Galicia é un país con problemas. Galicia é un problema de país

Esta fin de semana estaremos, as xentes da cultura galega, concentrados e traballando, no Culturgal, a Feira das Industrias Culturais posta en pé grazas ao esforzo brutal e entregado das empresas que forman o tecido cultural deste país. E botado a andar, por certo, con moito menos apoio do que se esperaría dunhas administracións que parecen ignorar o moito que, aínda que só sexa en termos económicos, significa en cartos e postos de traballo a cultura nosa.

O que quero é preguntarme, e preguntarvos, cara onde é que vai o país, ou por que é que o país ignora as súas propias manifestacións culturais, ou por que boa parte do país vive de costas á parte do país que crea, ficciona, inventa mundo, fabrica, en definitiva, cultura para o país

Mais non é disto do que quero falar aquí pois non teño ganas de iniciar agora unha reflexión que nos vai levar a falar de ideoloxía e, moi probablemente da idea que uns e outros temos do país, da lingua e, en definitiva, do papel que a propia cultura debe desenvolver e o servizo que debe dar a Galicia.

En realidade, o que quero é preguntarme, e preguntarvos, cara onde é que vai o país, ou por que é que o país ignora as súas propias manifestacións culturais, ou por que boa parte do país vive de costas á parte do país que crea, ficciona, inventa mundo, fabrica, en definitiva, cultura para o país. Ou como se pode entender que teñamos unha produción cultural de todo tipo e tan variada, tan vizosa e moderna, e ao tempo, un apoio tan escaso, ás veces incluso residual, por parte da cidadanía do propio país (e xa perdín a conta de cantas veces dixen "país"; Galicia é un país con problemas. Galicia é un problema de país).

Porque o que está moi claro é que o resultado da nosa creatividade (en galego) é polo xeral bo e máis que digno, non mellor que o que se fai por aí, pero dende logo non peor. A industria cultural galega nada ten que lle envexar a ningunha outra da nosa contorna. O que se fai por aí facémolo nós. Non somos menos, dende logo, e non temos motivos para nos sentir acomplexados, nin esperamos que os clientes pasen por caixa por militancia ou patriotismo, senón porque o que lles ofrecemos é en verdade de alta calidade e xustifica que gasten os seus euriños.

Hai unha desproporción brutal entre o esforzo que acometen as empresas culturais e a resposta en termos de mercado que ofrece como retorno unha sociedade que poderá esgrimir o argumento que queira pero non, dende logo, o da pouca calidade do que lle ofrecemos

Sobre isto, non teño dúbidas e, en termos xerais, podemos afirmar con radical claridade que as nosas creacións culturais son o suficientemente boas como para que os resultados, en termos de vendas de discos ou libros, en cantidade de público que se anime a ir ao teatro ou ao cine en galego (que existe) fose mellor do que é. Sen embargo e a pesar da calidade obxectiva e contrastada da nosa produción cultural (en galego) os datos son os que son e aínda a pasada semana un informe do Consello da Cultura Galega no que se analizaba a evolución do consumo cultural en Galicia amosaba sen ningún xénero de dúbidas que hai unha desproporción brutal entre o esforzo que acometen as empresas culturais e a resposta en termos de mercado que ofrece como retorno unha sociedade que poderá esgrimir o argumento que queira pero non, dende logo, o da pouca calidade do que lle ofrecemos. Iso si que non.

Pasade polo Culturgal. Ides ver alí que hai de todo e de gran calidade. Dende aplicacións para iPad e iPhone (en galego), a cine (en galego), música infantil (en galego), páxinas web de contos interactivos (en galego)...en definitiva, un mollo inacabable de cousas que colocan o noso tecido cultural no cumio da modernidade, capaz de pelexar en pé de igualdade con quen sexa e no territorio que sexa. Nembargantes, o país non nos consume. E consumímonos. E as administracións, que teñen a obriga de nos facilitar un chisco as cousas, non reparan en nós. Somos invisibles.

E malia todo isto, seguimos creando. E estes días de Culturgal servirán para facernos sentir grandes, cargar as pilas e, a pesar de todo isto, seguirmos adiante.

Nembargantes, o país non nos consume. E consumímonos. E as administracións, que teñen a obriga de nos facilitar un chisco as cousas, non reparan en nós. Somos invisibles

Precisamente en galego.

E precisamente por este país

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.