Galicia sen homes quedas

Durante a maior parte dos últimos 200 anos os galegos e as galegas elixiron a empresa da emigración. Ergueron iniciativas fóra, empresas, hospitais, cidades, e monumentos; escribiron as obras literarias que agora estudamos e trazaron as liñas mestras da nosa arte e do noso deseño no estranxeiro; dotáronnos dende a diáspora de institucións sobre as que agora construímos a nosa identidade. Cos seus cartos fixeron escolas e trouxeron educación (privada!) a lugares onde o estado non podía ou non quería chegar. E o seu investimento alumeou boa parte da industria galega e da tecnificación do agro durante o XX.

Mais a pesar de toda esa brillante historia, da que deberiamos chufar con fachenda, a emigración segue sendo no discurso dominante unha malvada lacra. Un horrible dilema. O cancro do país. Decidimos deixar ao lado a Rosalía emprendedora e valente, e collemos a súa interpretación mainstream pra refozar nela: adios ríos, adios pontes (de autoestrada), adios eucaliptais pequenos, non sei cando nos veremos.

Non podemos agardar. Necesitamos solucións urxentes que alivien a presión humana sobre as nosas colapsadas arterias. A emigración é a mellor das solucións, prós que quedan e prós que marchan.

Como nos tempos rosalianos, agora somos de novo, tras décadas de bonanza, un país pobre. Temos demasiada poboación pra escasos recursos produtivos. Unha das vías para saír do foxo é montar empresas, investir en educación e en investigación, mudar un marco cultural de ruinismo polo do coñecemento e da cooperación… Pero iso non pode acontecer da noite prá mañá. Cantos anos ou décadas terán que pasar pra que unha refundada USC se convirta no motor do coñecemento en Galicia? Non podemos agardar. Necesitamos solucións urxentes que alivien a presión humana sobre as nosas colapsadas arterias. A emigración é a mellor das solucións, prós galegos que quedan e prós que marchan. Se non a única.

A emigración é esa decisión libre dos individuos que, entre a miseria e o descoñecido, escollen o descoñecido. Elixen. Como os seus pais, e os seus avós, e os avós dos seus avós, e así varias xeracións cara atrás. Ese mundo descoñecido non é sinxelo, claro que non. Por moito skype, amigos de amigos e voos de baixo prezo que teñamos, emigrar non é unha decisión sinxela. Fóra pásase frío, soidade, medo, rexeitamento e frustración. Outros escollen a quentura da miseria coñecida, coa mesma liberdade. Sería xenial ter en Galicia un país próspero, cunha industria do coñecemento, que fornecese emprego pleno e ademais coidase o ecosistema? Abofellas! Mais ese soño non é de soñar esta noite.

O goberno debería discorrer razóns pra que os galegos que hoxe saen de Lavacolla lles digan aos seus mozos taiwaneses que en 2025 hai que volver pra reinvestir en Galicia.

Hai quen lle pediu ao goberno, durante a campaña electoral, que parase a emigración. Mais non deberiamos pedirlle ao goberno que actúe con (aínda máis) curtopracismo. O que deberían facer o executivo e o lexislativo é pensar cómo vencellar, na emigración, ese capital humano que marcha e vai marchar. Cómo atar fóra ese coñecemento que lisca. Cómo idear vincallos, alentos novos pra permanecer unidos. Cómo garantir a asistencia no estranxeiro. Que tipo de servizos comerciais se deben impulsar pra reconducir o investimento. Cómo persuadir os emigrantes de que o seu diñeiro turre de Galicia pra fóra da crise. O goberno debería discorrer razóns pra que os galegos que hoxe saen de Lavacolla lles digan aos seus mozos taiwaneses, finlandeses ou brasileiros que en 2025 hai que volver, volver pra reinvestir nun pequeno recanto da Europa Occidental.

Pra finda, ofrézolles aquí as ligazóns aos programas electorais das catro forzas elixidas polos galegos. Poden ler os capítulos que lle dedicaron á emigración mentres fan as maletas: PP (descolgado), PSOE (0 propostas), AGE (0 propostas), BNG (1 referencia aos emigrantes que retornan - wtf).

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.