A renda básica das iguais. Alternativas reais para cambiar o mundo

As administracións públicas pechan os ollos, non queren ollar a pobreza. E, non obstante, está aí, de fronte, só con querer ver. A pobreza externalízase. Que sexan as ONG’s e outras entidades sociais as que, a cambio dunha insuficiente axuda, as que traten de ofrecerlle protección ás persoas empobrecidas. Dereitos convertidos en caridade. Volatilización da xustiza social.

“Un paso máis na loita por arrincarlle ao poder o dereito a vivir dignamente, para construír xustiza social desde abaixo, desde a heteroxeneidade, diversidade e autoorganización”

Neste contexto, debemos recoñecer o tremendo mérito dos colectivos Baladre (Coordinación de loitas contra a precariedade, a exclusión e o empobrecemento), Zambra Iniciativas Sociales, Grupo de Axitación Social, G.A.S., Lapsus Distribuidora Alternativa e Oficina de Dereitos Sociais Coia (ODS-COIA) que, despois dun duro e exhaustivo traballo de base, lle ofrecen á sociedade galega Repartindo a nosa riqueza, un estudo crucial en que se formula, de forma explícita, a viabilidade da Renda Básica das Iguais en Galiza.

O estudo non pode deixar a ninguén indiferente. Como recolle unha das promotoras, Mari Fidalgo, a Renda Básica das Iguais (RBis) é “un paso máis na loita por arrincarlle ao poder o dereito a vivir dignamente, para construír xustiza social desde abaixo, desde a heteroxeneidade, diversidade e autoorganización” (p. 11). Non podemos, nesta breve crónica, condensar toda a riqueza que nos ofrece este estudo. Limitaremos a enunciar algúns dos principios que nos semellan máis relevantes.

Non é utopía. O que é utopía é a pretensión do capitalismo de que é quen de autoregulamentarse e de medrar indefinidamente

Non é utopía. O que é utopía é a pretensión do capitalismo de que é quen de autoregulamentarse e de medrar indefinidamente. Non é loucura. O que é loucura é non comprender que o sistema non ofrece a necesaria protección social ás persoas. Non é imposible. Imposible é coñecer os números e as traxedias que día tras día nos traen a pobreza e a exclusión social e non intervir.

Falar da RBis é poñer no centro do discurso non o emprego, senón a persoa e a súa dignidade. É rachar co discurso do mercantilismo para acadarmos o dereito a vivirmos con dignidade. O emprego, hoxe, en mans do capitalismo, é unha ferramenta de opresión. E, debido ás carencias da protección social que debera ofrecer a administración máis próxima á cidadanía, hoxe é un instrumento de medo.

O emprego, hoxe, en mans do capitalismo, é unha ferramenta de opresión. E, debido ás carencias da protección social que debera ofrecer a administración máis próxima á cidadanía, hoxe é un instrumento de medo

Isto significa rescatar do esquecemento, da invisibilidade o duro traballo que se realiza nos fogares, onde ese traballo non é recoñecido  por non estar sometido, en principio, ás leis do mercado e dos intercambios monetarios.

“Avanzar cara a outro xeito de ser cidadáns” (p. 19), din os responsables da Oficina de Dereitos Sociais do barrio vigués de Coia, “non en canto asalariados, senón en función do ben que xeramos ao noso redor co traballo realizado, entendido este dun xeito amplo que incluiría unha gran diversidade de tarefas orientadas a facer máis humana e mellor a nosa sociedade e, en consecuencia, as nosas vidas” (pp. 19-20).

“Avanzar cara a outro xeito de ser cidadáns” (p. 19), din os responsables da Oficina de Dereitos Sociais do barrio vigués de Coia

E teñen razón cando afirman que “as cousas non funcionan para a grande maioría” (p. 20). En efecto, todo vai a peor. De forma irremediable porque o capitalismo está correndo ao seu fin levándonos por diante. O discurso da crise-estafa serve de parapeto xustificador para todo tipo de amputacións de dereitos. Dáse un constante empobrecemento das persoas. Podemos aceptar que unha cuarta parte da poboación viva nesa situación?

