Peche do orzamento da Xunta: Quen mente?

Feijóo dialoga con Rueda durante o Consello © Ana Varela

A cada vez menos soterrada campaña electoral galega vivía este mércores un dos episodios máis broncos a conta dun dos estandartes do Goberno galego: a "solvencia" das súas contas. O secretario xeral do PSdeG, Pachi Vázquez, acusaba o presidente da Xunta de "trampear" para cumprir os obxectivos de déficit público marcados polo Estado deixando "milleiros de facturas no caixón" durante o último trimestre de 2011. No propio debate parlamentario Alberto Núñez Feijóo amosábase "alarmado" pola "falta de realismo" e de "responsabilidade" do líder socialista. Vinte e catro horas despois, tras a reunión semanal do Consello da Xunta, o xefe do Executivo cargaba aínda máis as tintas contra Vázquez. "Galicia superou o déficit público e o PSdeG ten que superar o déficit de madurez". As afirmacións de Pachi Vázquez son "unha mentira maiúscula", asegura, e "mentir no Parlamento é o maior pecado, entre aspas, que pode cometer un político". "Non me creo que [Pachi Vázquez] estea tan indocumentado, tiña intención de mentir", di. Pola súa banda, os socialistas, a través da súa voceira económica, María José Caride, reiteraban a súa acusación. Quen falta á verdade, di Caride, é a Xunta.

Facenda restrinxe a adquisición de novas obrigas de gasto dende o 30 de setembro co peche do exercicio orzamentario

Quen mente en realidade? Partindo da tendencia dos actores políticos segundo a cal cadaquén tenta levar a auga ao seu rego, unha combinación das dúas versións aproxímase bastante á realidade. A controversia ten a súa orixe nunha orde ditada pola Consellería de Facenda o 29 de setembro de 2011 coas indicacións para "regular o cerramento do exercicio" económico dese ano, isto é, para determinar cando se deixan de investir e gastar cartos do orzamento dese ano. A primeira restrición vén dada polo límite ás modificacións orzamentarias, vetadas a partir do día 30 dese mesmo mes agás nos "créditos do capítulo I -gastos de persoal-" e en certas seccións do orzamento de gastos. Pero a clave da discusión está no artigo 4 desta orde, na que regula a "recepción e tramitación de documentos contables".

Segundo a instrución de Facenda, os "documentos contables -facturas-" que se cargan no capítulo II -gastos correntes e de servizos- e no capítulo IV -transferencias a outras entidades e administracións- tiveron como límite para a súa execución o 30 de setembro en varios casos. Segundo a linguaxe orzamentaria, dende ese día non entraron nas oficinas contables da Xunta documentos "en fase RC para A, documentos A, documentos AD de exercicios correntes e futuros e documentos contables ADOK de exercicio corrente". Isto que quere dicir? Que en outubro, novembro e decembro ningún departamento da Xunta pode reter crédito (RC) para novos gastos, tampouco pode aprobalos (A), reservar fondos para novos compromisos de gasto (D), recoñecer novas débedas (O) ou emitir novas ordes de pagamento (K). Con pequenas variacións, isto afecta tamén aos capítulos VI e VII do Orzamento, isto é, os investimentos reais e as transferencias de capital.

No último trimestre a Xunta só paga gastos comprometidos anteriormente e obrigas ineludibles

É, polo tanto, absolutamente falsa a xustificación do presidente? Non, porque hai excepcións. Séguense a tramitar os novos gastos procedentes de certas partidas para as universidades e expedientes como os correspondentes a comedores e transporte escolar, pensións, nóminas, farmacias hospitalarias, receitas ou avogacía de oficio, entre outras, ademais das operacións financiadas directamente polo Estado ou pola Unión Europea. En síntese, a Xunta só paga en outubro, novembro e decembro os gastos comprometidos anteriormente e as obrigas ineludibles, sen ningún investimento ou achega nova.

"A ficción contable convértese nun drama social"

Así as cousas, é completamente certo, como di o presidente, que a xestión económica da Administración continuou con plena normalidade ata o 31 de decembro? Tampouco. "O que implica o peche de exercicio é que non se poden asinar novos compromisos de gasto nin facer liberación de pagamentos para facturas novas", explica o economista Xabier Vence para Praza Pública. "A partir de aí todas as facturas que lle chegasen ao Goberno quedaron pendentes para o exercicio seguinte e tampouco se poden asumir compromisos de gasto adicionais". "Na práctica -explica- afectou a moitos servizos, entre eles a universidade" para os que "o ano rematou nesa data a todos os efectos".

Tras o peche só puideron ser pagadas as facturas que seguisen "ata o final" o procedemeno interno da Xunta, explica Xabier Vence

Partindo desta base Vence detalla que esta técnica orzamentaria impacta de cheo, efectivamente, nun dos emblemas da xestión de Feijóo, o prazo de pagamento de facturas. Ao "suspenderse o proceso de execución orzamentaria moitos provedores que fixeron traballos" para a Xunta e entregan as súas facturas "ao longo de outubro, novembro ou decembro non poden cobrar", senón que "teñen que esperar a que se abra o exercicio de 2012", algo que acontece contra finais do mes de xaneiro. Só poden ser pagadas, "mesmo despois do peche do exercicio" as facturas que "respondan a actividades xa autorizadas, que seguisen" o procedemento interno da Xunta "ata o final". Nesta liña o economista non dubida en cualificar de "incrible" que o presidente "alardee de que os seus provedores cobran a 40 días", "sabendo que houbo cando menos catro meses" co orzamento pechado. "Outra cousa é que, como o exercicio estaba pechado, ese período non conte a efectos contables, pero non deixa de ser unha trilaría".

Hai, polo tanto, "maquillaxe" nas contas públicas para cumprir mellor os obxectivos do déficit? Vence coida que si. "Para iso o fixeron", afirma con rotundidade. Pero "a ficción contable convértese nun drama social", lamenta. "A contabilidade pódena pintar e facer unha ficción" para que "aparentemente os números saian". "Pero o efecto real é que están cortando fluxo económico para a economía real" que depende da Xunta, "que non é pouca", advirte.

Feijóo dialoga con Rueda durante o Consello © Ana Varela

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.