O país en garda

O editorial de Praza sobre a investidura de Feijóo como presidente galego remataba cunha frase de tres palabras ("O país agarda"). É a frase máis sinxela que un pode imaxinar. Suxeito e predicado. Nada máis. Pero tras desa simplicidade gramatical agóchase un país axexante, á espreita, que vixiará ao presidente de Galiza, ese xestor metido a político que máis parece un político finxíndose xestor.

Así e todo, esas tres palabras causáronme unha fonda inquedanza. Agardar é unha actitude pasiva e, por máis vixiante que sexa esta quietude, a inacción non debe ser unha opción neste tempo e neste país. A pasada lexislatura e as súas consecuencias déronnos demasiados motivos como para que quedemos coa única tarefa de ser sentinelas.

"O país agarda", si, e vixía. Pero o país está a quedar sen tempo, o país esmorece

"O país agarda", si, e vixía. Pero o país está a quedar sen tempo, o país esmorece. Feijóo fai por non velo, consagrado coma está a máxima merkeliana do "déficit cero". O presidente obvia que este obxectivo non é a panacea, que lonxe de ser a solución a tódolos males que nos aflixen, máis ben é a súa causa, e que, porén, non pode conquerirse a calquera prezo.

Non é aceptable acadalo co despoboamento e a ruína do rural; virándolle as costas ás familias; lembrándose da nosa lingua só para condenala; favorecendo as grandes empresas e prexudicando as PEMES; obviando a crecente emigración; recortando os servizos básicos; permitindo e incluso fomentando que o país perda o seu sistema financeiro; minorizando aos demáis partidos e, porén, aos seus votantes; esquecéndose de incentivar un tecido empresarial que vertebre a nosa sociedade… Aldraxándonos.

"O país agarda" e precisa de políticas máis sociais, orientadas aos cidadáns, ás empresas, ao sector primario

"O país agarda" e precisa de políticas máis sociais, orientadas aos cidadáns, ás empresas, ao sector primario (o auténtico motor de Galiza). Agora falta por ver se uns son quen de levalas a cabo e os outros de facer ver que non se fan.

E, namentres, o pobo tamén agarda. Pero agarda por nimiedades que caen moi lonxe das grandes cifras da macroeconomía: que lles chegue o soldo a fin de mes; que suban o IVE, o IRPF e demáis impostos; que non baixen máis as pensións (o outro motor de Galiza); que non morra o rural que mantén vivos tantos pobos que viven de costas a el; que paren os desafiuzamentos... Pequeneces.

Agardemos, si, pero agardemos activamente. Os sentinelas dormen nas garitas. Fagamos algo durante a espera.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.