Liberdade

O discurso ideolóxico dominante nun período determinado sempre tarda en ser obxectivado, comprendido e criticado polo groso da sociedade. Se cadra, mesmo se podería dicir que,  infelizmente, ese discurso comeza a ser comprendido xusto momento en que deixa de ser imprescindible para os que detentan o poder. Un bo termómetro do grao de identificación popular dun construto ideolóxico dado ofrécenolo a cultura de masas: a música, a literatura, o cine, etc., pois esta rara vez aborda temas que o gran público non estea, xa de antemán, preparado para comprender.

Por exemplo, na Inglaterra de 1985, apoxeo do thatcherismo, un grupo de música pop independente como McCarthy (collerían nun ascensor os que podían coñecer daquela, e mesmo hoxe, a este grupo) identificaba perfectamente o espírito dos tempos nunha marabillosa canción profeticamente titulada We´re all bourgeois now (agora todos somos burgueses) que reflectía por onde transitaba, nesa década, a mutación antropolóxica das clases populares que xa intuíra Pier Paolo Pasolini nos anos 70.

O tema da canción versa sobre o encontro entre unha muller de poucos recursos que camiña pola rúa coa súa prole e máis o home-heraldo que lle informa, nas primeiras estrofas e na repetición do  retrouso, da fin da inxerencia do Estado providencia e do advento da boa nova: We're all free to choose/ We're all free to choose/ We're all free to choose/ We're all free to choose; todos somos burgueses porque agora todos somos libres para escoller. Dito doutro xeito: como contrapartida a seren eliminados todos os mecanismos de redistribución económica, todos os dereitos que constituían a base material da verdadeira liberdade, tamén será desdebuxada toda idea de compartimentación social en clases. Desde agora todos somos burgueses potenciais no material
(emprendedores) e burgueses de facto no ideolóxico (clase media). Velaí a quintaesencia da revolución conservadora que daquela estaba en plena fase de expansión pero á que só unha pequena minoría, desgrazadamente, sabía ler entre liñas.

Moito tempo pasou desde entón até este 2012, cuarto ano da crise do capitalismo financeiro, no que é posible atopar, en calquera librería-papelería de barrio, Liberdade, o supervendas de Jonathan Franzen no que se destripa a eito, se ispe con mestría e se analiza con detemento a idea de "liberdade como non interferencia" que o neoliberalismo elevou a dogma. É ben sabido que unha ideoloxía é hexemónica cando non é percibida como tal, senón cando consegue ser identificada co sentido común maioritario. Ante o feito de que un libro como o de Franzen —non só pola especial habelencia do autor (que tamén) senón por ser o tipo de libro best-seller que é— trate este tema dun xeito tan directo un pode afirmar, sen risco de resultar ousado, que os  días da identificación abusiva da idea de liberdade (e por extensión de democracia) co capitalismo da era da globalización están contados.

Cando nun produto de consumo masivo se escriben cousas como: "As compañías mineiras tiñan motivos para temer que a reinita pronto aparecese na lista de animais amparados pola Lei de Especies en Perigo de Extinción, con efectos potencialmente nocivos para a súa liberdade para talar bosques e voar montañas"; ou cousas como: "Todo xira arredor das liberdades persoais —explicou Walter—. A xente veu a este país polos cartos ou pola liberdade. Se non tes cartos, aférraste aínda máis furiosamente ás túas liberdades. Aínda que fumar te mate, aínda que non poidas dar de comer aos teus fillos, aínda que aos teus fillos os mate a tiros un tolo cun fusil de asalto. Podes ser pobre, pero o único que ninguén che pode quitar é a túa liberdade para foderte a vida como che pete", un decátase de que nos tempos vindeiros o capital vai abandonar este camiño xa trillado e que procurará, polo tanto, outros recursos menos ideolóxicos e máis represivos para impoñer o seu poder.

E decátase tamén do tarde que chegaron ao Estado Español estas estratexias do capital para imporse a través do soft power; pois Galicia Bilingüe e a súa fobia anti-galego disfrazada de liberdade de elección de idioma que hoxe acolle o goberno Feijóo de xeito entusiasta, o ministro de educación Wert maila Igrexa Católica e as súas apostas pola escola privada coa liberdade de elección de centro como coartada, ou o ataque da patronal española ao dereito á folga en favor dunha difusa liberdade a traballar dos que non a secundan son os últimos estertores dunha ofensiva ideolóxica que a poboación do Estado Español comeza a non crer (de aí a demanda de "demoracia real" en oposición ao sucedáneo que nos ofrecen) e que no centro do sistema —os EUA que describe Franzen, os EUA, tamén, que comezan a substituír o We´re all bourgois now polo We are the 99%— resulta cada vez máis complicado facer funcionar.

Publicábase recentemente que as rendas do capital superaran no Estado Español, por primeira vez, ás rendas do traballo. Fronte ao 53% proveniente das rendas salariais e o 41% das rendas empresariais nos anos oitenta, hogano as cifras din que as rendas do traballo andan polo 46% fronte ao 46,2 das rendas do capital. Isto, lonxe de ratificar aos McCarthy que nos oitenta espallaban con ironía a boa nova da universalización do ser burgués, confirma a probabilidade dun futuro moitísimo máis preocupante: o dunhas novas xeracións que naceran créndose burguesas pero que madurarán con máis probabilidades de caeren na precariedade crónica e na exclusión social ca no mundo do traballo estable. Realidade á que tamén facía referencia a socióloga Saskia Sassen nunha entrevista recente na que aseguraba que "hoxe, o sistema financeiro inventou modos de multiplicar a renda sen pasar polo consumo de masa. [...] O novo elemento é que moitos dos desempregados de hoxe non teñen posibilidade de volver a ter unha vida normal de traballo".

Que o capitalismo fianciarizado precise hoxe menos man de obra ca nunca para reproducirse só pode querer dicir unha cousa: que nestes momentos ao sistema sóbralle xente. Velaquí a nova polarización. E velaquí sobre quen caerá a forza dos aparatos disciplinarios do Estado agora que o discurso hexemónico baseado na liberdade de escolla e na democracia formal semella entrar en tempos de decadencia.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.