A cultura galega ao frío

O pasado sábado estiven en Vigo, na entrada do Marco (metáfora marabillosa de como gañar o futuro: foi un centro de tortura e represión hai décadas, hoxe é un Museo de Arte Contemporánea; como o antigo matadoiro de Alcabre é hoxe o Museo do Mar...os de Vigo somos así...), con outros compañeiros e compañeiras da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, recitando a Rosalía de Castro. Cando iamos comezar o acto pasaba preto de nós, con toda a súa forza, a Marea Humana da manifestación, pedindo, como Rosalía, xustiza. Un mundo máis xusto. Un mundo vivible. Esperamos a que a manifestación pasase, alentando dende os nosos corazóns aos que tal pedían e, acto seguido, comezamos co recitado.

Para a nosa sorpresa, contamos arredor de duascentas persoas as que se concentraron alí para nos escoitar á ducia de autores e autoras que quixemos levar a palabra de Rosalía á xente

Para a nosa sorpresa, contamos arredor de duascentas persoas as que se concentraron alí para nos escoitar á ducia de autores e autoras que quixemos levar a palabra de Rosalía á xente. E incluso, cando os "profesionais" da palabra cumprimos coa nosa encomenda, foron algunhas persoas do público as que se animaron a achegarse ao libro e ler. Unha, incluso, cantou. En definitiva, un acto fermoso que nos reivindica, tamén, como pobo.

Sen embargo, o que quero traer hoxe aquí neste artigo, ademais do xa comentado, era o frío que facía. Que estaba entrando unha vaga de Frío Polar (así dixo o Telexornal). E pensaredes: pois si que non tes de que falar que xa nos falas do tempo.

A cultura galega estaba alí, de pé, dignísima, co mellor dos seus sorrisos e aturando a friaxe coma podía. E a xente estaba alí en troques de estar nas súas casas quentiños vendo a tele. Estaban coma nós papando frío

Pois si. O importante é que ía moito frío. Os escritores e escritoras que estivemos alí de pé algo máis de unha hora, non parabamos de quencer as mans co alento, de meter as mans dentro dos abrigos, de movernos dun lado a outro por ver de tornar a friaxe dos pés, de dar choutiños pequerrechos por ver de quencer as anatomías. Os calvos coma min nin vos conto como estabamos pola parte de arriba. Mais alí estabamos. A cultura galega estaba alí, de pé, dignísima, co mellor dos seus sorrisos e aturando a friaxe coma podía. E a xente estaba alí en troques de estar nas súas casas quentiños vendo a tele. Estaban coma nós papando frío. Cos libros de Rosalía na man. Enchoupándose da friaxe e da humidade do mar Atlántico que se nos metía dentro. Estaba alí. Aguantando. Por Rosalía de Castro, pola poesía, pola cultura galega e pola lingua. Estaban alí e non marchou ninguén ata que todo rematou.

E pareceume unha imaxe perfecta da situación na que estamos e do que nos pasa. A imaxe perfecta dunha cultura que agora queren poñer ao frío a ver se se conxela e morre. Porque parece como que a queren conxelar e así morra de todo. Unha cultura sen abrigo (por repetir a Rosalía que alí nos convocaba) á que lle entran moitas veces ganas de facer xustiza pola man, pero que aguanta escribindo libros, cancións, representando obras de teatro... Que aguanta unida. Arredor dunha palabra poética, dunha fala, dunha bandeira (había bandeiras de Galicia alí tamén).

Máis galegos e galegas, en definitiva, dispostos a sairmos do frío glacial no que queren instarlarnos en perpétua hipotermia para, á caloriña da xente boa, a que nos entende, gañar a calor do noso futuro como cultura e como pobo

Facía moito frío e falabamos antes de empezar os escritores e escritoras dos peches das librerías, do estado do sector editorial, das dificultades para exercer o noso traballo como nos gustaría. Falabamos diso e notabamos o frío, o iceberg que se nos viña enriba e que ameaza con acabar con todo pois a Brigada de Demolición que todos sabemos non descansa. Mais a pesar do frío, do climatolóxico e do outro, conxurámonos para volver o ano que vén e que sexa máis xente, máis persoas, as unidas arredor de Rosalía de Castro.

Máis galegos e galegas, en definitiva, dispostos a sairmos do frío glacial no que queren instarlarnos en perpétua hipotermia para, á caloriña da xente boa, a que nos entende, gañar a calor do noso futuro como cultura e como pobo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.