A Xunta admite que iniciou o mandato cunha "situación moi desfavorable" do galego no ensino

Vázquez, co titular de Política Lingüística (dereita) e Anxo Lorenzo © Xunta

"Desideoloxizar", "despolitizar", retornar ao "equilibrio", "recuperar o consenso" e, sobre todo, poñerlle fin a unha suposta "imposición" do galego. Estes foron só algúns dos argumentos empregados pola Xunta para, no retorno do PPdeG ao poder, derrogar o decreto que rexía o uso dos idiomas no ensino dende o ano 2007, cun "mínimo" do 50% de materias na lingua propia do país, e substituílo polo denominado "decreto do plurilingüismo". Con esa norma, aseguraba a Consellería de Educación, o galego deixaría de preponderar sobre o castelán. Máis de dous anos despois da aprobación da controvertida norma o departamento que dirixe Jesús Vázquez vén de recoñecer implicitamente que a situación descrita non se correspondía coa realidade, aínda que non nunha intervención pública, senón nunha resposta a unha pregunta parlamentaria escrita, documentos que en contadas ocasións chegan á opinión pública. 

Educación aplicou o decreto malia detectar un "uso minoritario do galego por parte do alumnado na xeralidade dos centros

A mudanza de discurso chega a instancias das cuestións formuladas polos deputados do BNG Carme Adán e Bieito Lobeira sobre "os datos referidos ao uso da lingua galega no sistema educativo" como consecuencia do decreto en vigor. No inicio da súa exposición a Consellería asegura que a súa normativa "garante a adquisición dunha competencia en igualdade nas dúas linguas oficiais de Galicia", o "máximo equilibrio posible" entre ambas no referido a horas e materias e, ademais, a "promoción da dinamización da lingua galega". Pero ademais desta reiteración de mensaxes xa lanzadas en diversas ocasións dende o Executivo, Educación detense a describir "a realidade da situación das dúas linguas oficiais nos centros educativos" nos que fixeron "incidir" o decreo "ao inicio da súa vixencia para acadar os devanditos obxectivos". O escenario, admiten, era xa de aquela "moi desfavorable para a lingua propia".

Nun exercicio ata agora inédito o departamento educativo do Goberno galego bota, de facto, por terra as teorías da imposición para recoñecer que o seu mandato "partiu dunha situación de uso minoritario do galego polo alumnado na xeneralidade dos centros galegos", algo que se dá "especialmente nas provincias atlánticas". No caso das "sete cidades máis poboadas" o uso do idioma "poderíase dicir" que é "escaso", abonda a Xunta. Malia isto Educación aplicou sen cambios un decreto que permite deixar nun terzo as horas lectivas en galego se ben, tal e como ten relatado Praza Pública, colectivos de docentes, grupos de defensa da lingua e sindicatos educativos sinalan que a lingua propia apenas está presente "nun 20%" nas aulas, circunstancia á que se suma, entre outras, a súa práctica "desaparición" en Educación Infantil nas cidades.

"Implantación xeralizada" do decreto, segundo Educación

Pero o exercicio de radiografía á realidade da lingua galega no sistema educativo detense aquí e na práctica totalidade das cinco páxinas restantes do documento Educación aposta por gabarse da "implantación xeralizada" das normativa "do plurilingüismo", afirmación para a que se basea só no curso 2010-2011, xa que é "imposible proporcionar datos referidos ao 2011-2012 porque non está rematado". Así, o Executivo asegura que "nos centros públicos todas as medidas" previstas "se incorporaron ao desenvolvemento do labor pedagóxico dos centros e tamén do seu labor administrativo", dende a "determinación da lingua materna predominante do alumnado" de Infantil ata impartir as materias de Primaria, Secundaria e Bacharelato en galego ou castelán segundo marca o decreto. Tamén, sempre segundo a Xunta, "nos centros de FP e de ensinanzas artísticas existe unha oferta equilibrada de materias e módulos impartidos en galego e castelán". Contradicindo os sindicatos educativos tampouco detecta ausencia de "vocabularios específicos" en galego para as aulas de formación profesional.

A consellería limítase a describir o contido das axudas para libros escolares en galego, que caeron un 72% en dous anos

Para completar a resposta ás cuestións formuladas polo Bloque a Consellería de Educación debulla tamén as accións de "apoio á consecución dos obxectivos do decreto", entre as que inclúe o desenvolvemento dunha "liña de subvencións destinadas á elaboración e edición en lingua galega dos recursos didácticos curriculares e complementarios destes", unhas axudas que o Goberno está obrigado a desenvolver non porque o mande o "decreto do plurilingüismo", senón porque así o estipula a Lei do Libro e da Lectura do ano 2006. Neste sentido o departamento de Vázquez limítase a describir que "a convocatoria do exercicio de 2012 tivo un orzamento de 300.000 euros, con 132 axudas concedidas para materiais editados por 15 empresas editoras". Como ten informado este diario, hai apenas dous anos esas axudas eran un 72% máis elevadas, chegando ao millón de euros anual.

De todo isto, informa a consellería a Adán e Lobeira, cómpre tirar unha "conclusión": "debemos destacar que en todos os centros educativos se están a aplicar as emdidas de fomento do plurilingüismo", polo que "a consellería garante, en todo momento", que "os alumnos do sistema educativo galego están recibindo o mesmo número de horas de formación en galego que en castelán e están utilizando materiais e recursos didácticos que lles facilitan e motivan a adquisición do mesmo nivel de competencia en galego que en castelán".

Vázquez, co titular de Política Lingüística (dereita) e Anxo Lorenzo © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.