O CES insta á Xunta a non atribuírlles ás ONG as súas obrigas en integración social

A conselleira de Benestar, Beatriz Mato CC-BY-SA Conchi Paz

Novo tirón de orellas do Consello Económico e Social (CES) á Xunta e, nomeadamente, á Consellería de Benestar. Despois de que o pasado 2011 lle dirixise unha dura reprimenda ao departamento que dirixe Beatriz Mato por tentar devolver as mulleres aos "roles tradicionais" para "aforrar" en servizos sociais coa nova Lei de Familia o principal órgano consultivo de Galicia en materia socioeconómica volve realizar unha crítica análise dun anteproxecto de lei da mesma consellería. Desta volta o CES tivo que emitir o preceptivo ditame sobre a futura Lei de Inclusión Social, que o Executivo presenta como a vía para "evitar que as situacións de exclusión social se convertan en algo crónico e que os beneficiarios sexan considerados como meros perceptores de subsidios". Segundo o órgano consultivo a Xunta tenta liberarse de parte das súas responsabilidades para trasladarllas ás entidades de "iniciativa social", isto é, ás ONG.

"As referencias ás entidades de iniciativa social van en moitos casos asociadas á atribución de funcións que deberan corresponder á Administración"

No seu informe o Consello que preside Corina Porro e no que se atopan representadas entidades como sindicatos, universidades e diversas organizacións cidadás insta á Xunta a "evitar a reiteración de referencias ao longo do articulado ás entidades de iniciativa social, na medida na que van en moitos casos asociadas á atribución a estas de funcións que, propiamente, deberan corresponder á Administración pública". Así, por exemplo, o CES sinala que é "a propia Administración quen debe tomar a iniciativa de elaborar os informes necesarios para a concesión de axudas" e non esas entidades sociais.

Unha ollada ao anteproxecto de lei permite observar que, efectivamente, o texto está inzado de mencións ás ONG en treitos como no que regulamenta a asistencia a "persoas gravemente afectadas por factores de exclusión social", ámbito no que prevé "complementar a acción pública coa execución de accións e proxectos por parte das entidades de iniciativa social debidamente autorizadas". Ademais, asígnalles ás mesmas entidades a responsabilidade de "colaborar na aplicación de recursos contra a exclusión" e na "mellora continua do sistema" público. No mesmo sentido, Benestar prevé unha "liña específica de subvencións" para a "impartición", por parte das mesmas organizacións, de "proxectos e actividades de capacitación persoal para a mellora da sociabilidade e da empregabilidade". Todo isto acontece, ademais, salienta o CES, sen que en ningún punto da nova norma se "expliciten" os "criterios para considerar, a efectos desta lei, cando unha entidade é de iniciativa social, así como o modo de participar destas. "En razón da seguridade xurídica e da claridade lexislativa" a Xunta debera realizar este labor previo, advirte.

Outras obxeccións

Pero as críticas do CES ao anteproxecto non se cinguen só a ese eventual desprazamento de funcións dende a Administración pública cara ás entidades sociais que, dende o seu punto de vista, impera no espírito xeral da lei. Tamén se detén en artigos concretos para, por exemplo, considerar inadecuada a nova estruturación da Renda de Integración Social (Risga). "Para os niveis de renda das persoas ás que se dirixe a Risga apréciase que é excesiva a esixencia establecida", para que as persoas que perciban a Risga poidan acceder a un complemento desta axuda para afrontar o pagamento do aluguer dunha vivenda. Segundo o anteproxecto, esa subvención adicional só se percibirá se a contía da renda da casa "representa, cando menos, o 40% dos ingresos totais da unidade de convivencia". "Resulta necesario que se rebaixe a porcentaxe sinalada", di o CES.

"A referencia á mellora da imaxe das persoas é impropia dun texto legal"

O Consello Económico e Social tapouco ve con bos ollos parte dos aspectos que a Xunta inclúe nos "proxectos de integración social", isto é, o conxunto de medidas que prevé aplicar ás persoas beneficiarias dos servizos que contempla a lei. "O proxecto de integración social articularase por medio de accións concretas que incidan na mellora das condicións básicas de vida, coidado persoal, hixiene do fogar e da vivenda, seguimento de aspectos básicos da saúde e mellora da imaxe das persoas", di a futura norma. En opinión do CES "a referencia á mellora da imaxe das persoas é impropia dun texto legal, non debendo entrar os poderes públicos en consideracións sobre alto gan persoal e íntimo como é a propia imaxe".

Xa no ámbito puramente formal o Consello apunta varias suxestións especialmente rechamantes, a comezar pola recomendación "dunha revisión ortográfica e lingüística do texto do anteproxecto, ao detectarse abondosos erros". Ademais, sinala, "alúdese erroneamente (...) á Lei 13/2998 cando en realidade a referencia debe facerse á Lei 12/2008",  e mesmo"en distintos artigos faise unha referencia errónea a outros artigos do anteproxecto e mesmo a textos legais inexistentes ou xa derrogados".

Feijóo, con Porro e o resto do plenario do CES © Ana Varela

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.