmobiliaria e nin este goberno nin o anterior foron capaces de afrontalo. Agora temos que afrontar un rescate e non hai nin orde nin concerto nas respostas que se dan, non sabemos cantos activos tóxicos hai, que parte son inmobiliarios. E todo isto cun goberno empecinado nas políticas de austeridade, que ignora os problemas, e ignorando sobre todo que a solución á crise pasa polo relanzamento económico. Ningunha das medidas do Goberno se dirixe a isto, polo que o noso futuro é negro, que hai que combater con grandes mobilizacións, con pedagoxía social e coa creación da conciencia de que isto non pode seguir e de que hai que derrubar este goberno canto antes mellor.

"Se eu fose grego, sen dúbida votaría a Syriza para esixir unha relación coa UE moito máis solidaria"

En calquera caso, este crecemento debería basearse nun modelo produtivo distinto?

Se foi este modelo produtivo o que nos levou á crise, o que ninguén pode pensar é que poderemos saír dela co mesmo modelo. Ten que haber unha aposta completamente diferente, hai que ir a unha economía de calidade e a unha economía sustentable. Isto esixe un mercado laboral de calidade, non o que vai conformar esa reforma laboral, que é un mercado laboral de baixa calidade, precario e inestable e barato. Hai que darlle a volta ao modelo coma a un calcetín, pero este goberno segue instalado nas vellas ideoloxías neoliberais, que máis que respostas económicas son puro ideoloxismo. Hai que apostar por un novo modelo, polo que nós chamamos o green new deal, unha economía verde, de futuro, de calidade e que nos permita ser competitivos.

Esta fin de semana hai eleccións en Grecia, que poden marcar un cambio de rumbo no país, que Syriza acada unha maioría suficiente. Como ves a situación nese país?

Véxoa moi aberta e vexo que o voto a Syriza e ás outras esquerdas significa un chamamento a recuperar a dignidade deste pobo, machacado polos seus goberno e pola UE. Un argumento máis para votar Syriza tivémolo esta semana: como pode ser que a Grecia se lle impuxese un rescate tan traumático, cando a España se lle ofreceu un rescate moito máis suave. Se eu fose grego, sen dúbida votaría a Syriza para esixir unha relación coa UE moito máis solidaria.

"O que non podemos aceptar é que o euro é Merkel, que o euro significa unha austeridade obsesiva, ou que o euro esixe o recorte no Estado do Benestar"

Hai vida fóra do euro para Grecia ou España?

Creo que isto agora non sería a solución, agravaría o problema. Pero o que non podemos aceptar é que o euro é Merkel, que o euro significa unha austeridade obsesiva, ou que o euro esixe o recorte no Estado do Benestar. O euro tamén pode ser apostar por unha nova economía, o mantemento do benestar, a devolución da débeda e o recorte do déficit en procesos moito máis longos que os actuais, o euro pode ser devaluado para darnos máis competitividade, o euro pode ser aceptar unha maior inflación, o euro pode ser unha quita á débeda, que haberá que aceptar antes ou despois. O euro pode ser moitas cousas, pero o que esixe é ter un proxecto político claro, en primeiro lugar do que é Europa. Demostrouse que Europa só como unión económica e monetaria é ingobernable. Haberá que ir cara a unha unión política, haberá que ceder soberanía, e esta soberanía europea terá que ser respaldada por unha lexitimidade democrática que agora mesmo non teñen as institucións da UE.

"Hai que ir sumando para poder facer a Syriza española que nos permita derrotar o oportunismo que moitas veces sofre o PSOE e o modelo neoliberal e conservador que nos quere impoñer o PP"

Seguindo o exemplo de Syriza, que debe facer a esquerda social e política neste momento? É tempo de converxencias?

Hai que aceptar que estamos nun momento de conflito e a esquerda debe estar presente no conflito. É un momento de graves sufrimentos sociais, e de graves ataques a dereitos que custou moito conquistar. Hai que concienciar, pero hai que dar esperanza tamén, cun discurso diferente sobre o que está pasando e con propostas alternativas que lle permitan á xente ver que hai outros camiños. E a partir de aquí hai que ir sumando para poder facer a Syriza española que nos permita derrotar o oportunismo que moitas veces sofre o PSOE e o modelo neoliberal e conservador que nos quere impoñer o PP.

Jordi Guillot © ICV

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.