Merecemos máis

Confeso ser un inxenuo. Confeso que en 2009, cando xa se uliscaba que modelo de política lingüística ía impoñer o novo réxime, dei por sentado que ía xurdir unha resistencia cultural dinámica, robusta e decisiva que non consentiría que aquelas políticas nefastas ficasen en vigor máis duns meses. É verdade que houbo críticas e censuras, cartas abertas, declaracións públicas e mediáticas en contra delas, pero aquel rumbo filisteo tirou para adiante sen vacilación ningunha. Houbo tamén reproches institucionais por parte da mesma xente acomodada e acomodaticia que ocupa os mesmos postos de sempre e que intercambian entre eles nun eterno xogo de cadeiras musicais, un sempiterno turno pacífico de coleccionar cargos que deixa a xuventude galega galeguista indiferente –cando non cínica– diante da súa fraca resistencia, do seu conformismo acomodado.

Confeso que en 2009, cando xa se uliscaba que modelo de política lingüística ía impoñer o novo réxime, dei por sentado que ía xurdir unha resistencia cultural dinámica, robusta e decisiva

Boa parte deses reproches chegaron dos mesmos sectores que pactaron colocar o sr. Anxo Lorenzo no lugar onde ficou, supoñamos que para facer menos dano en lugar de ningún dano, porque dano fixo e non soamente ao seu propio creto, senón tamén ao benestar da lingua que na súa encarnación anterior profesaba defender. Outros reproches proviñeron dunha RAG cuxa cúpula fica cada vez máis debilitada e caída en desgraza. Se hai algo que nos estamos a perder, se hai algún complot secreto e ben intencionado que non nos dignaron contar, que nolo conten agora –que somos maiores de idade– para que nos comprazamos e volvamos a ter fe neses xerifaltes da cultura institucional galega.

As únicas medidas efectivas que se tomaron foron as manifestacións de Queremos Galego, que conseguiron plasmar en forma pública, física e cívica o malestar diante do abuso por parte do goberno de Feijoo do consenso lingüístico acadado historicamente a base de loita, sufrimento e –non o esquezamos– asasinatos. Escríbense cartas. Asínanse manifestos. E doulles o meu profundo apoio e respecto. Con todo, creo que aos destinatarios destes documentos importámoslles un carallo e o galego impórtalles un carallo, e xa era hora hai tempo de amosar outras respostas e posturas.

Pode que me digan que hai certa maneira de facer as cousas, e pode que teñan razón; e se non entendemos ben esa maneira misteriosa de negociar cunha Xunta que non amosa nin o menor interese en modificar o seu comportamento lingüístico, sempre nolo poden explicar e quedaremos agradecidos pola lección. Pero a maneira que vin ata agora de facer as cousas non me parece o xeito de censurar unha institución, mesmo o propio goberno do país, cando pretende esnaquizar o principal ben cultural da nazón. Paréceme unha acomodación cada vez máis difícil de entender ou xustificar. E todos sabemos o que pasa cando non opoñemos resistencia a un matón.

Non vai ser todo crítica sen proposta, e propoño o seguinte: se a Xunta leva o decreto da lingua fóra de Galiza, deixará ben claro que o dano que fixo ata agora ao galego representa unha auténtica vontade de cometer lingüicidio. Neste caso, as principais institucións galegas deberían adoptar inmediatamente unha política de cooperación cero coa Xunta. De resistencia pasiva pero total. A mesma política que deberan practicar ao principio deste esperpento en 2009. Con iso, deixarían ben claro que xa non van pedir que Feijoo e familia lles tiren migas da súa mesa para logo parecer agradecidos por darlle eles á sociedade galega o que lle correspondía de antemán e por propio dereito. Volver a resistir –nunha noite, si, de pedra, aínda que non tan longa–, porque máis vale perder algunhas cousas que perder a dignidade enteira.

Que queda dos recursos que se pretendía conseguir grazas a quedar ben con esa Xunta? As principais institucións galegas han dar exemplo

Que queda dos recursos que se pretendía conseguir grazas a quedar ben con esa Xunta? As principais institucións galegas han dar exemplo. Contra a política lingüística da Xunta van miles de anos de valores civilizados, de ética filosófica, de convivencia universal, de dereitos humanos e de normas internacionais no tocante á defensa e dignidade lingüística e cultural. Cando todo o demais cae, sempre nos fica iso.

Merecemos máis do que pretenden conseguir os máximos representantes actuais da cultura galega

O feito por parte dun goberno de lexislar activamente en contra da lingua nacional e nativa do seu territorio sirve como máxima auto-descalificación de calquera lexitimidade política da que pretenda dispoñer. Retomando aquelo de Castelao, son literalmente crimes en contra do patrimonio universal da humanidade enteira. E iso, sen nin sequera botar unha ollada ás cifras de paro e os casos de corrupción que xa lles chega dabondo. Merecemos máis do que pretenden conseguir os máximos representantes actuais da cultura galega. Merecemos máis dos que están en diálogo directo cos que perpetúan ese mal. Merecemos máis.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.