0 Gardados para despois

Xoán Carlos Carreira

A agricultura invisíbel

A mediados dos anos setenta do pasado século, a palabra de orde nas mobilizacións agrarias era “nos non somos empresarios, fora a cota empresarial”, unha reivindicación da condición de labrego (ou campesiño). Hoxe, un terzo de século mais tarde, parece que xa non existen os labregos/as, preferimos chamalos/as (e chamarse a si mesmos/as): gandeiros/as, viticultores/as,...

Parece que xa non existen os labregos/as, preferimos chamalos/as (e chamarse a si mesmos/as): gandeiros/as, viticultores/as...

Evitamos falar da pequena explotación labrega familiar e minifundista. Só temos en consideración ás explotacións profesionais porque aquela, centro dos ataques de quen a vía como exemplo do noso atraso, foi arrombada e pouco a pouco fíxose invisíbel. Mais aínda existe. A miña intención neste artigo é contribuír a facer visíbel esta outra agricultura, a das labregas e labregos resilientes, que semellan non existir aos ollos da maioría. Tento contribuír a demostrar a importancia tanto do seu papel social como da súa produción agraria desprezada pola a maioría dos/as economistas pero fundamental para alimentar á poboación galega. Non pretendo facelo en contraposición ás explotacións profesionais (os/as gandeiros/as sobre todo) nin esquezo a súa importancia, pero estas si son visíbeis…  e seria necesario outro artigo para analizar a situación na que se atopan e un modelo produtivo con evidentes síntomas de esgotamento.

Evitamos falar da pequena explotación labrega familiar e minifundista. Só temos en consideración ás explotacións profesionais porque aquela, centro dos ataques de quen a vía como exemplo do noso atraso, foi arrombada e pouco a pouco fíxose invisíbel

Como indica o profesor Oliveira Baptista, a pequena explotación familiar é moi versátil. As persoas que traballan nelas fano por motivos moi diversos. Para unhas pode ser fundamental o rendemento económico que poidan obter da explotación mais para outras pode selo o feito de que lle proporcionan vivenda e alimento. Pero ademais hai moitas outras razóns para estar interesado/a neste tipo de explotación agraria: identidade persoal, posibilidade de vivir nun medio que se coñece e/ou que gusta, expectativa de herdanza, etc.  

En Galiza a produción agraria depende, en grande medida, destas pequenas explotacións familiares, de labregos/as que son considerados/as marxinais ou ben que non son “profesionais” nin aparecen nas estatísticas como activos/as agrarios. Unha análise moi sinxela indícanos que a practica totalidade das persoas que se dedican á agricultura viven en parroquias con menos de 2000 habitantes (con núcleos de menos de 300). Pero nestas mesmas parroquias viven preto do sesenta por cento dos/as xubilados/as e dos/as traballadores da construción de Galiza, case a metade dos/as da industria e das persoas que se dedican á pesca e a terceira parte dos/as empregados/as do sector servizos. Como consecuencia, nos núcleos rurais, as persoas que oficialmente traballan na agricultura representan pouco máis da quinta parte.

A inmensa maioría das persoas que traballan no sector agrario viven nos núcleos rurais , pero que a  maioría das persoas que viven nos núcleos rurais non se dedican “oficialmente” á actividade agraria

Podiamos dicir pois que a inmensa maioría das persoas que traballan no sector agrario viven nos núcleos rurais , pero que a  maioría das persoas que viven nos núcleos rurais non se dedican “oficialmente” á actividade agraria. Sen embargo non son alleas á mesma. Desde o noso punto de vista, aínda que estea localizada no medio rural, a agricultura practicada por estas persoas, se a entendemos en sentido amplo, ten unhas características especificas que nos permiten cualificala como o que hoxe en dia se denomina agricultura periurbana (e/ou urbana), unha agricultura aínda descoñecida tanto a nivel local como global, a pesares de que é un sector en rápido crecemento que, segundo a FAO, proporciona alimentos aproximadamente á cuarta parte da poboación urbana mundial (700-800 millóns de persoas). Da súa importancia en Galiza pode dar idea o feito de que, segundo as nosas estimacións, os/as labregos/as a tempo parcial, achegan aproximadamente a metade da unidades de traballo agrario (UTAs) a pesares de que semellan non existir nin para as políticas nin para a opinión pública.

Unha parte importante da produción das labregas e labregos das pequenas explotacións, uns marxinais outras invisíbeis, ten como destino o consumo propio (da familia e parentes) ou a venta en mercados locais. Este tipo de produción en grande medida non se incorpora á estrutura comercial hoxe dominante. Por esta razón, desde o punto de vista económico, ou ben simplemente non se valora ou ben non se fai axeitadamente. Sen embargo outra sinxela análise das características e destino deste tipo de produción, permítenos afirmar que é unha produción diversificada que se destina a alimentar aos galegos/as, en contraposición coas características da produción das medianas e grandes explotacións profesionais, nas que habitualmente centramos a nosa atención,  que se pode definir como de monocultivo gandeiro ( fundamentalmente leite)  con destino á exportación.

