Ferreñas no arco da vella

Hai unhas semanas, ofrecinme para escribir sobre cuestións relacionadas co agro, co rural, coa terra, nesta Praza Pública de tantos e tantas que andabamos na procura dun mancomún onde compartir pensamentos, ruxerruxes, andrómenas, lerias e outros quefaceres no molde das letras. Por iso, cando sometín os meus sentidos ás Leilía en Compostela, e cando abrollou forte a necesidade de escribilo, tiven que argallar unha escusa que xustificase mudar o sacho pola pandeireta.

Non foi difícil se pensamos que o sacho é un instrumento de fortuna na nosa música tradicional, como a tixola, as culleres ou as cunchas de vieira. Tampouco se caemos na certeza de que as voces das Leilía teñen unha fonda raíz agraria, rústica, terreira, de mulleres de aldea sobre zocos con andares de bolboreta.
Con sentimento. Así as lembro, con sentimento de ledicia: as Leilía. E consentido me sinto, pese aos peregrinos argumentos, para tentar bosquexar o inexpresable que fixo deste concerto unha experiencia tan arrebatadora e fascinante.

A coidada e colorista posta en escena, o virtuosismo sobrio en branco e negro dos músicos, e a complicidade do público, foron un acompañamento perfecto para a gozosa incorrección destas cantareiras. Se o perfecto precisa de corrección, o imperfecto sempre é nai necesaria do sublime. Primitivas e matriarcais sobre as táboas do escenario, as Leilía fórono: sublimes, que non imperfectas. Elevaron a voz de tantas e tantas xeracións de mulleres galegas á categoría de universal, coma un triángulo inscrito na circunferencia expresaron o  colectivo e comunal feminino dun pobo, tanto que nestes tempos de revivals diversos fixeron que me sentise case neoplatónico. A voz da muller galega -da muller labrega- alambicada en idea.

Digo os seus nomes: Rosario, Patricia, Merchi, Felisa, Montse e Ana. Fostes como poñerlle ferreñas ao arco da vella. E aínda que o arco da vella non é tal sen todas as súas cores, teño que repetir o nome de Felisa. A culpa é de Marilar Aleixandre e do seu poema “Corazón de sal”. Hai moi poucas cancións que me provoquen arreguizos na caluga. En tempos de virxindade adolescente, era algo que me pasaba co só de guitarra de “Confortably numb” de Pink Floyd, con certas pasaxes de frauta do “Thick as a brick” de Jethro Tull ou co “Arabesco nº1” de Debussy. O venres 24 de febreiro de 2012, xa no entretempo que vai da primavera ao outono da vida, sentino ao escoitar a Felisa Segade cantar “Corazón de sal”. A música galega aínda non deu unha icona como Amalia Rodrigues en Portugal. Pero, dende este concerto, eu teño para min a voz de Felisa Segade. Se cadra non tan académica como a doutras excelentes vocalistas da nosa música; pero, precisamente por iso, racial, telúrica e, por suposto, sublime como ningunha.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.