Máis Galiza, AGA e EcoGal culminan a base programática "da nova forza galeguista e transformadora"

Logotipos das tres formacións CC-BY-SA Praza Pública

Unha "nova forza", que "se declara como unha forza política de base plural", que "abrangue dende o centro progresista ata a esquerda renovadora", "galeguista/nacionalista e transformadora" e que "se marca como obxectivos principais a defensa dos intereses colectivos de Galicia", da "súa identidade e dos seus dereitos" e a "transformación da súa realidade económica, social e demográfica" para "conseguir as maiores cotas de autogoberno para as súas institucións propias e de benestar para o seu pobo". É o xeito en que se define a "alianza" formada por Máis Galiza, Acción Galega e o Espazo Ecogaleguista, os tres dos catro colectivos que participan nas conversas do coñecido como 'novo proxecto común' e que veñen de pechar tres documentos de "bases" para "o debate coa cidadanía" nos que sintetizan as súas apostas políticas e programáticas.

"Acollendo as achegas do galeguismo político e do soberanismo cívico, o progresismo inclusivo e a esquerda renovadora"

Neses documentos, aos que tivo acceso Praza Pública, as tres formacións consideran "evidente" que "os partidos de obediencia estatal renunciaron hai moito a defender os intereses do noso país" porque "Galicia só lles interese para conseguir apoios electorais". Do mesmo xeito, manteñen que "a forza que vén representando o nacionalismo galego nas institucións tamén renunciou a ser un instrumento útil para cambiar a realidade de Galicia, optando por converterse nunha forza política antisistema, conciencia crítica do país, pero sen un proxecto político e organizativo crible" e "disposto a gañar a confianza da maioría da cidadanía galega". 

Sobre estas premisas +G, AGA e EcoGal ven posible que unha "nova forza" poida ser "casa común dos cidadáns e cidadás de conviccións galeguistas e transformadoras", acollendo "as achegas do galeguismo político e do soberanismo cívico, o progresismo inclusivo e a esquerda renovadora". A súa "principal razón de ser", din, será "defender os intereses de Galicia no seu conxunto", obxectivo para o que "se propón conseguir as maiores cotas de autogoberno para a nosa nación, opoñéndose frontalmente á ofensiva neocentralista". Neste contexto, explican nos documentos, propugnarán "un modelo económico e social que ofreza ao conxunto da sociedade a posibilidade de acceder (...) a uns servizos básicos universais, públicos e de calidade" ao tempo que "poñen todo o seu empeño na dignificación e posta en valor da idetnidade, a cultura e o rico patrimonio de Galicia, gravemente ameazado de sobreexplotación e desleixo".

Do mesmo xeito, o acordo das tres formacións aposta por "impulsar a rexeneración da vida pública", con "reformas" institucionais e "clara vocación de goberno", pois "aspira a converterse nun proxecto político maioritario, convencendo a cidadanía do acerto das súas propostas e mediante unha acción política tan eficaz como exemplar", din.

Propostas programáticas

O documento exporase en "presentacións públicas" para que "a cidadanía o debate e ofreza as suxestións que estime convenientes"

Sobre eses principios os impulsores da "nova forza" elaboraron unha "proposta de documento programático" que, explican, serán difundido a través de "presentación públicas en distintas localidades galegas" para que "sexan coñecidos pola cidadanía, ao tempo que se pretende dar a esta a posibilidade de debatelos e ofrecer as suxestións que estime convenientes sobre eles". Nese primeiro programa político +G, AGA e EcoGal comezan por propoñer medidas de "rexeneración democrática" que concretan en, por exemplo, unha "reforma do sistema electoral" que inclúa a supresión dos "limiares mínimos" para a entrada no Parlamento, a instauración da "circunscrición galega en todos os procesos electorais superiores ao local" e a "implantación de listas abertas". Ademais, no que atinxe á "transparencia", apostan polo "fomento da participación cidadá, especialmente no ámbito local" con figuras como as dos orzamentos participativos, reclaman unha "lei de garantías do dereito á información" e observan a necesidade de "limitar por lei" o "número de mandatos en cargos electos" e a "compatibilidade na percepción de remuneracións públicas e privadas logo do abandono da actividade pública".

No que atinxe á xestión pública no contexto máis inmediato este documento detalla iniciativas que, segundo as tres forzas promotoras, contruirían á "superación da crise económica", ao "desenvolvemento" e á "sustentabilidade". Así, por exemplo, ven necesario o incremento do tramo autonómico do IRPF para as rendas máis altas e o "desenvolvemento da imposición fiscal autonómica verde". Ademais, propoñen un "Plan Galego de Innovación" e un "Plan de Investimento Verde", dirixido a "impulsar as enerxías limpas co obxectivo de acadar o autoabastecemento enerxético 100% renovábel". Ligado con isto formulan tamén a "posta en marcha dun plan galego de transporte e infraestruturas" que "optimice as infraestruturas, con especial atención ao eido ferroviario" e "racionalice o espazo aeroportuario galego", con Lavacolla como "aeroporto internacional de Galicia" e "os outros dous" como terminais "especializadas en mercadorías e conexións de curta distancia". Estas medidas fronte á crise, din, complementaríanse tamén coa "creación dun “Instituto de Crédito Galego”, maioritariamente público".

"Reformulación do marco constitucional, avanzando cara a un estado plurinacional que adopte a forma de República"

O outro gran bloque de propostas do documento vincúlanse ao autogoberno e ás políticas sociais. Dende a concepción de que "Galicia é unha nación" cuxo "carácter nacional" está "vertebrado" pola "lingua galega" consideran prioritario "abordar os dereitos nacionais partindo" do "esgotamento do modelo saído da Transición". Así, coidan que "cómpre unha estratexia para sumar o maior número de segmentos sociais á defensa da nosa lingua", que "aproveite as oportunidades de pertencer ao sistema lingüístico galego-portugués" e reclaman unha "refomulación do actual marco constitucional e autonómico", "avanzando cara a un estado plurinacional, que adopte a forma de República". Ademais, din, "Galicia necesita un novo Estatuto que avance no autogoberno", cun financiamento "semellante" ao de Euskadi e Navarra. No ámbito social o documento programático defende a "intervención intervención pública e a regulación dos mercados como garantes da igualdade de oportunidades e a cohesión social".

Logotipos das tres formacións CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.