O PP rexeita cumprir o plan de normalización lingüística de Fraga

Lobeira amosa un libro de matemáticas en galego CC-BY-SA Merixo

Bucle lingüístico, tamén contra as propias medidas. O 21 de setembro de 2004 o pleno do Parlamento, con Manuel Fraga nas bancadas do Goberno, aprobaba por unanimidade o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (PXNL), un programa tan amplo como o consenso que o avalou e que naquela altura foi presentado como un fito histórico. Por primeira vez dende 1983, coa aprobación da Lei de Normalización, todo o arco parlamentario do país pactaba en torno á idioma. Case oito anos despois parte daquel plan foi sometido este martes a unha nova votación parlamentaria. A través dunha moción o BNG reclamou, en verbas do seu deputado Bieito Lobeira, "algo tan modesto e tan revolucionario a estas alturas como que o Goberno do PP cumpra a lei e o PXNL". "Reproducímolo literalmente", explicitou. E á hora de premer o botón os nacionalistas fixérono no mesmo sentido que en 2004, tamén o fixo o PSdeG. Pero non aconteceu o mesmo cos conservadores, que viron na iniciativa do Bloque todo un "cabalo de Troia", unha peza dunha "estratexia" para a "imposición" da lingua propia de Galicia, argumentou Agustín Baamonde.

Ao contrario doutras ocasións desta volta si houbo un leve achegamento e mesmo unha breve negociación, de poucos minutos. Baamonde e Lobeira retiráronse ao fondo do hemiciclo e o conservador expuxo as súas condicións. Aceptaría a moción se a súa parte dispositiva era substituída pola emenda que lle presentara o PP. O nacionalista aceptouna como "engádega", pero non como reemprazo. E ata aí a aproximación. Cal era a diferenza entre ambos textos? Ademais da redacción das reclamacións que se formulaban á Xunta, sensiblemente máis laxas, o PP obviaba as referencias ao ensino, centrais na iniciativa do BNG. Baamonde apostaba por retirar a petición de derrogar o denominado decreto do plurilingüismo, pero tamén a de cumprir os puntos 2.1.26 e 2.1.27 do PXNL, cos que si estivo de acordo o PP en 2004 e nos que se recolle que, "como mínimo", en Educación Primaria "o alumnado reciba o 50% da súa docencia en galego" e que ademais se "fomente que se impartan" en galego "materias troncais (...) como as matemáticas". Ademais, para a ESO, o plan ao que Fraga lle deu o seu visto e prace apostaba polo mesmo 50% e por incorporar a lingua galega ás aulas de tecnoloxía, ademais de ás matemáticas.

O PP apostaba por eliminar o punto sobre o ensino, que reclamaba a volta do galego ás matemáticas e ao 50% das materias

"Estaríamos dispostos a chegar a un consenso pero é absolutamente imposible", asegurou Baamonde dende a tribuna. Na súa opinión tras a reclamación de aplicar a normativa vixente agochábase a "inmersión obrigatoria en galego" e, ademais, "pedir a derrogación do decreto do plurilingüismo" é, simplemente, "unha pretensión absurda", porque "non traizoamos a xente que nos vota". "Tampouco podemos aceptar a pretensión de que tanto as matemáticas como a tecnoloxía, ademais do resto de materias, se volvan impartir en galego" porque "iso é volver ao decreto do ano 2007", que reproducía literalmente o PXNL. "Con ese decreto vostedes romperon o consenso coa pretensión de impoñer a totalidade de materias troncais en galego", acusou a PSdeG e BNG, e esa norma, asegura, "provocou a reacción social". O Bloque, di, non debe tentar "apropiarse" do idioma porque "tamén queremos a Galicia e á nosa lingua, á nosa maneira".

"Libros prohibidos setenta e cinco anos despois"

Lobeira: "Temos un Goberno insubmiso co que pactou, levántenlle o veto á lingua galega"

Foi precisamente cun libro de matemáticas redactado en galego co que Bieito Lobeira ilustrou a súa petición. Tras amosar un exemplar do Sempre en Galiza de Castelao o parlamentario fixo o propio co manual escolar, "non é perigoso nin secesionista, non reivindica a soberanía nin a autodeterminación, mais é ilegal para o PP". "Temos un goberno insubmiso ao que pactou" e agora "neste país se pode chegar ao caso" de que as matemáticas "se poidan impartir en inglés, pero non en galego", "non se pode impartir tecnoloxía, pero si technology". "Non queremos darlles leccións nin carnés de galeguidade, alá cadaquén coas súas frustracións", di. A petición, engade, non era outra que "levantarlle o veto á lingua galega".

O desdén co que o PP acolleu a iniciativa contrastou co apoio socialista que, a través de Francisco Cerviño, comezou rebatendo un dos argumentos empregados por Baamonde, que lle atribuíu á política lingüística do gabinete de Alberto Núñez Feijóo o apoio da "maioría social". "Maioría social non, maioría parlamentaria e nin sequera maioría electoral; neste lado da Cámara -en referencia ás bancadas da oposición- hai 5.000 votos máis". A iniciativa do BNG, di Cerviño, só "tenta que o Goberno aplique medidas que son leis ou acordos deste Parlamento" pero os conservadores, lamenta, son contumaces na súa "enorme responsabilidade histórica". "Está morrendo a lingua galega" e a Feijóo, di, "a historia poráo no seu sitio por isto, no Nostián ou na Sogama política".

Cerviño: "A Feijóo a historia poráo no seu sitio, no Nostián ou na Sogama política"

"Non lles vale a nosa moción, ergo non lles vale o PXNL", constatou Lobeira, para concluír o debate. "O que apoiou o PP no seu día agora non lles vale", tampouco no treito referido á toponimia, no que o PP propuña "seguir a velar polo uso da toponimia oficial das provincias, parroquias e lugares". "Que esqueceu? -preguntou retoricamente Lobeira- Os concellos". "Se cadra, por iso -ironiza- este goberno galeguista do PP sacou un manual de sinalización lingüística que deturpa" topónimos, acusou mentres amosaba unha reprodución dunha placa co topónimo de Santo Estevo de Ribas de Sil 'traducido' como "San Esteban de Rivas de Sil". Empregando un bolígrafo, Lobeira corrixiu o topónimo. "O que hai que facer é isto, e así volvemos á legalidade, queremos situalos na legalidade para que sexa Os Peares e non Los Peares", aseverou, dirixíndose ao escano de Feijóo, que, aplicando a mesma doutrina, "sería señor Habichuela". 

Lobeira e Baamonde, durante a negociación CC-BY-SA Merixo
Logotipo do PXNL © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.