Franco, Beiras e o ouro do Anllóns

Hai uns días escribía X L Franco Grande un artigo en La Voz de Galicia que titulaba: Carta a X. M. Beiras, un artigo que comezaba coas palabras “Meu amigo”. Se eu fose Beiras xa me poría en garda. Cando alguén comeza unha columna así é que vén por nós, ademais de que estas Cartas a... sempre se lle dirixen ao inimigo. 

Para que non pareza iso, Franco Grande vénse arriba e escrebe: “Sabes ben o moito que celebrei o teu éxito”, etc, etc... “Pensei nas inmensas posibilidades que tiñas para darlle un novo rumbo á triste política galega...” Fixádevos que di inmensas pero rebáixao a posibilidades, e enlaza cun dos leit motivs do poeta vido a columnista provinciano “a triste política galega”. Para este home é triste a política galega, é ruín a literatura galega actual, en xeral é triste Galicia, a realidade e o tempo que lle toca compartir cunha chusma cascarilleira que non lle chega nin ás puntas do mantel da súa “mesa-camilla”. 

Para este home é triste a política galega, é ruín a literatura galega actual, en xeral é triste Galicia, a realidade e o tempo que lle toca compartir cunha chusma cascarilleira que non lle chega nin ás puntas do mantel da súa “mesa-camilla”.

Comeza o segundo parágrafo e compróbase de novo que con amigos coma Franco Grande non fan falta inimigos: “rebaixaches e desprestixiaches o Parlamento... Unha arroutada máis das túas que che pode saír cara...” Isto non é ameaza, é a franqueza da amizade. E péchase coa rifa que se lle dirixiría a un lelo: “Sería bo que te medises máis de agora en diante”. Velaí o que quedou daquela entusiasta celebración do éxito.

E cando parecía claro que estábamos a ler un artigo sobre o escenario da política galega resulta que a carta dá un xiro, xa non copernicano senón do que na retórica latina se chamaba non sequitur, un tropo que consistía en facer que se sucedesen ideas aparentemente inconexas en busca do efecto que esa proximidade causaba na lectura lineal. Neste caso descúbrese que o poeta ancián viña a falar da mina de ouro de Corcoesto, tomando como escusa as protestas do grupo de Beiras, ou aproveitando para zoscarlle ao compañeiro de vivencias co que coincidira e disentira ao longo de medio século. “É malo que teñamos minas de ouro?”

A oposición a esa explotación propia do colonialismo é amplísima pero a este Franco tanto lle ten mentres veña da chusma

A oposición a esa explotación propia do colonialismo é amplísima pero a este Franco tanto lle ten mentres veña da chusma. Que proteste alguén da súa clase xa lle amola máis, e critica “a lixeireza sorprendente”, “a linguaxe alporizada, aldraxante e ás veces inxuriante”: véxase a intelixente gradación dos adxectivos que parece ir estoupar de contado e convírtese nun terrorífico “que causa moi mala impresión”. En fin, no último parágrafo o autor vólvelle chamar temerario a Beiras e lémbralle que vai morrer (“nunca máis vas volver ter o capital que tes”) no ton de quen, morrendo el mesmo, lle tira pola perna ao outro para arrástralo ao inferno. 

Non, señor Franco. Non é malo que teñamos minas de ouro. Malo é que uns especuladores cantamañás do Canadá veñan roubarnos ese ouro, e as terras, para fuxir coa riqueza e deixarnos un burato coma o cráter do Big bang e unha balsa de cianuro coma non sei cantos campos de fútbol a contaminar o subsolo, os acuíferos e a fermosísima barra do Anllóns. Malísimo é que o goberno do PP actúe como “segurata” deses ladróns disfrazados de empresarios para vendernos a moto de que somos ricos e que se van crear non sei cantos postos de traballo, que só existen na declaración deste atentado ecolóxico como Proxecto Estratéxico da Xunta.

Non, señor Franco. Non é malo que teñamos minas de ouro. Malo é que uns especuladores cantamañás do Canadá veñan roubarnos ese ouro, e as terras, para fuxir coa riqueza

Sabíamos da querencia do poeta polos anos escuros, pero non pola mineiría, a non ser que o dos “anos escuros” fose unha alusión velada ao recto e este unha metáfora dos tuneis subterráneos das explotacións mineiras. Pero a de Corcoesto é unha explotación a ceo aberto e todo acaba saíndo á luz, por exemplo que a resposábel de comunicación da empresa canadiana Edgewater leva por nome Navia Franco Barreiro. Que diredes vós... iso non implica que sexa familiar de X.L. Franco Grande, pero éo, e ben directa, e casada co director xeral do xornal que publica o artigo citado, casualidades que veñen pechar o círculo. A defensa da proxenie é un instinto humano, non culpamos por iso ao articulista, culpámolo por empregar escusas peregrinas, por agochar que a súa opinión é interesada e por acusar aos demais de falta de integridade. “Sería bo que te medises máis de agora en diante, amigo.” Columniñas dunha “lixeireza tan sorprendente causan moi mala impresión”, como ti ben dis.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.