Cando escoitamos dicirlles aos que malgobernan o noso mundo que “non hai diñeiro”, sabemos que practican a mentira. Haino. Pero está mal repartido e as actuais leis das oligarquías permitiron que se acelerase a acumulación de capital e poder en poucas mans, ao tempo que aumentaba a fenda entre estas que máis teñen e as persoas que menos teñen.

Por iso, cómpre unha ferramenta que ataque de raíz a desigualdade e que erradique a pobreza da nosa sociedade. A RBis permitiría mesmo, como quere Sabela Pérez, “unha reocupación da terra, unha volta ao agro que garantise non só a capacidade de producir alimentos desde o local, senón tamén o mantemento e sostemento dos espazos naturais” (p. 25).

A RBis consiste “no dereito que ten cada persoa, soamente polo feito de nacer, a percibir periodicamente unha contía que lle permita cubrir as necesidades básicas”

Non todo o mundo sabe que é a RBis. Para iso, é preciso achegarse á súa definición e trazos máis sobranceiros (pp. 39-47). A RBis consiste “no dereito que ten cada persoa, soamente polo feito de nacer, a percibir periodicamente unha contía que lle permita cubrir as necesidades básicas” (p. 39)

Pero, para ter este dereito garantido cómpren condicións estruturais e políticas. Entre as estruturais destacar que a RBis é individual, universal e incondicional. Entre as políticas poñer de relevo a contía económica precisa para poder afontar as necesidades básicas, podendo ser o límite inferior o do limiar da pobreza. Os autores do estudo postulan a necesidade de que a contía sexa dividida en dúas partes: o 80% entregado en man ao suxeito, o 20% destinado a un fondo de RBis que se destinará a bens e servizos públicos.

Os autores do estudo postulan a necesidade de que a contía sexa dividida en dúas partes: o 80% entregado en man ao suxeito, o 20% destinado a un fondo de RBis que se destinará a bens e servizos públicos

Pero, hoxe, ante a situación de naufraxio actual, non abonda con que se fale entre grupos máis ou menos proclives da RBis, precisamos que se dea unha mobilización desde a cidadanía. Para transformar, precisamos informar con detalle que implicacións ten a RBis, cales son os seus beneficios. Explicar que existirán atrancos (por parte do poder, claro, pero tamén de boa parte da sociedade por descoñecemento), porque é unha medida que atenta, de forma directa, coa estrutura do capitalismo. E para facelo, temos que sumar esforzos entre todo o tecido social para “conseguir unha serie de acordos e establecer unha acción de mobilización conxunta a través da elaboración dun programa común de obxectivos mínimos pola transformación do sistema” (p. 43). Facelo para que emerxa no común da sociedade a conciencia de loita por este dereito.

Temos que sumar esforzos entre todo o tecido social para “conseguir unha serie de acordos e establecer unha acción de mobilización conxunta a través da elaboración dun programa común de obxectivos mínimos pola transformación do sistema”

En canto ao proceso de implantación da RBis en Galicia (pp. 49-63) cómpre destacar que falamos dun proceso gradual e que comezaría por implantarse en colectivos desfavorecidos polo sistema capitalista. É o que as persoas autoras denominan “principio de emerxencia social” (p. 51) e ten como protagonistas a 5 colectivos de poboación: 1) persoas desempregadas; 2) persoas que están no cárcere; 3) persoas con diversidade funcional; 4) persoas que sofren violencia machista; 5) persoas “sen teito”. Falamos, segundo datos empregados polos autores, de 504.984 (18,2% da poboación total) persoas e a cobertura do dereito suporía unha contía total de 5.335.155.960 euros (9,1 % do PIB). Unha vez acadada esta incorporación, entrarían os demais sectores da poboación (que é denominado “principio esperanza”).

Anímovos a que vos acheguedes a este estudo e ás diferentes charlas que, por Galicia adiante, están levando a cabo as persoas autoras.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.