Doce segundos de silencio

Toda persoa que se adique con certa seriedade ao oficio poético, remata por saber que cada texto se constrúe nun fráxil equilibrio entre a palabra e o silencio, entre o declarado e o oculto, de tal forma que o espazo en branco entre verso e verso forma moita veces parte substancial do discurso literario, como unha especie de pausa que permite, por contraste, percibir con máis acerto as suxestións que adoita ofrecer a linguaxe cando transcende a función comunicativa. E por iso resulta moi atinado aquel haiku minimalista de Kiko Neves, cando, nun dos poemas de Ruído de motos, deitaba a seguinte reflexión:

    Na literatura o noventa por cento
    deberían ser silencios.
    Ou páxinas en branco.

Desde hai tres anos, Méndez Ferrín asume ante o conxunto da sociedade galega un rol institucional onde entran en xogo funcións representativas que precisan de valores de ética política

Pero hoxe non pretendía disertar arredor de silencios literarios, senón presidenciais. Pois o doce de febreiro de 2013, martes de Entroido, contra as nove e vinte da mañá, no programa radiofónico Galicia por diante, tiven oportunidade de escoitar unha interesante entrevista a Xosé Luís Méndez Ferrín, actual presidente da Real Academia Galega, na que se analizaban distintos asuntos de actualidade acerca da institución con maior peso simbólico no ámbito lingüístico-literario da cultura galega contemporánea, xa desde a súa fundación a comezos do século XX.

Non vai ser este cronista quen lles descubra agora a brillantez intelectual e a relevante traxectoria literaria de Xosé Luís Méndez Ferrín, pois existe un consenso case unánime con respecto á calidade extraordinaria do conxunto da súa obra, polo que o podemos considerar, sen temor a caer en excesos retóricos, un clásico en vida das nosas letras.

Agora ben, desde hai tres anos, Méndez Ferrín asume ante o conxunto da sociedade galega un rol institucional onde entran en xogo funcións representativas que precisan de valores de ética política que nada teñen que ver co fulgor dunha metáfora outoniza ou a disertación erudita sobre a toponimia do país. Valores de transparencia na xestión dos recursos públicos que, nestes tempos convulsos, adquiren, a ollos dunha cidadanía escéptica e desencantada, unha extraordinaria relevancia.

Por iso, no contexto da entrevista anteriormente citada, resultou especialmente significativa a reacción airada do presidente da Real Academia Galega ante unha pregunta moi específica de Kiko Novoa, o locutor de Galicia por diante: aquela na que formulaba se era posible xustificar, por parte do presidente, a suposta contratación da súa filla e xenro como empregados a soldo da Real Academia Galega.

Ferrín debe responder ao xornalista en virtude do seu cargo, é dicir, como responsable máximo dunha institución que debería explicar con todo luxo de detalles a que proxectos destina os 600.000 euros de subvención que recibe para o ano 2013

Obviamente, tratábase dunha pregunta incómoda, pero non por iso inesperada; e resulta lóxico que, no contexto dunha conversa sobre temas de actualidade, os xornalistas da Radio Galega interpelen a Méndez Ferrín sobre asuntos que xeneran malestar na opinión pública, aínda que só sexa para que o Presidente se poida defender dunha acusación moi concreta que pon en dúbida a súa ética profesional; e lembremos que Ferrín debe responder ao xornalista en virtude do seu cargo, é dicir, como responsable máximo dunha institución que debería explicar con todo luxo de detalles a que proxectos destina os 600.000 euros de subvención que recibe para o ano 2013, de tal forma que poidamos valorar con certo criterio se estas cantidades resultan excesivas ou insuficientes.

Pero, case sen pausa, tan axiña como o entrevistador remata de formular a cuestión espiñenta, escóitase a brevísima resposta do escritor ourensán, expresada con tonalidade inflexible e taxativa:

Sen comentarios.

E logo, xélidos e densos,  doce segundos de absoluto silencio. Doce segundos que, a través das ondas, transmiten unha sensación de incomodidade semellante ao silencio de dous descoñecidos que comparten unha viaxe en ascensor.

Non hai comentarios, non insista.

E a partir de aí, a entrevista xa non volve ser a mesma. E, de súpeto, ese enmudecemento radiofónico de Xosé Luís Méndez Ferrín, por contraste coa súa facilidade de palabra, adquire valor connotativo. E eses doce segundos de pausa na conversa convértense nunha mensaxe en clave, tan ambigua na súa interpretación como decepcionante desde o punto de vista do diálogo coa cidadanía.

Non vaia ser o demo que, ademais de ourensanía, Méndez Ferrín comparta con Xosé Luís Baltar ese principio tan curioso de que os da propia estirpe son sempre os mellor preparados para ocuparen un posto de traballo

Non hai moito máis que engadir; como cidadán deste país gustaríame que o Presidente da Real Academia Galega, interpelado por un medio de comunicación que nos representa a tod@s, tivese a ben aclararnos as dúbidas que poida suscitar a súa xestión institucional; pois non vaia ser o demo que, ademais de ourensanía, Méndez Ferrín comparta con Xosé Luís Baltar ese principio tan curioso de que os da propia estirpe son sempre os mellor preparados para ocuparen un posto de traballo.

Permitan que, a xeito de despedida, sinale co dedo a decepcionante explicación que Méndez Ferrín ofrece arredor da escasa presenza de mulleres na institución da Rúa Tabernas

Por último, e máis alá do momento de tensión sobre este suposto caso de favoritismo paterno-filial, a entrevista recolle outras reflexións do presidente da Academia que darían pé a un fondo debate. Permitan que, a xeito de despedida, sinale co dedo a decepcionante explicación que Méndez Ferrín ofrece arredor da escasa presenza de mulleres na institución da Rúa Tabernas, alegando que non estamos tan mal en comparación coa Real Academia Española ou  mesmo a Francesa, nunha especie de autoexculpación que denota unha análise máis ben superficial, desas que se dan para saír do paso.
E desculpen este cantar tan triste, pero hoxe outro mellor non hai.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.