A CRTVG gasta 200.000 euros en avogados para reclamar cartos a produtoras audiovisuais

Alfonso Sánchez Izquierdo, director xeral da CRTVG © CRTVG

O conflito da Compañía de Radio Televisión de Galicia (CRTVG) coas produtoras audiovisuais ás que lle contrataba parte dos labores informativos continúa a xerar prexuízos para o erario público. Mentres no conxunto do Estado arrecia o debate en torno ás canles autonómicas por mor da intención privatizadora do Goberno central os medios públicos galegos veñen de desembolsar un montante total de 209.200 euros en contratos con catro avogados para litigar con empresas audiovisuais. Segundo puido saber Praza Pública de fontes da compañía, esta operación responde á intención de recuperar parte das indemnizacións ás que tivo que facer fronte despois de ser condeada por cesión ilegal de traballadores en varios procesos xudiciais -a Xustiza considerou probado que o persoal contratado polas produtoras realmente recibía ordes dos mandos da canle pública e realizaba labores propios das persoas contratadas directamente por ela-.

O gasto ao que fará fronte a CRTVG é o resultado da adxudicación, entre os pasados 3 e 5 de xaneiro, de catro contratos negociados sen publicidade a senllos despachos de avogados. Tres dos catro contratos, os correspondentes ao "servizo para a defensa en xuízo da TVG e RTG nos procesos de reclamación de cantidades" en Pontevedra, Vigo e Lugo tiveron un importe de licitación -cartos que o ente público está disposto a pagar- de 60.000 euros. Esta é, precisamente a cantidade máxima que a Lei de Contratos do Sector Público permite contratar mediante este procedemento, popularmente coñecido como 'a dedo'. Mentres, o cuarto contrato, para a prestación do mesmo servizo pero na cidade de Santiago, foi licitado por 46.814,86 euros.

Co "prezo" como "único criterio", o importe final de adxudicación non supuxo unha rebaixa substancial a respecto da licitación en ningún dos catro casos. Así, en Lugo o beneficiario da adxudicación foi o avogado José López Fernández por 59.000 euros. En Pontevedra, recaeu no letrado Luis Cid Carballo por 53.000 euros. En Vigo, o servizo será prestado por Alberto Viejo López, que recibirá 51.000 euros do ente público. Finalmente, en Santiago a CRTVG contrata a Víctor Arceo Túñez, "única oferta admitida" no proceso cuns honorarios de 46.200 euros.

"Recuperar" parte das indemnizacións adiantadas

Atendendo ás mesmas fontes, o ente público realizou estas contratacións para "complementar" as tarefas de "asesoramento xurídico" que precisa no seu obxectivo de "recuperar" as "cantidades" que a compañía tivo que pagar "por anticipado" tras ser condeada por cesión ilegal de traballadores en "diversas" sentenzas. Os xulgados do social que levaron estes casos, detallan fontes sindicais, ditaminaron que as "condeas de carácter dinerario" tiñan que ser satisfeitas de xeito "solidario" polas produtoras e a propia CRTVG, que "anticipou" o pagamento e que agora litiga de novo para recuperar a parte que non lle correspondía abonar.

Así as cousas, este gasto de 200.000 euros non é máis ca unha nova consecuencia económica da política de externalización da produción desenvolvida dende hai lustros polas diversas direccións da CRTVG e que o actual director xeral do ente, Alfonso Sánchez Izquierdo, asegura desexar diminuír. Ademais das devanditas indemnizacións e dos gastos en litixios xudiciais, as condeas á Televisión de Galicia teñen implicado tamén a incorporación dos traballadores que se atopaban en situación de cesión ilegal como persoal de pleno dereito dos medios públicos.

A raíz da publicación deste gasto en Praza Pública o comité de empresa da CRTVG dirixiuse á dirección da compañía co obxectivo de coñecer detalles da operación e, ademais, transmitir a "estrañeza" que lles provoca o feito de que non se contraten letrados para reclamar cantidades pendentes a produtoras en Ourense en Madrid. Segundo fontes do comité consultadas por este xornal, a "contestación oficial" foi que "os gastos eran tan insignificantes que non compensaba a contratación dun bufete de avogados para ese caso particular".

 

 

O director xeral da CRTVG (esquerda), co presidente da Xunta © Ana Varela

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.