O balance agroalimentario de Galiza é negativo. Este dato incuestionábel pódese complementar, segundo as nosas estimacións,  con outro:  a agricultura profesional cobre pouco mais da terceira parte do noso consumo de produtos agrícolas. Sen embargo, si comparamos os datos da produción das arredor de 20.000 Has de hortas familiares (para consumo propio e local) e o consumo medio por habitante, podemos concluír que esta produción ( que non contribúe ao PIB ) está satisfacendo as necesidades de centos de milleiros de persoas. Por exemplo a produción de hortalizas para autoconsumo en Galiza esta entre 100-135 mil toneladas (Xunta de Galiza) e o consumo per cápita entre 50-70 Kg (Ministerio Agricultura). Así pois esa produción agraria non contabilizada que non chega as grandes areas comerciais nin a maioría das tendas podería estar alimentando como mínimo a un millón e medio de persoas ( mesmo considero que as estimacións son conservadoras). É dicir, non só á xente que vive no medio rural senón tamén a unha parte substancial da poboación vilega e urbana, evitando, deste xeito, que a situación da Galiza deste o punto de vista da soberanía e/ou a suficiencia alimentaria chegue a ser catastrófica.

Algúns autores apuntan que, en todo caso, as grandes explotacións son mais eficientes por unidade de traballo (para eles o mais importante) aínda que non o sexan por unidade de superficie

Se alguén se está preguntando como é posible isto, teño que lembrarlle que, aínda que a relación entre o tamaño das explotacións agrarias e a produtividade é un vello  debate, hoxe en dia a maioría dos datos evidencian que as explotacións máis pequenas producen moito máis por unidade de área que as grandes explotacións. A maior eficiencia da produción agrícola a pequena escala pódese considerar xeral en todo o mundo e as nosas estimacións indican que en Galiza tamén se confirma a existencia dunha relación inversa entre tamaño da explotación e rendemento económico por Ha. Algúns autores apuntan que, en todo caso, as grandes explotacións son mais eficientes por unidade de traballo (para eles o mais importante) aínda que non o sexan por unidade de superficie. Pola nosa banda non atopamos unha correlación significativamente positiva entre tamaño da explotación e rendemento económico por unidade de traballo para o caso galego, pero isto é o de menos, porque, desde o noso punto de vista o obxectivo a conseguir non debería ser tanto a maximización do beneficio individual das explotacións concentrando o traballo a renda nunhas poucas delas, senón mais ben o maior numero de postos de traballo (e de explotacións) posíbel cun nivel de renda digno.

Seguramente que hai moitas persoas ás que lles pode sorprender que falemos da eficiencia económica das pequenas explotacións familiares que sempre foron consideradas atrasadas. Sen embargo compre lembrar que xa son varias as investigacións que cuestionan este mito demostrando que historicamente a agricultura galega non se pode cualificar como atrasada, nin moito menos. Como se ten descrito, tradicionalmente o noso sistema minifundista pretendía, desde o punto de vista produtivo, optimizar os rendementos dos cultivos tendo en conta a variabilidade do ecosistema, establecendo estratexias para usar os insumos necesarios na cantidade requirida, no sitio adecuado e no momento oportuno. Curiosamente esta é a definición, mais ou menos textual,  para a chamada “agricultura de precisión”, a mais moderna das agriculturas convencionais, que, na súa forma actual, apareceu en Estados Unidos nos anos oitenta.  Xa que logo. Non era o minifundio en Galiza unha agricultura de precisión e afortunadamente aínda o é en certa medida?

As pequenas explotacións labregas familiares acollen como mínimo oito de cada dez persoas que traballan na agricultura e achegan a metade das unidades de traballo

Mais a importancia das pequenas explotacións labregas familiares non se pode reducir á economía xa que cumpren outras funcións de grande transcendencia para a sociedade. As pequenas explotacións labregas familiares acollen como mínimo oito de cada dez persoas que traballan na agricultura e achegan a metade das unidades de traballo. Podemos estimar que xestionan entre un 65% e 80% da SAU e mesmo entre un 15 % e un 20% da superficie de monte, incluída a forestal (as explotacións agrarias profesionais por exemplo a penas xestionan o 2% do monte). As pequenas explotacións labregas familiares son pois indispensábeis para ocupar e xestionar o territorio con todo o que isto supón. Pero ademais prestan importantes servizos ambientais e sociais (conservación da biodiversidade, do patrimonio material e inmaterial, etc.). En resumidas contas teñen enormes vantaxes comparativas para encaixar nos novos paradigmas mundiais que conciben a agricultura do século XXI como unha actividade que non só debe producir alimentos, fibras e materia prima para a industria, senón tamén servizos á sociedade.

Esta agricultura invisíbel e desprezada non só segue a ser unha das nosas sinais de identidade senón que, hoxe en dia,  ten unha grande importancia económica e social

Concluíndo pois, non só hai gandeiros/as en Galiza. A pesares de todo tamén hai labregos/as que resistiron baixos diversas formas. Esta agricultura invisíbel e desprezada non só segue a ser unha dos nosos sinais de identidade senón que, hoxe en dia,  ten unha grande importancia económica e social pero, sobre todo, podería ter mais no futuro desde a perspectiva dos novos paradigmas agrarios que se abren paso a nivel mundial... si lle prestaramos un pouco de atención.

Acerca de Xoán Carlos Carreira